DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “Unha escuridade espectral”

REDEIRAS, Foto Roque

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

UNHA ESCURIDADE ESPECTRAL

Non recordaba ben cando fora a última vez que vestira dunha cor diferente, sempre se lembraba así, de escuro. Con seis anos falecéralle o pai, cumpría amosar a dor descarnada e fría, o irmán máis pequeno estaría envolto nunha mantiña de “alivio” porque non era cuestión de que a dor se cebase naqueles corpiños tenros e indefensos, que sen comezar a vivir xa viran a morte de preto.

A da gadaña viña sempre para levalo todo, como dicían as vellas, para levar as ilusións, os proxectos, as esperanzas, os sorrisos, os cartos,… Co tempo, foi deixando a lóbrega túnica, porque era moza e non pode ser noite para sempre. O día do casamento ía de negro, a cor da elegancia, a cor que tanto aborrecía, porque xa se convertera nunha segunda pel, algo que non por iso tiña que agradala.

Lembraba que a súa nai cando soubera que ía casar con aquel home, fartara de chorar, a súa filla ía ser a viúva dun vivo, un home, do que con sorte sabería uns poucos meses logo de cada marea, ao que lle contaría como medraban os fillos entre cortos e cambios cada vinte días, un señor a quen a súa prole recoñecería polo que a nai contase, do pouco que sabía del.

Os veráns de néboas espesas, as enloitadas mulleres de idades indefinibles, subían o camiño á capela, a aquela atalaia herdada doutros pobos para facer roldas e tocar a campá ata que a néboa se disipaba, nunca se sabía cando un fillo, un pai, un marido, ou un irmán podía estar chegando a porto e non querían que na pescuda o casco se esnafrase contra os cons.

Naufraxio, era aquela palabra que entraba nas casas para facelas salitre, para esmigallalas, e facer de quen as habitaba, un espectro. Os do seguro amais dos pésames, tiñan no servizo un bote ou dous de tinguidura negra, porque o negro era para a morte e tamén para a vida, pero que pasaba con aqueles a quen non podían enterrar porque non apareceran? Como ser pode ser viúva ou orfa dun espectro?

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “De tetas e guerras”

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga


DE TETAS E GUERRAS

Ao longo dunha semana pasan moitas cousas, e moitas máis pola nosa mente. Pero acontece que son as nosas sinapses cerebrais as que as acompasan, as que as vencellan, as que lle atopan ou non sentido. E estas gafas violetas que desque as puxen quedaron incrustadas na retina destes ollos. Atopar dentro do espello unha realidade que queren que fagamos nosa, anulando o aturuxo propio que nos sae de dentro. Esta semana descubrín que nun cadro médico ás mulleres podemos falarlles sen rubor de “saúde feminina” e englobar dentro dela a saúde meramente reprodutiva, porque para iso estamos non, diría a Bandini, para enxalzar as Mammamammmamás!, as que portan tetas, para aleitar, ou para crear beleza, para parapetar tras dun sostén ríxido, porque as tetas caídas fan feo. E non é porque a humanidade teña xerontofobia no día a día, ou si? Preguntémonos cantas artistas se viron apartadas dos focos non porque carecesen de talento, senón porque tiñan xa demasiados anos para unha sociedade que só nos ve como corpos, obxectos, fornos reprodutivos e seres sexuados e pérfidos. Volvendo de novo a un arcaísmo medievalista, no que ou se é virxe, nai, monxa ou abnegada avoa ou se é puta, desleixada, mala muller, solteirona, libertina ou bruxa. Porque o que se escapa aos patróns desta sociedade patriarcal, controladora e paternalista non ten caso. Señora e señore, hai que ser reina, dura, Bugatti e traer loquito aos daddies.
E descubrín tamén que se ás mulleres se nos pode falar de saúde reprodutiva, a eles non, porque “como se che ocorre falarlle de disfunción eréctil?” Xentiña, isto non vende, que ha vender. Eles non teñen problemas físicos, os problemas son nosos, e o capitalismo pónnolo moi sinxelo, sosténs, corsés, faixas,… todo aquilo que poida poñer todo moi grande, moi duro e moi… guerreiro. Esa é outra, porque existen unha variedade de machos Alfa dispostos a medila que é abraiante, sexa Biden, sexa Putin a cuestión é medir… pero non os intelectos; a ser posible algo máis físico, pero resulta que non nos vén ben atoparnos para ollar o que colga entre as pernas, non se preocupen que sempre poderemos medilas mesmo na distancia, saquemos o armamento que haberá quen o aplauda. E mentres xs que aínda gardamos algo de amor propio, de amor pola terra, pola memoria, polo papel da muller na historia sabemos perfectamente que hai idiomas que inventaron os afectos, os coidados, as orixes e que non hai aturuxo coma a liberdade, nin nada tan valioso.

