Representación da peza teatral MAL DE MOITOS na Casa-Museo Manuel María

Representación da peza teatral MAL DE MOITOS na Casa-Museo Manuel María

ESTE SÁBADO, ÁS 20 HORAS, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA REPRESENTACIÓN DA PEZA TEATRAL “MAL DE MOITOS”

Este sábado, día 20 de xaneiro, ás 20 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, o Grupo de Teatro da Sdade. Cultural Medúlio de Ferrol, representará “Mal de moitos”. Peza escrita polos actores, dramaturgos e membros da Irmandade da Fala de Ferrol, Euxenio Charlón e Sánchez Ermida e que foi representada por primeira vez o 29 de maio de 1915 no Teatro Jofre.

“Mal de moitos” recrea o diálogo entre un vello o e un mozo que volta á Terra despois duns meses na emigración, mudando de lingua, vestindo de maneira ben rechamante e aparentando ser outra persoa.

Antes de se representar a peza, Francisco Rodríguez, ensaísta, membro do Padroado da Fundación Manuel María e director da obra, fará unha breve introdución e contextualización do Teatro das Irmandades.

A entrada é de balde.

Casa-Museo Manuel María

Rúa F, nº 2
27250 – Outeiro de Rei da Terra Chá (Galiza)
www.casamuseomanuelmaria.gal

Teléfono: 698 177 621
Correo electrónico: contacto@casamuseomanuelmaria.gal

Cantigas á Casa do Coto

Os versos son voces doridas

que nacen do corazón.

Os versos son bágoas salgadas

que rolan coa emoción,

onde quedaron os poetas

sofridores destas causas.

Onde as nosas cantigas,

voces das nosas mágoas.

Podemos os bos humanos

acadar glorias perdidas…

Camiñando co destino

van as almas fuxidías

loitando pola vida

ao comezar cada día.

Na aira da casa vella

xuntamos veráns e invernos

días de primavera

outonos e castiñeiros.

Recenden a verde as camposas

nos abrentes silandeiros,

cantan os galos ao día

olen a terra os loureiros.

Limpa as legañas o sol

muxe a vaca no cortello

os cochos fozan no baño

comeza o día labrego.

Ao carón do pozo vello

ollamos pasar o tempo.

A beleza é a sinxeleza

que vive dentro do home

a beleza é a sinxeleza

que vive mentres non morre.

Arden os corazóns febles

nos avatares do día

arden as almas nobres

polos camiños da vida.

Choran a terra e os anos

imos indo…o paso canso.

Cántalles a nai aos homes

imos indo…sen descanso.

Mentres choran nos declives

as noites seu negro pranto.

Na aira da casa vella

lembrámonos dos antergos

na aira da casa vella

fuxindo dos malos tempos.

Hai un cantar na terra

que se escoita caladiño…

   Vide ulir o meu aroma

de carpazas e de espiños

  Vide ulir as miñas flores

    polo monte paseniño

aromas de uceiras de cores

   e labazas no camiño…

Ide xunto a mina vella ollar

o manto de terra deixada,

da man do home sen pena.

Ulen a verde as camposas

verde é a cor da espreranaza

ulen a verde as camposas

verde é a cor  da nostalxia.

Hai un cantar na terra

que se escoita alén do ar

unha cantiga sinxela

que lle canta a nosa Chá.

Ren, son no mundo dos homes

chora a Matria con aldraxe

Ren, sen conciencia nin carraxe!!

PILAR MASEDA BARRIO