Foliada de Inverno 2018

Foliada de Inverno 2018

A Señora Pandeiro e o Señor Pandeira, están de volta para inaugurar o ano foliadeiro en Begonte cunha nova Foliada de Inverno 2018. Despois do interesante obradoiro de percusión do sur de Italia e concerto dos Brigan, daremos paso á Foliada cos seguintes grupos, Foliadeir@s do Castro como grupo residente, Xaquelogo desde Monterroso e pecharán, desde Palas de Rei, a rapazada dos Fedellos da Ulloa, que tan ben o fixeron na foliada aberta do pasado outono. A foliada comezará sobre as dez da noite.

Como sempre, agradecemos á Asociación Veciñal do Castro que nos deixen o seu local para facer a festa. Agradecemos profundamente a disposición de todos os grupos que veñen a agasallar a súa música e facer unha grande festa galega. Ao rematar os grupos, foliada aberta.

Lembramos que aínda se pode apuntar xente ao obradoiro de percusión, ben a través deste correo ou chamando ao 616705174.

Achegamos cartaz da actividade.

 

 

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María

Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María non só ten a encomenda de gardar e mostrar debidamente o importantísimo legado do escritor chairego, mais tamén a de levar a cabo todo tipo de actividades que lle dean continuidade ao incansábel labor de dinamización cultural que o poeta levou a cabo durante toda a súa vida.

É por iso que neste ano 2018 queremos que o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María inicie a súa actividade.

As persoas interesadas en participaren (ou en teren máis información ao respecto), han de enviar un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal indicando o seu nome e mais un e-mail de contacto.

Terase en conta a orde de inscrición se o número de solicitudes for superior ao de participantes.

No venres 16 de febreiro, ás 19 h, terá lugar unha xuntanza de presentación na Casa-Museo (Outeiro de Rei, ao lado do concello), onde se desenvolverán habitualmente as sesións de comentario das obras. Nesta primeira xuntanza serán concretados algúns aspectos do funcionamento desta proposta lectora.

A meu curmán, Alfonso Maseda, por Pilar Maseda

https://drive.google.com/open?id=169mw_DxBaBi_tF6Slm-1OWUvlZ_apvAm

Alfonso Maseda Crespo nace en Vilalba na Porta de Cima no seo dunha familia humilde. Comeza a cantar dende neno. Co tempo foi convidado polo músico Pepe Guntín para formar parte como vocalista da orquestra vilalbesa, “La Nueva Lira”. Pasados uns anos, en 1984, marchou para a do Valadouro, “Los Mejoranos” e despois na “Marfil”, por espazo breve. Volveu a “Los Mejoranos”, dos que formaría parte ata 1991. Pasou asimesmo pola orquestra “Madeira” no ano 1996, entre outros grupos musicais […].

Amante da lingua e a cultura galegas, as súas inquedanzas van vencelladas á loita por Galiza.

A canción interpretada neste acto foi escrita e composta polo músico Arcadio Mon García, de Bacoi, O Valadouro, á memoria de Manuel María.

 …Nós, ben poderiamos ter sido personaxes narrados por Agustín Fernández Paz en calquera dos seus relatos. Somos fillos de xente humilde, nacidos no cerne dun pobo acomplexado, na “Vila Nobre” de prexuízos entre barrios, naquel tardofranquismo gris, de cando a moitos nenos nos dicían que o talento era cousa dos máis avantaxados. Mentres, os nosos pais, estaban ausentes navegando e a Toñita, túa nai, nos engaiolaba coa súa voz de reiseñor ao carón das súas cantigas.

Medramos cantando ao carón dos nosos, da familia e a veciñanza, a nosa poesía, a voz e a palabra.

Tralas cortinas de vicisitudes, eramos nenos sen domesticar, xogando na Rúa do Sol, na Porta de Cima, na Madalena […]. Afastados do progreso, por medo aos convencionalismos sociais, para nós incomprendidos.

 Fuximos cara adiante e renacemos máis tarde, coas feridas abertas que curaron co tempo. Quérote!!!