UNHA ESCURIDADE ESPECTRAL
Non recordaba ben cando fora a última vez que vestira dunha cor diferente, sempre se lembraba así, de escuro. Con seis anos falecéralle o pai, cumpría amosar a dor descarnada e fría, o irmán máis pequeno estaría envolto nunha mantiña de “alivio” porque non era cuestión de que a dor se cebase naqueles corpiños tenros e indefensos, que sen comezar a vivir xa viran a morte de preto.
A da gadaña viña sempre para levalo todo, como dicían as vellas, para levar as ilusións, os proxectos, as esperanzas, os sorrisos, os cartos,… Co tempo, foi deixando a lóbrega túnica, porque era moza e non pode ser noite para sempre. O día do casamento ía de negro, a cor da elegancia, a cor que tanto aborrecía, porque xa se convertera nunha segunda pel, algo que non por iso tiña que agradala.
Lembraba que a súa nai cando soubera que ía casar con aquel home, fartara de chorar, a súa filla ía ser a viúva dun vivo, un home, do que con sorte sabería uns poucos meses logo de cada marea, ao que lle contaría como medraban os fillos entre cortos e cambios cada vinte días, un señor a quen a súa prole recoñecería polo que a nai contase, do pouco que sabía del.
Os veráns de néboas espesas, as enloitadas mulleres de idades indefinibles, subían o camiño á capela, a aquela atalaia herdada doutros pobos para facer roldas e tocar a campá ata que a néboa se disipaba, nunca se sabía cando un fillo, un pai, un marido, ou un irmán podía estar chegando a porto e non querían que na pescuda o casco se esnafrase contra os cons.
Naufraxio, era aquela palabra que entraba nas casas para facelas salitre, para esmigallalas, e facer de quen as habitaba, un espectro. Os do seguro amais dos pésames, tiñan no servizo un bote ou dous de tinguidura negra, porque o negro era para a morte e tamén para a vida, pero que pasaba con aqueles a quen non podían enterrar porque non apareceran? Como ser pode ser viúva ou orfa dun espectro?