XII HECTÓMETRO LITERARIO PARA MINI E MERO NO PASEO DOS SOÑOS EN VILALBA

XII HECTÓMETRO LITERARIO PARA MINI E MERO NO PASEO DOS SOÑOS EN VILALBA

Celébrase o día 18 no Concello de Vilalba, ás 12 da mañá no Paseo dos Soños, un percorrido pola lembranza da xente honrada en anos anteriores, para chegar á deste ano dedicada a Mini e Mero, músicos e cantores. Será un paseo compartido e celebrado na palabra de distintas persoas que cos seus textos, darán voz aos aos vínculos cos cantores. Acabará coas verbas dos, desta volta, honrados para finalizar coas consideracións de Alfonso Blanco Torrado. Despois haberá un xantar fraternal e para participar haberá que anotarse previamente.

PROGRAMA:

12:00 H. Xunzanza no Muíño do Rañego, a carón do río Madalena (Concello de Vilalba).

Interpretación da Peza composta a Mini e Mero polo gaiteiro nubeiro Raúl Galego.

Recitado do poema a Mini e Mero por Xoán Xosé Fernández Abella.

Recepción a cargo de Jesús Mato Mato

A continuación, comezará a andaina polo Paseo dos Soños e por cada hectómetro de fantasía e ilusión intervirán:

Paco Martín, Xosé Lois García, Miro Casabella, Luís Foz, Marica Campo, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Rubén Aramburu, X.L. Santos Cabanas, Isidro Novo e Xulio Xiz.

Diante do XII hectómetro (creación de Xosé Val Díaz) intervirán Mini e Mero, e deseguido pechará o acto Alfonso Blanco.

Finalmente celebrarase o xantar de confraternidade no Restaurante Terra Chá.

Asunción dos Ares in memoriam, por Antón de Guizán

Asunción dos Ares in memoriam, por Antón de Guizán

A semana pasada finou na súa casa dos Ares, nos Vilares, Asunción Lobeiras Díaz con 101 anos cumpridos e máis dun século de memória como testemuña dunha época trascendental. Non son moi amigo de lembrar nin homenaxear a xente despois de morta, máis a Asunción xa a homenaxeamos en vida coa distinción do Prémio Trapeira de Honra neste ano que se vai porque representou perfectamente a todas as mulleres do rural, anónimas, que en tempos tan difíceis como a guerra civil, a posguerra, a escasez de recursos, as necesidades máis básicas convertiron a estas mulleres en autenticas heroínas e grazas ás cais gozamos dunha vida mellor. No caso de Asunción, viúva de moi nova e con fillos pequenos por criar, foi dobremente difícil, máis nunca lle faltou o seu sorriso até o último suspiro de vida.

Lonxe de calquera foco mediático, no anonimato de milleiros de mulleres do rural, Asunción é hoxe para nós a imaxe das mulleres galegas loitadoras, un icono de dignidade.

A nosa Trapeira de Honra, honrada na entrega do premio por mulleres exemplares de hoxe como Tereixa Novo (Fuxan os Ventos), María Xosé Silvar SÉS, Arantxa de Galindo (Los Satélites), Sandra Tenreiro, as mulleres poetas Guitiricas da NPG ou Pas Veres, formará parte da nosa lembranza colectiva como modelo de loita, sacrifício e amor pola súa tribu desde o traballo silencioso.

 

Con Asunción ao igual que con outra moita xente maior do nóso rural, vaise a lembranza doutros tempos, a sabiduria popular e e o exemplo dunha xeneración inigualabel. Con eles vai morrendo, tamén, o nóso rural, a nosa cultura popular e con ela as nosas orixes, o que somos. Sin memória morremos como pobo, por iso manter na lembranza a persoas como Asunción dos Ares, contribúe afacer país porque persoas como ela son a nosa esencia; a humildade, o traballo, o compromiso, a loita e a alegría.

 

Sempre en nós, Asunción dos Ares, Trapeira de Honra.

 

Antón de Guizán, Presidente da Asociación Sócio-Cultural

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

 

*Imaxes de Asunción Lobeiras (premio Trapeira de Honra 2017) e con Pastora Veres.

Exposición “Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia” na Casa da Cultura de Vilalba

Exposición “Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia” na Casa da Cultura de Vilalba

Afundación, ABANCA e o Concello de Vilalba presentan a exposición «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia», que lucirá do 9 de novembro ao 9 de decembro na Sala de exposicións da Casa da Cultura de Vilalba.

Pódese visitar de luns a venres de 11h a 13h e de 17.30h a 21.00h. E os sábados de 11h a 13h.

A inauguración e visita guiada da mostra terá lugar este xoves 9 de novembro ás 20.00 h na Sala de exposicións da Casa da Cultura.

Nos seguintes enlaces aparecen os datos relativos á exposición: Invitación, Cartel anunciador e Folleto informativo.

 

*Información facilitada pola Área de Cultura do Concello de Vilalba.