Aunty Rayzor, Afrorack, Haya Zaatry, Kabeaushé e Lapilli percorreron esta mañá a enseada de San Simón para coñecer, de perto, as bateas e o sector do mexillón
Se no Festival Sinsal SON Estrella Galicia é o publico quen se sorprende ao coñecer o cartel; as bandas e solistas que participan no evento -a meirande parte delas é a primeira vez que visitan Galicia- son quen descubren abraiadas, ao chegar a Redondela, a espectacular contorna natural na que se atopa a illa de San Simón.
Na mañá deste luns, cinco das bandas e solistas que conviviron co público esta fin de semana no arquipélago conformado por San Simón e Santo Antón tiveron a ocasión de coñecer, de perto, o patrimonio natural da Ría de Vigo. A manchega Lapilli, as nixerianas Aunty Rayzor, o ugandés Afrorack, a palestina Haya Zaatry e o keniata Kabeaushé, ao bordo dunha embarcación histórica e acompañadas de guías, descubriron a diversidade mariña da zona e achegáronse ás bateas para descubrir a labor do sector do mexillón nas Rías Baixas.
A visita, celebrada coa colaboración de Estrella Galicia e encadrada como parte das actividades de promoción e difusión cara ao exterior do territorio que Sinsal realiza no marco dos Rías Baixas Fest (a campaña promovida pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas), rematou cunha pequena degustación e, incluso, con actuacións improvisadas das artistas Aunty Rayzor e Lapili fronte á enseada de San Simón.
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia presenta as actividades paralelas enmarcadas na Escola Sinsal, que afondarán na historia do rexistro sonoro en Galicia
Unha exposición didáctica na que se integra a linguaxe do cómic ou sesións musicais no novo escenario Malmequeres que recuperan arquivos sonoros domésticos son algunhas das propostas que se integran nesta liña de programación
O investigador e experto Aleks Kolkowski gravará novamente en cilindro fonográfico ás bandas e solistas do festival nas coñecidas ‘Sesións San Simón’, abertas ao público e que se realizarán en distintos puntos do arquipélago
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia comeza a desvelar a programación de actividades que terán lugar, de xeito paralelo aos concertos, durante o desenvolvemento do evento, que se celebrará na illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo. A primeira das iniciativas que se dá a coñecer é a que corresponde á Escola Sinsal, a proposta que promove a difusión e coñecemento da historia do arquivo sonoro. Unha exposición didáctica que percorre a traxectoria de músiva gravada en Galicia, sesións musicais que recuperan arquivos sonoros domésticos e unha nova edición das Sesións San Simón, nas que as bandas e solistas realizan gravacións breves dos seus temas nun cilindro de cera, formarán parte desta liña de programación.
Se ben un dos elementos máis destacados do Sinsal SON Estrella Galicia é o seu cartel secreto, o festival propón descubrir con antelación as actividades paralelas, abertas a todos os públicos, que acontecerán á vez que os directos, de xeito que as e os asistentes ao evento poidan tamén ser parte dunha proposta que, alén de ofrecer unha ollada sobre a escena contemporánea, pon en valor o patrimonio cultural, natural e histórico tanto da illa de San Simón coma do universo musical. Neste sentido, a Escola Sinsal é un dos piares da programación paralela. Trátase dun proxecto de divulgación de Sinsalaudio que, desde hai 20 anos, e a través de diferentes iniciativas e visións, pretende difundir e poñer en valor o rexistro sonoro. Testemuñas e obxectos permiten coñecer, alén do valor material, a súa historia social.
Unha das principais actividades enmarcadas na Escola Sinsal é a exposición didáctica e experimental que o público poderá visitar xunto á cafetería de San Simón. Tras difundir o suco do vinilo e a súa evolución ao longo dos anos na edición de 2022, e poñer o foco no casete como o principal soporte sonoro do século XX o pasado 2024, este ano o Festival Sinsal SON Estrella Galicia convidará ao público a descubrir e, por que non, imaxinar, a historia da música gravada en Galicia a través de oito personalidades do país que tiveron relación coa mesma, desde o século XVII até o século XX. Será un percorrido singular que comezará en Ourense, da man de Domingo Martínez de Presa, e terá unha parada especial en Pontevedra no século XIX con Severino Pérez Vázquez, quen anticipou un precursor do sintetizador de voz, case un “autotune” primitivo.
