OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE-ALTO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O 17 DE MARZO

OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE-ALTO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O 17 DE MARZO

O sábado 17 de marzo, ás 20 hrs, e dentro da programación cultural que vimos desenvolvendo desde o auditorio da Casa-Museo Manuel María, celebraremos cos Diplomáticos de Monte-Alto un concerto especial denominado Poesía para cantar.

O outro lado da música, a poesía, escribiu Luísa Villalta. Seguindo tal mandato Os Diplomáticos de Monte-Alto achegarán melodía algúns dos seus poetas máis queridos, Teresa Ramiro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Rivas e, por suposto, do propio Manuel María. Da súa palabra beberon a eito Os Diplomáticos. Alén de mestre da literatura, Manuel María foi ilustre veciño do barrio coruñés de Monte Alto. Agora volve convocalos -na súa casa natal- como anfitrión desta sesión inédita de música e de poesía.

Se queredes achegarvos á Casa-Museo para cantar versos cos Diplomáticos de Monte-Alto, debedes reservar a entrada (billete 5 euros), quer escribindo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, quer chamando ao 698177621.

A sesión culminará cunha dose condensada dos clásicos todos deste conxunto bravú.

*Información achegada dende a Casa-Museo Manuel María

A NOSA AMADA ROSALÍA

A NOSA AMADA ROSALÍA

A NOSA AMADA ROSALÍA.

 

Trobadora da nosa patria.

Labrega da nosa fala.

Es ríos, regatos e montes

Es árbores e montañas.

Es o ar nos verdes vales

Es a estrela que brilla,

Es o vento que zoa.

No laio fúnebre das badaladas

No fondo pesar das entrañas.

 

Quixeron borrar e esquecer a túa labranza

E enterrar o teu labor pola lingua.

Tamén esqueceron o dano que fixeron

¡Aos teus fillos!… ¡teus anxos!… que tanto querías,

morreron todos, coa fame que tiñan.

 

Se o pobo canta, es ti que cantas,

se o pobo chora, es ti que choras.

 

No útero do chan quedan sementadas a fala e a lingua…

E nos corazóns dos galegos cos teus cantares e poesías.

 

Non morre o sol nin morre o día

Se a loita que non se esgota persevera,

E ata a noite a converte en día.

¡E cantar, cantarei!… sementando o teu recordo…

NAI da Matria, lingua e a fala

Nunca morres nin morrerás a nosa amada Rosalía.

 

©Adolfina Mesa – 2018

 

Obra: ROSALÍA DE CASTRO.

AUTOR: Adolfina Mesa

TÉCNICA:  ARTE DIXITAL.

 

Nota:

As persoas interesadas nunha reprodución impresa da miña obra Rosalía de Castro, contactar comigo polo privado para a súa adquisición asinada en orixinal polo autor (A miña persoa) custos da obra e envío. Os prezos varían segundo formato de impresión… Grazas polo voso interese na adquisición da mesma.

Contacto:

adolfina.mesa@gmail.com

info@culturaliagz.com

 

Acto de presentación de «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833» en Mondoñedo

Acto de presentación de «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833» en Mondoñedo

Acto de presentación de «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833» en Mondoñedo

Este venres, 23 de febreiro preséntase en Mondoñedo «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833. Provincias de Lugo e Mondoñedo», un libro de Editorial Bolanda, con autoría do profesor  de Vilaronte (Foz), Xosé Ramón Veiga Alonso.

O acto terá lugar no Centro Comarcal (antigo cuartel), a partir das 20:30 h., e nel intervirá, xunto co autor do libro, o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa.

Xosé Ramón Veiga é doutor en Historia e profesor do departamento de Historia Contemporánea e de América da USC. Ademais é un reputado investigador, cunha longa experiencia, autor en solitario ou en coautoría dunha ducia de volumes sobre historia política e historia agraria, ademais de moitas ducias de artigos que foron vendo a luz en revistas especializadas.

Resume do libro

Entre 1790 e 1833 vívense en Galiza, e no resto do Estado, tempos convulsos, cun mundo antigorreximental decadente mais con forzas dabondo para resistir, e unha alternativa liberal e constitucional aínda en cueiros que turra por ocupar o espazo político. No libro repásase a concreción desta liorta a partires, no fundamental, da análise en clave política e de poder de varias vilas situadas nas daquela provincias de Lugo e Mondoñedo. Os bambeos no poder local e provincial, e a súa concreción en suxeitos históricos con nomes e apelidos, responden á dinámica dun período marcado polo choque entre absolutismo e constitucionalismo, mais en absoluto poden entenderse apelando en exclusiva a factores de carácter xeral que, pola contra, vense obrigados a pasar pola peneira duns microcosmos vilegos que condicionan dun xeito moi importante o resultado e a concreción final das pulsións xeradas no centro.

 

*Información facilitada por Antonio Reigosa

Acto do Iescha: Presentación do libro OS NOMES DO TERROR na Casa da Cultura de Vilalba

Acto do Iescha: Presentación do libro OS NOMES DO TERROR na Casa da Cultura de Vilalba

Velaí a información (arquivo adxunto en PDF) do acto organizado polo Iesha en colaboración con Sermos Galiza para presentar o libro “Os nomes do terror. Os verdugos que nunca existiron” (Represores e represión franquista na Terra Chá), que terá ligar na Casa da Cultura de Vilalba, o vindeiro venres, día 23 de febreiro de 2018, ás 20:30 horas.

Intervirán: Xoán Costa, presidente do consello de administración de Sermos Galiza  Xosé Ramón Ermida Meilán, coordinador e coautor do volume e Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, coautor do volume e  autor do traballo de estudo sobre a represión no norte de Lugo; pesentará o acto Manuel Roca Cendán, directivo do IESCHA.