As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.
As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.
Hai veces que non é preciso inventar historias, senón andar sempre atenta á realidade, que, ás veces, rabuña en nós.
Esta pasada semana, tendas e supermercados, berce do capitalismo nestas datas, con corredores ateigados de persoas enchendo os carros ata os topes topei a unha señora que me deixou prendidas as verbas na retina.
Diante de min unha señora duns oitenta e tantos, cun carriño pequeno nun supermercado enorme ía collendo o de todos os días, ollando datas de caducidade, falando cos produtos dicíndolles que para a súa pensión de viúva aquilo comezaba a ser insostible.
—En dúas semanas trinta séntimos, onde imos cheghare?
O único que diferenciaba aquela compra do resto das que debía facer no ano era unha bolsiña pequena de peladiñas, unha tableta de turrón brando e catro polvoróns.
Chegadas á caixa, eu metendo en bolsas os produtos da miña compra e ela comezando a poñer os da súa na cinta preguntoulle á dependenta:
—Rapasiña, ti sabes canto me podería custar unha Alexa desas e onde se merca?
—Pois verá, nós aquí non as vendemos, pero vostede para que quere unha Alexa? —respondeu.
—Para ter con quen falar na casa, e como vexo pola tele que ti con falarlle ela xa che contesta, pois para sentirme acompañada.
Ollámonos en fite a dependenta e eu e ela díxolle:
—Pero señora Rosa, vostede non ten dous fillos? Non pasa estas datas con eles?
—Meus probes, están cada un coas súas familias e non me han vir buscar, que un está a vinte quilómetros e o outro a cen.
Collín as bolsas pensando en cando unha nai deixa de ser parte dunha familia, e rumiei en canta xente pasa soa anos enteiros, sen ter sequera con quen falar.
Unha muller colle da man a unha nena, pequena, duns cinco ou seis anos. Óllanse e sorrinse, unha porque a quere ensinar, a outra porque goza do que comparten. O primeiriño é apañar as flores que medran cando xa se extinguiu a primavera, cando xa as árbores perden a súa cor. Os monllos dispostos sobre o banco de pedra da casa vella, o gato rebuldeiro frétase coas floriñas que quedaron sobre o mandil da avoa, ela coa fouce cortou un anaco de xesta para tecela e logo espetar flor a flor as cores do recordo nunha coroa festiva.
Cando eramos cativas, os cemiterios eran un lugar para mulleres, as avoas, nais, irmás, fillas, parellas, eramos as que limpaban nichos e sepulturas, as que colleitabamos as flores, facíamos os arranxos, as que acendíamos as candeas, as que rezábamos todo o que nos ensinaran outras antes ca nós sen cuestionar crenzas, versículos ou tradicións, as que levabamos xs máis pequenxs con colares de zonchos; por cada castaña, unha ánima liberada.
Eu son das que volve aos cemiterios, porque son lugares que no mesmo silencio falan aos catro ventos de historias malogradas, de soños e esperanzas, de amizade, de amor. Son das que esculca con curiosidade, porque as mans e as olladas de quen por alí discorre tamén fala do mundo que somos e do mundo que formamos.
De cativa, a avoa falaba coa sogra cando lle limpaba a sepultura, un resumo anual devagar neses intres que compartían unha coa lembranza da outra. Sempre me chamou a atención que a avoa se fixese cargo da sepultura da sogra e non da de súa nai, da que se ocupaba a súa cuñada, o herdo da memoria ía sempre de muller a muller, custodias vivas dos recordos dos que xa non estaban. Eu agora falo co avó cando limpo a súa sepultura e a través da friaxe da pedra mándolle a pouca quentura que podo a aqueles ósos que quixen tanto, porque me sei vixía dos seus recordos, herdeira de segredos, loitas e medos; é por iso que o meu fillo fala do bisavó como se o tivese coñecido, aleitar no recordo é tamén un herdo feminino.
Hai uns días escoitaba por boca dunha mestra: E que os rapaces agora non teñen culturiña ningunha, non saben comportarse, non teñen habilidades sociais,…
Ás veces fai falla que escoitemos este tipo de sentenzas para que ollemos dentro e fóra de nós mesmxs. Se ben é certo que os tempos mudaron, tamén mudou a sociedade enteira, ou iso agardamos. Nunca tanta información houbo a golpe de clic, ao alcance da man e nunca tan desinformada estivo a poboación, o avance requiría tamén un maior compromiso social a todos os niveis, facendo xente crítica co seu entorno. Actual segue aquela frase de Horacio que logo Kant faría súa, Sapere aude “atrévete a saber”, a buscar por ti mesmo, ente pensante, as razóns de todo o noso mundo.
