Os versos son voces doridas
que nacen do corazón.
Os versos son bágoas salgadas
que rolan coa emoción,
onde quedaron os poetas
sofridores destas causas.
Onde as nosas cantigas,
voces das nosas mágoas.
Podemos os bos humanos
acadar glorias perdidas…
Camiñando co destino
van as almas fuxidías
loitando pola vida
ao comezar cada día.
Na aira da casa vella
xuntamos veráns e invernos
días de primavera
outonos e castiñeiros.
Recenden a verde as camposas
nos abrentes silandeiros,
cantan os galos ao día
olen a terra os loureiros.
Limpa as legañas o sol
muxe a vaca no cortello
os cochos fozan no baño
comeza o día labrego.
Ao carón do pozo vello
ollamos pasar o tempo.
A beleza é a sinxeleza
que vive dentro do home
a beleza é a sinxeleza
que vive mentres non morre.
Arden os corazóns febles
nos avatares do día
arden as almas nobres
polos camiños da vida.
Choran a terra e os anos
imos indo…o paso canso.
Cántalles a nai aos homes
imos indo…sen descanso.
Mentres choran nos declives
as noites seu negro pranto.
Na aira da casa vella
lembrámonos dos antergos
na aira da casa vella
fuxindo dos malos tempos.
Hai un cantar na terra
que se escoita caladiño…
Vide ulir o meu aroma
de carpazas e de espiños
Vide ulir as miñas flores
polo monte paseniño
aromas de uceiras de cores
e labazas no camiño…
Ide xunto a mina vella ollar
o manto de terra deixada,
da man do home sen pena.
Ulen a verde as camposas
verde é a cor da espreranaza
ulen a verde as camposas
verde é a cor da nostalxia.
Hai un cantar na terra
que se escoita alén do ar
unha cantiga sinxela
que lle canta a nosa Chá.
Ren, son no mundo dos homes
chora a Matria con aldraxe
Ren, sen conciencia nin carraxe!!
PILAR MASEDA BARRIO