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

A urxencia da creación, a necesidade imperiosa de alzar a voz dende a tinta impresa, o impulso primixenio da artesanía, aquel que lle deu forma ao universo dende o inicio dos tempos, facer do caos algo perfecto, facer da perfección un deconstructo imperfecto do espazo, do tempo, da sociedade, da vida, dos azos, das arelas.

Cada persoa esconxura os males dun xeito ou outro, o meu avó era carpinteiro e os seus poucos anos de escola déronlle para aprender a ler e escribir, nunca moitos libros tivo, só un herdado do seu avó, tamén carpinteiro e que gardaba no bandullo a escrita de varias xeracións nas marxes dos proxectos de carpintería, aprendendo a recoñecerse polo trazo do grafito na celulosa. El deunos o herdo da palabra escrita, da necesidade do impulso lector que rematou por concretarse nunha bibliopatía que a día de hoxe aínda me persegue.

A avoa deunos o herdo da fala, das cantigas e recitares aprendidos de memoria, da expansión. O seu era esconxurar os males e as preocupacións no seu refuxio, aquela cociña na que traballaba, a da casa e a que lle deu cartos nos veráns cociñando para aqueles rapaces de poucos recursos que viñan da capital a un campamento a carón do mar. Ela fora moi poucos días á escola, porque ese era un galano reservado para os homes da casa. Difícilmente ganduxaba o seu nome, e xa de ben maior foi á escola de denoite, pero escribir todo o que sentía éralle moi traballoso e leváballe un tempo que non tiña. Inda a lembro estonando as patacas sobre un cesto que poñía no regazo, a carón do vertedoiro. Alí berraba polo baixo coas veciñas por non dicírllelo á cara e quedar a mal con elas; laiábase dos males do mundo e escoitaba promesas políticas do outro lado da radio que sempre zanxaba dicindo “a estes poñíaos eu a traballar e verías ti como funsionaba o país”.

Eu sempre fun máis de poñer en papel o que me bulía por dentro e aquí estamos, deixando levedar o amor de tantas xeracións polo idioma.

Presentación das obras HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, e UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, no Museo das Aves de Cospeito

Este sábado 18 de decembro, a partir das 12 horas, no Museo das Aves de Cospeito terá lugar a presentación da obra gañadora e mais da finalista no III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ. HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, é UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, 1º e 2º premio respectivamente, sairán nunha primeira edición baixo o selo da Editorial Toxosoutos, na súa colección poética letra inversa.

Andrea Fernández Maneiro, coa obra “Contra-Tempos”, gaña o IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

E quedou como finalista a obra DA CARNE, de Rafael Lobelle González

Reunión do xurado en Cospeito

O IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O xurado de dito certame, composto por Beatriz Dourado, Adolfina Mesa. Armando Requeixo, Patricia Torrado Queiruga e Xosé Otero Canto, actuando como secretario, con voz mais sen voto, Martiño Maseda, reuniuse este sábado 6 de novembro de 2021 no salón de plenos do Concello de Cospeito e, despois dunha longa deliberación, valorando entre as 32 obras presentadas, fallou por maioría de votos conceder o primeiro premio da categoría de 18 anos en diante á obra CONTRA-TEMPOS, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, corresponde a Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa, por “tratarse dun poemario moi equilibrado, cunha voz poética potente e conmovedora, que outorga visibilidade a unha temática tan silenciada como é a da saúde mental”. E o segundo premio recaeu na obra DA CARNE, cuxo autor é Rafael Lobelle González, de Chantada, porque, tendo en conta o criterio do xurado, “estamos ante unha poesía escénica, ben estruturada, que se abre a diferentes dimensións e interpretacións, destacando a riqueza cromática no xogo das palabras”.
A categoría de menores de 18 anos quedou deserta por ausencia de participación.
A entrega de premios está prevista para o vindeiro sábado 13 de novembro de 2021, no local social de Pino, lugar onde se sitúa a Torre de Caldaloba.