Deusa exipcia Sekhmet

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

IT’S YOUR TURN BUT NO YOUR MOMENT

Ás veces as grandes sentenzas semellan máis poéticas, menos crúas, se as dicimos noutras linguas.

Sempre me gustou o baile. Unha man no ombreiro, outra no van da parella, un sentir a mesma música e interpretala cada persoa co seu propio corpo, pero escoitando o mesmo. Mais aínda que o ritmo o sentimos dende pequenas, aprendes que hai unhas regras, incluso para o baile, e resolves que curiosamente quen vai levar o mando, vai ser a parte masculina mesmo no tocante a como ti sentes a música.

Se algo temos aprendido as mulleres ao longo da nosa vida é que a meirande parte das veces se goberna para nós, sen ternos verdadeiramente en conta. Mesmo hai quen quere defender a igualdade dende a “sabenza” dunha diferenza que é a que se usa tanto para enxalzarnos coma para domearnos. Que voluble é a linguaxe, que etérea a utopía, que crúa a realidade.

Poñer sempre en tea de xuízo o que podemos ou non podemos facer, a tristeza de constatar e extrapolar aquilo que nos dicía Federico II de Prusia: Tout pour le peuple, rien par le peuple, o que hoxe poderiamos parafrasear como: “Todo para as mulleres pero sen as mulleres”. Este mes volvíamos reivindicar medidas que verdadeiramente muden este país no que vivimos, en canto a igualdade, para evitar os sesgos de xénero, os teitos de cristal, reivindicar un 8 de marzo que para algúns é unha celebración, “Señoras, podedes saír á rúa e pedir o que consideredes, deixámosvos”. Son esas mesmas voces as que en troques de pedir unha baixada de prezos, abusivos a todas luces, o que fan é dicir que eses 20.319M€ en políticas de igualdade é mellor destinalos a outras cousas, porque xa que estades “señoras” acostumadas a calar e a acatar o resto de políticas, porque non ides facelo agora se é polo ben de todos? E ante isto, os que desvalixaron a sanidade pública, os corruptos que levan anos roubando á cidadanía, os que levan anos rachando coa educación pública veñen darnos clases de moral, hai incluso “mulleres” que teiman en dicirnos que hai máis sitios onde meter os cartos. E quen un día nos di que a violencia vicaria é un tipo de violencia machista e ao día seguinte argumenta que iso non ten nada que ver coa violencia machista. Dobreces da linguaxe.

Seguimos sometidas a un patriarcado que nos quer facer ver como menores de idade, papeis secundarios, pero necesarios para dar idea de novos tempos, listas electorais paritarias,… pero canta razón tiña Beauvoir, canta! Vale calquera zarangallada para que se poñan en tea de xuízo os nosos dereitos, non se pode baixar nunca a garda, porque como ela mesma dicía: “o opresor non sería tan forte se non tivese cómplices entre os propios oprimidos”.

Ás veces non sei se son eu, que o sente así, ou se é un sentimento máis estendido. Semella que as mulleres sempre chegamos tarde a todo, mesmo á historia, que sempre somos as últimas e sempre temos que demostrar máis ca ninguén, porque como se poñía antes nas cartillas da mili a eles “el valor se les presupone”. Teremos que seguir, coma nos documentais, sendo leoas, que tras desas poutas mulidas coas que agariman o chan que pisan, limpan as gadoupas coa lingua rasposa da realidade, sen perder nunca de vista de onde vén o vento.

Xa o dicía miña avoa, non hai nada como bailar o “suelto”.
E ti, apártaste porque o teu momento xa chegará ou pensas reclamalo agora, porque verdadeiramente é teu e ninguén che pode dicir que agora non toca?

*Autoría da imaxe da deusa Sekhmet, Patricia Torrado Queiruga