Estas historias, así como outras vinculadas a Andrés Avelino Comerma i Batalla, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer ou Portela Seijo incorpóranse á Escola Sinsal da man, talento e imaxinación de oito artistas do mundo do cómic. Emma Roulette, Begoña García e Alén González, Marta Cartoon, Santi Zubizarreta, Pepa Prieto Puy, Andrés Magán, Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña) e Mar Masacró serán quen de contar, a través da imaxe, as aventuras que as oito personalidades mantiveron co son ou coa música ao longo dos séculos.
Malmequeres: rastrexando arquivos
Alen da exposición, a Escola Sinsal tamén terá especial protagonismo noutra das novidades desta edición, como é a apertura do escenario Malmequeres. O nome alude ao idioma portugués, “malmequer” e “bem-me-quer”, que identifica á familia das margaridas, e que como parte do imaxinario relativo aos sentimentos é, sen dúbida, unha das frores máis esfolladas da historia.
Neste quinto escenario do evento, e no marco das actividades paralelas, terán lugar as nomeadas Malmequeres: rastrexando arquivos, sesións con casetes e cintas magnetofónicas que permitirán recuperar e poñer en valor arquivos e documentos rexistrados neste formato durante a segunda metade do século XX. No festival escoitaranse e gravaranse tres sesións -cada día será diferente- que explorarán outras tantas coleccións que, aínda que a súa orixe sexa diferente, posúen un mesmo valor simbólico.
Sesións San Simón
Finlamente, a Escola Sinsal tamén contará con novas Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas polo experto Aleks Kolkowski. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente. Algunhas das gravacións realizadas na pasada edición do evento, pódense escoitar e visualizar a través da páxina web www.sinsalaudio.es.
O evento, un dos festivais máis singulares da tempada estival e cuxo cartel só de descubre ao desembarcar na illa de San Simón, activou este luns 13 a venda de entradas e, 24 horas despois, unicamente dispón de billetes para o venres 26
O público do Festival Sinsal SON Estrella Galicia cumpriu coa “tradición” e, un ano máis, esgotou rapidamente as entradas para asistir a San Simón. En tan só 24 horas, vendéronse todos os billetes dispoñibles para viaxar en barco desde o litoral até o corazón das Rías Baixas, tanto o sábado 27 coma o domingo 28 de xullo, e gozar dun cartel secreto que conforman máis de 20 bandas e solistas de todo o mundo.
Xa na fin de semana, o público tamén esgotara, en pouco máis de 24 horas, os abonos Sinsal 2024, e que dan acceso ás tres xornadas do festival, tanto desde o porto de Vigo coma desde o embarcadoiro de Meirande. Arestora unicamente é posible adquirir as últimas entradas para asistir á xornada do venres 26, saíndo tanto desde a Estación Marítima da Ría de Vigo coma do Centro de Interpretación de Rande, en Redondela. Os horarios dos barcos e os prezos dos tickets (reducidos para menores de 16 anos) pódense consultar na páxina web oficial https://festival.sins.al/.
Sinsal SON Estrella Galicia 2024
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano, Sinsal ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional. Un dos sinais de identidade do evento tamén é o seu cartel secreto, que as e os asistentes só descubren ao desembarcar en San Simón.
A programación musical caracterizarase pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo na última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, durante o festival sucederanse numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, que este ano terán especial protagonismo; ou á recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas como as Sesións San Simón ou mesmo os obradoiros A Escola Sinsal.
Este 2024, Sinsal SON Estrella Galicia volverá formar parte dos Rías Baixas Fest, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que acolle, ao seu abeiro, aos principais festivais das Rías Baixas á fin de promover a programación cultural, a contorna natural e a gastronomía deste territorio. Ademais, Sinsal tamén conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Fest Galicia.
O evento, cuxo cartel contará con máis de 20 bandas e solistas que o público só descubrirá ao desembarcar, terá lugar os días 26, 27 e 28 de xullo en San SimónAs entradas por día poderanse adquirir a partir do 13 de maio en Enterticket, a mesma plataforma web na que estarán dispoñibles os abonos
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia activará esta semana a venda de abonos e entradas para a súa nova edición, que terá lugar os días 26, 27 e 28 de xullo na illa de San Simón. O venres 10 de maio, a partir das 12.00 horas, o público poderá adquirir os seus abonos para gozar, ao longo de tres xornadas, tanto da música de máis de 20 bandas e solistas coma do patrimonio histórico e natural dunha illa declarada Ben de Interese Cultural. Uns días despois, oluns 13 de maio, tamén a partir das 12.00 horas, poderanse adquirir os billetes para asistir os distintos días. Os abonos e as entradas diarias estarán dispoñibles en Enterticket.
