GUNTINA

Guntina de ollos cansados

mans aterecidas polas xeadas

Guntina pel labrega corazón nobre

fortes entrañas.

Criaches seis fillos como antes

ao carón da estrume e das pallas.

Ulías a aldea recendo de esperanza

no San Martiño a matanza,

no San Xosé festa e xuntanza,

no San Xoán lume e milincrocas,

polo Carmio arume de herba seca.

 

Guntina de ollos cansados

fuches a nai da terra.

Agora só hai toxos e codesos,

xestas e carqueixas.

A fraga inzada de acebos,

sotos de nombres bidueiras,

carballeiras enchoupadas

anegadas coa folla seca.

 

Terra, terra e máis terra…

A casa nova, a casa vella

o forno e mais a adega.

Eras avoa a nai da terra

que a pariches co suor

carregando na cabeza

a auga da fonte do Espiño

na sella.

 

Espigando o millo

agardando a sega

e mallar o trigo na aira,

que gran festa!

Que grandes palleiras

e tantas as fanegas,

do pan sementado e suado.

 

Unhas eran para pagar traballos,

outras para pagar as rendas,

outras ías moer o avó Xosé

no muíño do Queimado,

para amasar o pan do xantar

na artesa vella.

 

Eras a nai da miña nai,

da miña terra

Marchaches un día, dende entón,

ela sempre me lembra

a túa ausencia.

 

 


Nesta nova etapa do camiño
controvertida e serena.
Atormentada pola dor
adormentada en rebeldía
coa curiosidadde esperta
nos sentidos, nos instintos,
na procura de emocións perdidas
inconexa a palabra liberada
no seguinte capítulo omnisciente
da existencia.
Busco in itínere a lúa de Méliès
un lugar sen atmosfera
un agasallo sen medo
una viaxe sen retorno
á cara oculta de Selene.
PILAR MASEDA.

POEMAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA. NPG e Outros Autores.

POEMAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA. NPG e Outros Autores.

  1. Para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero o grupo poético NPG Nova Poesía Guitirica levou a cabo a iniciativa de pendurar nas farolas poemas cuxa temática estaba relacionada con esta lacra social, que atenta contra a esencia fundamental da muller como ser humano.

E agora ditos poemas pasan a formato dixital para que poida gozar coa súa lectura todo o mundo.

Velaí o enlace para descargar os Poemas contra a Violencia Machista da NPG Nova Poesía Guitirica e que formaran parte na súa maioría da iniciativa citada de comezos de ano de #PoemasPenduradosDeFarolas e #EnNegroContraAViolenciaMachista. Ademais dos poetas escritos polos integrantes da NPG, tamén aparecen doutros autores coma Emilia Martínez Fuentes, Toño Núñez, o vilalbés Martiño Maseda, o gañador da primeira edición do Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro, Raúl Gómez Pato e, por suposto, o vilarego universal Xosé María Díaz Castro.

OS HAIKUS, EN GALIZA, TEÑEN NOME DE MULLER E CHAMANSE VILARIÑAS por Antón de Guizán

OS HAIKUS, EN GALIZA, TEÑEN NOME DE MULLER E CHAMANSE VILARIÑAS por Antón de Guizán

Será o vindeiro sábado 2 de decembro ás 18:30 da tarde na igrexa dos Vilares (Guitiriz), cando:

-Andréa Araújo Alonso, A Guarda, estudante de artes escénicas.

-Pedro Rielo Lamela, Pontevedra, xornalista da TVG.

-Toño Núñez, Navia, mestre.

Recibirán os Prémios do 1° Certame VILARIÑAS de micropoemas da man de Sandra Tenreiro, mestra de música e cantautora, Luz Campello (NPG), traballadora social e poeta e Marica Campo, mestra e escritora.

Os gañadores recibirán unhas “Vilariñas” deseñadas pola artista da Costa da Morte Viki Rivadulla e un exemplar coa recompilación das Vilariñas presentadas (máis de 150).

Intervirán neste acto, ademáis dos premiados e as persoas que farán entrega, o poeta vilalbés Martiño Maseda (Culturalia GZ), Fátima Fernández (NPG) e o presidente de Xermolos, Alfonso Blanco, depositario do legado do poeta Díaz Castro.

En Galiza, os Haikus, tomado nome de Müller, <VILARIÑAS> En homenaxe ao nóso poeta, Xosé María Díaz Castro, nado no Vilariño, Os Vilares. Pepe do Vilariño, como se lle coñecia na parróquia chairega de Guitiriz, foi o poeta das cousas pequenas, das herbas pequerrechiñas da Chaira que enchem de perfume o mundo é desa admiración polas pequenas coisas inspirouse o Certame VILARIÑAS e o próprio nome dos micropoemas deste concurso.

Nacen así  as <VILARIÑAS>, as micro poesías galegas con nome próprio que verán publicadas as bases da segunda convocatória no mês de xaneiro de 2018.

As entidades organizadoras, A Asociación Sócio-Cultural Lareira de soños, a NPG Nova Poesia Guitirica e o soporte dixital www.culturaliagz.com teñen organizado após do acto unha “Cea Vilariña” en Guitiriz.

Longa vida ás <Vilariñas> e que Medre a Poesía!!

 

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1