Carta aos grupos políticos para a restauración da Escola Habaneira da Conchada/Os Vilares, por Antón de Guizán

Carta aos grupos políticos para a restauración da Escola Habaneira da Conchada/Os Vilares, por Antón de Guizán

A Asociación Socio-Cultural lareira de soños dos Vilares enviará está semana unha carta a cada grupo político municipal de Guitiriz, PSdeG-PSOE, Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e aos dous concelleiros non adscritos sobre a necesidade dun compromiso político público para a restauración da Escola Habaneira da Conchada nos Vilares e a inclusión desta demanda nos seus programas eleitorais para o vindeiro mandato coa vontade de tela arreglada e posta en funcionamento como centro sócio cultural antes do seu centenário en 2023. Arreglos estruturais, illamentos, obras de accesos, habitabilidade, equipamentos e dotación son as demandas acaidas aos tempos actuais para xerar nese inmoble histórico funcionamento de tipo social para a veciñanza. Numerosos son os exemplos na Terra Chá de como escolas indianas destas características propiciaron co seu arreglo a dinamización social e cultural de parroquias rurais a través tamén das entidades veciñais daquelas parroquias. Facemolo con tempo para que este non sexa o impedimento para as xestións coas entidades, administracións e acordos necesarios, proxectos e investimentos que se precisen para cada paso e co horizonte do seu centenário como mellor homenaxe a aqueles emigrantes que entenderon coa súa própria experiencia que a cultura é o mellor investimento para sair do atraso e sumarse ao progreso.

Con este obxectivo brindamonos tamén a colaborar para facilitar este traballo si é preciso e informar conxunta ou individualizadamente a quenes o reclamen.

O valor patrimonial da Escola Habaneira non se pode deixar caer no abandono pola neglixencia ou o esquecemento; é labor de tod@s salvalo e poñelo ao servizo da xente.

 

 

 

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

#AbrideAFiestra: Actividades da AELG para o Día de Rosalía de Castro 2018

#AbrideAFiestra: Actividades da AELG para o Día de Rosalía de Castro 2018

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Para este 2018, alén de seguir animando a cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día (con actos propios -incluíndo a ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres-), a AELG promoverá que os centros de ensino de toda Galiza realicen nos propios centros de ensino ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais desas lecturas da obra rosaliana, outro tipo de actividades sobre a nosa escritora das que imos dando conta nesta páxina da web da AELG. Podes ver o traballo feito neste sentido por esta Asociación desde 2011 aquí.

A AELG propón celebralo baixo o lema #AbrideAFiestra. Así, propúxose aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, convidando a comunidade escolar a realizar actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana.

A AELG celebrará o seu acto central o mesmo día 24 de febreiro, sábado, ás 12.00 no Panteón de Galegos Ilustres, acto no que se dará lectura ao Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, este ano elaborado por María Reimóndez e que vos anexamos.

Tamén para o sábado 24 de febreiro promove, a través da súa base asociativa, outros actos en diversas cidades e vilas do país. Se tes interese en organizar ese día unha lectura colectiva da obra rosaliana na túa vila ou cidade, por favor, fáinolo saber antes do 17 de febreiro en oficina@aelg.org; desde a secretaría técnica facilitarémosche un cartel específico, ademais de colaborar na difusión a través da prensa local e redes sociais e web da AELG.

Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número superior a 50, sumándose tamén as Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

Máis información no seguinte enlace.

 

Exposición IMAXE E PALABRA na Biblioteca Provincial de Lugo

Exposición IMAXE E PALABRA na Biblioteca Provincial de Lugo

O día un, xoves, ás 13,00 h, vaise inaugurar na Biblioteca provincial a exposición IMAXE E PALABRA, organizada por Aspnais con motivo do seu Cincuentenario, froito das achegas de 16 fotógrafos e 31 escritores, no decurso das visitas efectuadas aos talleres da Asociación provincial de pais e titores de persoas con discapacidade intelectual.

