Ópera AIDA no Auditorio Municipal de Vilalba

Ópera AIDA no Auditorio Municipal de Vilalba

O auditorio Carmen Estévez de Vilalba, acollerá o xoves 8 de marzo ás 20.30h, a ópera AIDA, en catro actos, con música de Giuseppe Verdi e libreto de Ghislanzoni. Baseada na versión francesa da historia proposta polo exiptólogo Auguste Mariette, estreouse o 24 de decembro de 1871 no Teatro da Ópera do Cairo, onde tivo un indiscutible éxito.

Esta obra narra unha historia de amor truncada polas circunstancias, un romance errado con final dramático, na que os personaxes se deixan guiar polos sentimentos. Composta por catro actos e ambientada no Exipto faraónico narra a paixón entre Aída – unha princesa etíope pero escrava en Exipto – e Ramadés – militar exipcio e comandante das forzas que ocuparon a terra de Aída -. A este amor opóñense Amonasro – pai de Aída – que esixe vinganza e Anmeris – filla do faraón -, que tamén ama a Radamés.

Esta ópera, de grandes dimensións e de espectacular posta en escena, conta con arias tan populares como son: Celeste Aída, Gloria all´Exipto ou a Marcha Triunfal.

Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Día: 8 de marzo 2018

Duración:2h 45min.

Prezos: venda anticipada 10€ / O día da actuación 12€ (en Ataquilla.com e na Casa da Cultura).

 

*Información achegada dende a Área de Cultura do Concello de Vilalba.

OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE-ALTO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O 17 DE MARZO

OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE-ALTO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O 17 DE MARZO

O sábado 17 de marzo, ás 20 hrs, e dentro da programación cultural que vimos desenvolvendo desde o auditorio da Casa-Museo Manuel María, celebraremos cos Diplomáticos de Monte-Alto un concerto especial denominado Poesía para cantar.

O outro lado da música, a poesía, escribiu Luísa Villalta. Seguindo tal mandato Os Diplomáticos de Monte-Alto achegarán melodía algúns dos seus poetas máis queridos, Teresa Ramiro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Rivas e, por suposto, do propio Manuel María. Da súa palabra beberon a eito Os Diplomáticos. Alén de mestre da literatura, Manuel María foi ilustre veciño do barrio coruñés de Monte Alto. Agora volve convocalos -na súa casa natal- como anfitrión desta sesión inédita de música e de poesía.

Se queredes achegarvos á Casa-Museo para cantar versos cos Diplomáticos de Monte-Alto, debedes reservar a entrada (billete 5 euros), quer escribindo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, quer chamando ao 698177621.

A sesión culminará cunha dose condensada dos clásicos todos deste conxunto bravú.

*Información achegada dende a Casa-Museo Manuel María