Non teño voz,
a dor mutiloume a palabra
fíxome refén dos camiños andados.
En cada tropezo un laio
en cada derrota unha aperta
de morriña….
Daquela nena, que choraba
ao carón do pai na carnicería.
Untaba os cepos de negrillo
co sebo de becerro
eran os meus deberes…

“ Trala Porta do Poxigo na Vila… “

Nunha infancia sanguinolenta
de leccións de anatomía forense
animal.
No fío dos coitelos
pasados pola moa e o asperón
asentados logo coa chaira,
entre berros inesquecibles.

Dous días á semana.
Riles encebolados con cachelos…
Martes e Xoves…
Martes e Xoves…
Cada semana…
Un ano…
Outro ano…

Non teño voz,
esgótame a dor…
A nena da carnicería
soñaba poesía con Rosalía…
E voar coma as bolboretas
co seu elegante e sinxelo voo
polinizando flores de futuro.

Mentres esquecía o berro animal
loitando pola vida, espernexando,
colgado na trócola…
Sóubenme cómplice asasina,
aos trece anos, coas mans
tinguidas de sangue…
Cada semana animais en canal.

Fumos asasinos autorizados
con bata branca e coitelos nas mans,
partindo e despezando matanza,
subsistindo a usura bancaria
para autónomos, na transición democrática
de emprestitos ao vinte e dous por cento.

Fun cómplice asasina confeso,
meu pai, o emprendedor pagano,
dos usureiros,homes estudados
tamén autorizados.
Ben vestidos, de traxe e garabata,
con todos os dereitos de embargo.
Cando renunciaron os do Cambio
ao marxismo.