Estas fotografías, cos textos que as acompañan, formaron parte da exposición ASPNAIS, 50 ANOS, que se abreu ao público na sala de arte da Deputación Provincial de Lugo.

Na exposición figuran dúas obras de cada un dos seguintes fotógrafos lucenses:

ALBERTO LÓPEZ, FERNANDO GAGO, GERARDO LOZANO, GERMÁN LIMERES, INMA PURRIÑOS, JULIO LEIRA SANMARTÍN, MARIA VICTORIA FERNÁNDEZ, EDUARDO RODRÍGUEZ OCHOA, OSCAR CELA, PETER SCHNEIDER, XOSÉ MANUEL OTERO CASTRO, YOLANDA PURRIÑOS, ALVEZ, JOSÉ REIGOSA, J. VAZQUEZ e SEBAS SENANDE. Cada obra vai acompañada dun texto literario achegado polos autores lucenses: HELENA VILLAR JANEIRO, XOSE LOIS GARCÍA, CARLOS LÓPEZ FERNÁNDEZ, XOSÉ OTERO CANTO, FELIPE ARIAS VILAS, XOÁN XOSÉ FERNÁNDEZ ABELLA, ANTONIO REIGOSA, XOSÉ MARÍA GÓMEZ VILABELLA, FRANCISCO JAVIER NEIRA PAMPÍN, GERMÁN GARCÍA MERA, JOSÉ LUIS DURÁN MARIÑO, XOÁN NEIRA, MARTIÑO MASEDA, MARICA CAMPO, CARMEN BLANCO, LUIS LATORRE, XULIO VACÁRCEL, ELOI CALDEIRO, MARÍA XOSÉ LAMAS, FRANCISCO PIÑEIRO GONZÁLEZ, IAGO SANTALLA, PACO MARTÍN, MANUEL XOSÉ NEIRA, ALFONSO BLANCO TORRADO, ANA ISABEL RODRÍGUEZ, BALDOMERO IGLESIAS DOBARRIO-MERO, TOÑO NUÑEZ, MANUEL REGAL LEDO, HENRIQUE ALVARELLOS, BENJAMÍN SANTÍN CARBALLADA e ADOLFO DE ABEL VILELA.

Na inauguración, acto ao que asistirán un numeroso grupo de usuarios de Aspnais, van intervir:

– JOSÉ REIGOSA GARCÍA, Presidente de Aspnais.

– O escritor XOSÉ OTERO CANTO, leerá o poema XESÚS E O MALABARISTA, co que acadou o primeiro premio do Certame nacional de poesía sobre O Nadal, do Belén de Begonte. (O malabarista, é un rapaz de Aspnais que fai sorrir ao Neno Xesús, facendo xogos malabares cunhas laranxas, laranxas que Xesus compracido transforma en “chuches” para os nenos que se acheguen ao Portal, como un adianto do Milagre das Vodas de Canaán)

– JOSÉ MANUEL BALSEIRO OROL, Delegado Territorial da Xunta en Lugo.

MIGALLAS NA CASA MUSEO-MANUEL MARÍA

MIGALLAS NA CASA MUSEO-MANUEL MARÍA

A Casa-Museo Manuel María, a ANPA do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e a ANPA do CEIP Otero Pedrayo de Rábade programamos para o sábado 3 de febreiro, ás 18 horas, no auditorio da Casa-Museo un espectáculo para público infantil e familiar. O grupo Migallas Teatro presentaranos Merenda con pan de millo.
“Merenda con pan de millo” está baseado no libro-disco Pan de millo. No espectáculo combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretan son “Pinocho”, “O piollo e a pulga”, “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?”…
As entradas pódense reservar anticipadamente a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do teléfono 698 177 621. O prezo da entrada é de 2€. Poderanse retirar na propia Casa-Museo desde media hora e até 5 minutos antes do inicio da función, pagándose no momento. Se despois de retirar as entradas, quedansen aínda algunha sen vender, poranse á venda até completar o aforo do auditorio.