Para poder acceder ao festival, o único modo é coller un dos barcos que Sinsal pon á disposición do público nos embarcadoiros da Estación Marítima do porto de Vigo e do Centro de Interpretación de Rande, en Meirande. O transporte até a illa está incluído na entrada e o público pode escoller o seu traxecto no momento da compra do seu billete, no que se lle informa dos horarios dos barcos. Os prezos son diferentes en función do embarcadoiro así como da idade, sendo máis económico o acceso para menores de 16 anos.
O abono Sinsal, que permite asistir ao evento os días 26, 27 e 28 de xullo, poderase adquirir a partir dos 145€. No caso das entradas por día, que facilitan o acceso ao festival unha única xornada, os prezos van desde os 45€ e até os 65€ en función da data e do porto de saída. Os horarios pódense consultar na páxina web oficial https://festival.sins.al/, na sección ‘Entradas e abonos’.
Sinsal SON Estrella Galicia 2024
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano, Sinsal ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional. Un dos sinais de identidade do evento tamén é o seu cartel secreto, que as e os asistentes só descubren ao desembarcar en San Simón.
A programación musical caracterizarase pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo na última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, durante o festival sucederanse numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, que este ano terán especial protagonismo; ou á recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas como as Sesións San Simón ou mesmo os obradoiros A Escola Sinsal.
Este 2024, Sinsal SON Estrella Galicia volverá formar parte dos Rías Baixas Fest, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que acolle, ao seu abeiro, aos principais festivais das Rías Baixas á fin de promover a programación cultural, a contorna natural e a gastronomía deste territorio.
Os brasileiros estrearanse en Galicia no evento organizado por Sinsalaudio, que comezará ás 21.30 horas e cuxas entradas están á venda en www.enterticket.es
Este venres, 5 de abril, comeza o Sinsal Primavera 2024, o evento especializado en música de vangarda que a promotora viguesa Sinsalaudio, responsable do festival Sinsal SON Estrella Galicia, promove na súa cidade. A cita, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, procura visualizar proxectos musicais de vangarda dunha ampla variedade estilística e que cuxa inclusión no circuíto habitual da programación das salas de concertos é infrecuente.
Deafkidsserá a responsable de abrir o Sinsal Primavera, precisamente, nunha das principais salas de música ao vivo da cidade viguesa: Radar. A banda brasileira,cuxo estilo transita entre o rock, a psicodelia, o noise, o hardcore punk, o heavy metal, o jazz espiritual ou mesmo a música africana -todos os xéneros son benvidos para o grupo-, é unha das propostas máis interesantes da escena da música experimental do seu país, especialmente pola procura incesante de novas sonoridades e da “desprogramación sónica da mente”. O proxecto creativo liderado por Douglas Leal, xurdido na localidade industrial de Volta Redonda (Rio de Janeiro), chegará por vez primeira a Galicia para amosar o seu xeito de entender a experimentación musical, da que dan boa conta no seu último traballo discográfico, Ritos do Colapso (2023). O álbum parte do clima distópico xerado pola pandemia da Covid-19 para ampliar o seu universo sonoro, intentando xerar unha sorte de banda sonora de escenarios imaxinarios sobre ese momento histórico.
O concerto de Deafkids comezará ás 21.30 horas do venres 5, mais a apertura de portas terá lugar ás 21.00 horas. As entradas para o primeiro directo do Sinsal Primavera 2024 están á venda, desde 10 euros (máis gastos de xestión), na plataforma en liña www.enterticket.es.
Sinsal Primavera continuará no MARCO
Logo do concerto de apertura na Sala Radar, Sinsal Primavera trasladará a súa actividade ao MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo). Alí continuará o 19 de abril coa actuación, en acústico, da estadounidense Kristin Hersh, unha das voces máis representativas da escena underground norteamericana e que se atopa de xira por Europa; mentres que o xoves 9 de maioserá a quenda do saxofonista berlinés Julius Gabriel, músico que se mergulla nos límites e complexidades do instrumento desde a improvisación e as novas tecnoloxías.
SINSAL PRIMAVERA 2024
Data: Venres 5 de abril Hora: 21.30h (apertura de portas ás 21.00 horas) Lugar: Sala Radar Evento: Concerto de Deafkids