Mais o que rematamos por atopar foron seres idiotizados e adormecidos. Lembrades cando durante o confinamento reconectamos cxs demais? Falabamos ca veciñanza polas fiestras, ollabamos os músicos con respecto e admiración, falabamos de que sairiamos mellores daquela situación, de que teriamos que loitar por unha sanidade pública e de calidade, que deberiamos agradecer a todos aqueles sectores decisivos da poboación que désemos saído do pozo. Que teriamos que axudarnos. Que mágoa que non podiamos visitar nas residencias xs nosxs familiares, e pregunto eu, agora visitámolos moito máis que naquel entón? Canto botamos de menos bicos e apertas, cando foi a última vez que ti, que me les, lle dixeches á xente á que queres o que sintes de veras por ela? Pregunto, que foi o que resultou de todo aquilo?
Esta semana reparaba nun home que pedía esmola a carón dun supermercado, no cartón “Son galego, teño unha familia e quedei sen traballo trala Covid. Non chegamos a comezo de mes”. Ninguén o miraba aos ollos, e cando ergueu a vista e topou os meus, aqueles ollos verdes arrasáronse en bágoas. Fiquei no coche, e descubrín que conquistara a invisibilidade, ninguén parecía advertir a súa presenza.
No concello veciño, un músico fumaba un pito mentres ollaba con tristura o seu violín na rúa, mentres eu fotografaba o seu medio de vida, díxome: un día, ese que dorme, foi feliz.
Na rúa comentarios sobre a guerra en Ucraína, xente que defendía que os inmigrantes norteafricanos que viñan en pateira tiñan que ser deportados canto antes aos seus países de orixe, algúns deles en guerra, agora defende que o asilo ten que dárselle a quen escapa de Ucraína, cal é a vara de medir? Onde quedou a empatía, na cor da pel? Na localización xeográfica?
Outra imaxe, un monte iluminado nunha noite de verán, as lapas lambendo cada recuncho vexetal, os bombeiros parando o tráfico, unha parella cun cativo no coche porfiando en querer pasar, van á festa da localidade veciña, a douscentos metros un neto pásalle un caldeiro con auga ao avó.
Como podemos aprenderlle á mocidade unhas habilidades sociais que as adultas non temos?
Podemos reeducarnos en ollar o mundo dende un prisma propio?
Onte, nun bar, mentras a xente tomaba a súa consumición sen case falarse, co teléfono entre as mans, unha parella de anciáns tomaba café ollándose con agarimo. Uns rapaces xogaban a perseguirse pola praza mentres os sorrisos brincaban tras deles. Igual se fósemos capaces de acubillar na pel o alento do futuro, descubririamos que se nos damos présa, estamos a tempo de pórlle remedio a tantos males pandémicos.
Toda boa demiurga ten que saber facer moitas cousas, porque para iso adquirimos motricidade fina, e intelecto, imaxinación e unha sorte marabillosa de sentidos cos que aprehender o mundo.
Na casa da avoa o primeiro era aprender a facelo todo, dende ben cativas, pero nesa pleura que recobre o cerebro quedan algunhas sensacións a lume. É pechar os ollos, apuntar cun dedo ao calendario, saber que é mes de xuño, que é día 23 e o corpo enteiro baila un savoir fare antergo. Deixar que o naris nos leve aos camiños xa mil veces paseados, transitar as corredoiras e nomear o mundo coma cando tiñamos cinco anos, da man da avoa, co mandil a cadros, aquel no que gardaba unha presadiña de caramelos, ou de pasas. Como me gustaban as pasas.
Na man un cestiño de vime pequeno, con asa, e unha navalla. Si, as nenas de aldea sempre levamos unha navalla no peto, dende cativas, nunca nos mancamos con ela e sobrevivimos.
Deixar medrar nos beizos o nome das flores da noite do San Xoán. Porque é a noite máis festeira e meiga das que hai en todo o ano, consagrada máis que o propio santo, pois non houbo cristianismo que lle sacase as cores, ou a ledicia.
Olliños de noso señor, herba de Santa María, malva de olor, romeu, hipérico, fiuncho, follas de limoeiro, rosas, herba luísa, a cuestión é que sempre nos pasábamos de plantas, tiñamos que ter sete, pero o monllo medraba e mentres fose impar, todo ía en orde. O ritual era como un pedir permiso para poder cortar unha ramiña, acariñando na planta, e deixando as mans impregnadas da súa saiba, recender os camiños perfumados que quedaban entre os dedos e nos que se nos pegaban os soños e os sorrisos.
Coller unha almofía de porcelana esmaltada, ou un caldeiro de zinc e ir por auga á fonte, porque é máis pura que a da billa, ou iso di a avoa.
Somerxer as flores coa impaciencia de quen agarda pola mañá de reis, e un dente de allo, sen estonar, para que non veña o demo facer das súas, porque unha cousa é ser meiga e non andar nos pasos dos santos, pero o demo é cousa aparte.
E así, entre dous mundos, entre o ben e o mal, entre o pagán e o cristián medramos coas meniñas incendiadas de cacharelas, flores e ilusión.
Nunha tarde coma a de hoxe, facede das crianzas demiurgas da tradición, fachendosas da terra que habitan, sementada da herdanza do agarimo dos sentidos.