ENTROIDO 2018 no Concello de Vilalba

ENTROIDO 2018 no Concello de Vilalba

Entroido 2018

O martes 13 de febreiro teremos o concurso de entroido (velaquí as bases), co desfile de murgas e comparsas polas rúas da vila ás 17.30h, amenizado coas charangas de Vilalba e Charanga DGT de Betanzos, e o grupo Fanfarria Taquikardia.

Posteriormente efectuarase a entrega de premios na carpa institucional da Praza da Constitución.

O prazo de inscrición comeza o mércores 17 de xaneiro ata o venres 9 de febreiro, na oficina de Cultura do Concello, en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas, ou ben através do formulario da nosa web: www.vilalba.org

En caso de condicións climatolóxicas adversas os actos celebraránse na carpa institucional.

ENTERRO DA SARDIÑA

O mércores 14 de febreiro terá lugar o tradicional Enterro da Sardiña, ás 20.30h na Praza da Constitución, organizado pola Escola Municipal de Teatro de Vilalba e co acompañamento musical do Grupo Mato Vizoso.

 

*Información facilitada pola área de Cultura do Concello de Vilalba

Edición dixital do poemário ARGONAUTA en Culturalia GZ por Antón de Guizán

Edición dixital do poemário ARGONAUTA en Culturalia GZ por Antón de Guizán

De terras do poeta antón Avilésde Taramancos cheganos unha xoia poética da man do bardo Moncho Bouzas.

Nado en 1971 na Vila de Esteiro á beira norte da Ría de Muros e Noia, a máis alta das rías baixas. Pai de dous fillos, vive en Queirís no vértice da Ría de Betanzos, na coroa da área metropolitana da Coruña.

Licenciado en Ciencias Económicas e Postgraduado en Banca e Institucións Financieiras pola Universidade de Santiago de Compostela, formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte participando en numerosos recitais poéticos e en publicacións colectivas.

Culturalia GZ e NPG Nova Poesía Guitirica presentamos o poemário Argonauta de Moncho Bouzas, ilustrado con fotografías do Biólogo e divulgador científico Xurxo Mariño e obras da pintora Amalia Costa. É a recompilación de vinte vellos poemas escritos no século pasado, todos eles lidos en recitais do Batallón Literario da Costa da Morte polo autor, e que agora ven a luz en formato de libro dixital nos soportes virtuais www.culturaliagz.com e www.galiciadigital.com e que poderán ser descargadas gratuitamente en PDF. Velaí o enlace a dito poemário.

Unha nova publicación dixital dun poemário que se suma a várias colectivas e a outras que temos preparadas. Estreamos, asi un espazo aberto a creadores para a difusión das suas obras poéticas e literárias en formato dixital e gratuito que agardamos sexa aproveitado por grande cantidade de escritores e artistas.

Esta obra de Moncho Bouzas permite recuperar para o público un activo poético criado a carón do êxitos e histórico Batallón Literário da Costa da Morte, desta volta desde As Mariñas coruñesas donde reside e desde onde impulsa o grupo Voces Poéticas do Mandeo co que colaboramos desde a NPG.

Vinte poemas de Moncho, recuperados do passado século pero tan actuais como o pulso poético do seu autor, un inquedo facedor de versos e amizades que ten gañado a admiración polos seus versos de aqueles que os leen ou escoitan e a amizade de quen o trata. Convidamos pois a saborear estas vinte xoias do ARGONAUTA, primeira obra poética individual que editamos, e coa que se estreamos tamén o poeta, que na nave argonauta que zarpou desde a ria de Muros as augas da Costa da Morte para remontar  o Mandeo até o seu nacemento, na Cova da Serpe nunha longa singladura que foi, carga da de experiências cal viaxe á súa particular Itaca

En verbas do própio Moncho:

“Eu teño interiorizada, desde a participación no Batallón Literario da Costa da Morte, o concepto da poesía como unha forma de activismo colectivo. Polo tanto, concibo ARGONAUTA como unha aportación máis a este espazo poético que felizmente conformamos e conscientemente impulsamos.

O importante, para min, non é o meu breve poemario senón o ámbito social arredor da poesía que xurde do que a min me gusta denominar Grupos Poéticos Cidadás de Base.

Estou ao servizo desa idea e ofrezo ARGONAUTA xustamente porque percibo que podo participar alonxado de criterios individualistas.”

Visita de Olalla Rodil aos frescos das igrexas dos Vilares e Labrada por Antón de Guizán

Visita de Olalla Rodil aos frescos das igrexas dos Vilares e Labrada por Antón de Guizán

OS FRESCOS DAS IGREXAS DOS VILARES E LABRADA AO PARLAMENTO GALEGO.

<A INICIATIVA DO BNG, A DEBATE MAÑÁ 18 NA COMISION DE CULTURA>.

Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego con Olalla Rodil á cabeza visitou esta mañá as igrexas de San Vicenzo dos Vilares e Santa Maria de Labrada para coñecer “in situ” o estado das pinturas renascentistas de cinco séculos de antiguidade.

A delegación de cargos nacionalistas na que tamén estivo o portavoz local de Guitiriz estivo acompañada polo presidente da Asociacion Socio-Cultural Lareira de soños (promotora da iniciativa), Antón de Guizán e o vilarego Raúl Río que informaron á deputada da situación de risco de desaparición destas importantes pinturas murais que despois de tres anos demandando a súa reatauración ás diferentes administracións, estas (Deputación, Xunta e Concello) non foron quenes de actuar para evitar a súa degradación e perigo de desaparición definitiva. Será Olalla Rodil na Comisión de Cultura do Parlamento Galego a que demande unha urxente actuación, sobre todo nas pinturas dos Vilares pola situación de degradación e risco de desaparición irreversíbel das mesmas, dá autoría do mestre de Larga no S.XVI.

Agradecemos ao BNG o interese amosado poľa recuperación destas coisas do noso património e pola implicación no coñecemento directo destas pinturas murais. Adxuntamos imaxes da visita e cópia da iniciativa rexistrada para o debate na Comisión.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

Representación da peza teatral MAL DE MOITOS na Casa-Museo Manuel María

Representación da peza teatral MAL DE MOITOS na Casa-Museo Manuel María

ESTE SÁBADO, ÁS 20 HORAS, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA REPRESENTACIÓN DA PEZA TEATRAL “MAL DE MOITOS”

Este sábado, día 20 de xaneiro, ás 20 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, o Grupo de Teatro da Sdade. Cultural Medúlio de Ferrol, representará “Mal de moitos”. Peza escrita polos actores, dramaturgos e membros da Irmandade da Fala de Ferrol, Euxenio Charlón e Sánchez Ermida e que foi representada por primeira vez o 29 de maio de 1915 no Teatro Jofre.

“Mal de moitos” recrea o diálogo entre un vello o e un mozo que volta á Terra despois duns meses na emigración, mudando de lingua, vestindo de maneira ben rechamante e aparentando ser outra persoa.

Antes de se representar a peza, Francisco Rodríguez, ensaísta, membro do Padroado da Fundación Manuel María e director da obra, fará unha breve introdución e contextualización do Teatro das Irmandades.

A entrada é de balde.

Casa-Museo Manuel María

Rúa F, nº 2
27250 – Outeiro de Rei da Terra Chá (Galiza)
www.casamuseomanuelmaria.gal

Teléfono: 698 177 621
Correo electrónico: contacto@casamuseomanuelmaria.gal

Cantigas á Casa do Coto

Os versos son voces doridas

que nacen do corazón.

Os versos son bágoas salgadas

que rolan coa emoción,

onde quedaron os poetas

sofridores destas causas.

Onde as nosas cantigas,

voces das nosas mágoas.

Podemos os bos humanos

acadar glorias perdidas…

Camiñando co destino

van as almas fuxidías

loitando pola vida

ao comezar cada día.

Na aira da casa vella

xuntamos veráns e invernos

días de primavera

outonos e castiñeiros.

Recenden a verde as camposas

nos abrentes silandeiros,

cantan os galos ao día

olen a terra os loureiros.

Limpa as legañas o sol

muxe a vaca no cortello

os cochos fozan no baño

comeza o día labrego.

Ao carón do pozo vello

ollamos pasar o tempo.

A beleza é a sinxeleza

que vive dentro do home

a beleza é a sinxeleza

que vive mentres non morre.

Arden os corazóns febles

nos avatares do día

arden as almas nobres

polos camiños da vida.

Choran a terra e os anos

imos indo…o paso canso.

Cántalles a nai aos homes

imos indo…sen descanso.

Mentres choran nos declives

as noites seu negro pranto.

Na aira da casa vella

lembrámonos dos antergos

na aira da casa vella

fuxindo dos malos tempos.

Hai un cantar na terra

que se escoita caladiño…

   Vide ulir o meu aroma

de carpazas e de espiños

  Vide ulir as miñas flores

    polo monte paseniño

aromas de uceiras de cores

   e labazas no camiño…

Ide xunto a mina vella ollar

o manto de terra deixada,

da man do home sen pena.

Ulen a verde as camposas

verde é a cor da espreranaza

ulen a verde as camposas

verde é a cor  da nostalxia.

Hai un cantar na terra

que se escoita alén do ar

unha cantiga sinxela

que lle canta a nosa Chá.

Ren, son no mundo dos homes

chora a Matria con aldraxe

Ren, sen conciencia nin carraxe!!

PILAR MASEDA BARRIO