ALMA E O MAR de Francisco X. Fernández Naval na Libraría Biblos

ALMA E O MAR de Francisco X. Fernández Naval na Libraría Biblos

¿Poderá o mar curar as feridas de Alma?
Consideraba que unha parte das preguntas que facemos son impertinentes e outras serían inútiles se observásemos aos outros con atención e ollos de ver. Con ollos de muller, engadía
Francisco X. Fernández Naval – “Alma e o Mar
Seguro que algúns de vós coñecedes a Alma. Alma é unha muller como calquera outra, unha muller nun mundo de homes. Unha muller que decide retirarse por un tempo para descubrirse a si mesma e esquecer o seu pasado nun pobo da costa galega, un lugar marabilloso onde terá a ocasión de coñecer a outras mulleres de hoxe, das que loitan cada día contra inxustizas, abusos e acosos en todos os ámbitos das súas vidas.

Francisco Fernández Naval deulle vida a esta loitadora chamada Alma na novela que publicou a finais do pasado ano e quere compartir con vós un anaquiño do seu traballo. ¿O lugar de encontro? A Librería Biblos. E nós encantados. Que mellor xeito de celebrar o mes da muller que achegándovos “Alma e o mar”, unha estupenda novela que trata dun xeito realista a condición feminina na sociedade actual

Se vos apetece coñecer a Francisco, levar o voso exemplar asinado e escoitar algo máis sobre o nacemento deste libro, tedes unha cita con él mañá, día 1 de marzo ás 20:15h.

¡Non o esquezades!


Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956) licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, poeta, novelista, articulista e guionista. Obtivo o Premio Xerais de novela por “O bosque das Antas”, o Fiz Vergara de poesía por “Bater de Sombras” e o Ánxel Casal ao mellor libro galego de non ficción por “O soño Galego de Julio Cortázar” entre outros premios.

 

*Información achegada dende a Libraría Biblos de Lugo

Anatomía forense animal, por Pilar Maseda

Anatomía forense animal, por Pilar Maseda

Non teño voz,
a dor mutiloume a palabra
fíxome refén dos camiños andados.
En cada tropezo un laio
en cada derrota unha aperta
de morriña….
Daquela nena, que choraba
ao carón do pai na carnicería.
Untaba os cepos de negrillo
co sebo de becerro
eran os meus deberes…

“ Trala Porta do Poxigo na Vila… “

Nunha infancia sanguinolenta
de leccións de anatomía forense
animal.
No fío dos coitelos
pasados pola moa e o asperón
asentados logo coa chaira,
entre berros inesquecibles.

Dous días á semana.
Riles encebolados con cachelos…
Martes e Xoves…
Martes e Xoves…
Cada semana…
Un ano…
Outro ano…

Non teño voz,
esgótame a dor…
A nena da carnicería
soñaba poesía con Rosalía…
E voar coma as bolboretas
co seu elegante e sinxelo voo
polinizando flores de futuro.

Mentres esquecía o berro animal
loitando pola vida, espernexando,
colgado na trócola…
Sóubenme cómplice asasina,
aos trece anos, coas mans
tinguidas de sangue…
Cada semana animais en canal.

Fumos asasinos autorizados
con bata branca e coitelos nas mans,
partindo e despezando matanza,
subsistindo a usura bancaria
para autónomos, na transición democrática
de emprestitos ao vinte e dous por cento.

Fun cómplice asasina confeso,
meu pai, o emprendedor pagano,
dos usureiros,homes estudados
tamén autorizados.
Ben vestidos, de traxe e garabata,
con todos os dereitos de embargo.
Cando renunciaron os do Cambio
ao marxismo.

Ópera AIDA no Auditorio Municipal de Vilalba

Ópera AIDA no Auditorio Municipal de Vilalba

O auditorio Carmen Estévez de Vilalba, acollerá o xoves 8 de marzo ás 20.30h, a ópera AIDA, en catro actos, con música de Giuseppe Verdi e libreto de Ghislanzoni. Baseada na versión francesa da historia proposta polo exiptólogo Auguste Mariette, estreouse o 24 de decembro de 1871 no Teatro da Ópera do Cairo, onde tivo un indiscutible éxito.

Esta obra narra unha historia de amor truncada polas circunstancias, un romance errado con final dramático, na que os personaxes se deixan guiar polos sentimentos. Composta por catro actos e ambientada no Exipto faraónico narra a paixón entre Aída – unha princesa etíope pero escrava en Exipto – e Ramadés – militar exipcio e comandante das forzas que ocuparon a terra de Aída -. A este amor opóñense Amonasro – pai de Aída – que esixe vinganza e Anmeris – filla do faraón -, que tamén ama a Radamés.

Esta ópera, de grandes dimensións e de espectacular posta en escena, conta con arias tan populares como son: Celeste Aída, Gloria all´Exipto ou a Marcha Triunfal.

Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Día: 8 de marzo 2018

Duración:2h 45min.

Prezos: venda anticipada 10€ / O día da actuación 12€ (en Ataquilla.com e na Casa da Cultura).

 

*Información achegada dende a Área de Cultura do Concello de Vilalba.