O evento, cuxo cartel contará con máis de 20 bandas e solistas que o público só descubrirá ao desembarcar, terá lugar os días 26, 27 e 28 de xullo en San SimónAs entradas por día poderanse adquirir a partir do 13 de maio en Enterticket, a mesma plataforma web na que estarán dispoñibles os abonos 

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia activará esta semana a venda de abonos e entradas para a súa nova edición, que terá lugar os días 26, 27 e 28 de xullo na illa de San Simón. O venres 10 de maio, a partir das 12.00 horas, o público poderá adquirir os seus abonos para gozar, ao longo de tres xornadas, tanto da música de máis de 20 bandas e solistas coma do patrimonio histórico e natural dunha illa declarada Ben de Interese Cultural. Uns días despois, oluns 13 de maio, tamén a partir das 12.00 horas, poderanse adquirir os billetes para asistir os distintos días. Os abonos e as entradas diarias estarán dispoñibles en Enterticket.

Para poder acceder ao festival, o único modo é coller un dos barcos que Sinsal pon á disposición do público nos embarcadoiros da Estación Marítima do porto de Vigo e do Centro de Interpretación de Rande, en Meirande. O transporte até a illa está incluído na entrada e o público pode escoller o seu traxecto no momento da compra do seu billete, no que se lle informa dos horarios dos barcos. Os prezos son diferentes en función do embarcadoiro así como da idade, sendo máis económico o acceso para menores de 16 anos. 

O abono Sinsal, que permite asistir ao evento os días 26, 27 e 28 de xullo, poderase adquirir a partir dos 145€. No caso das entradas por día, que facilitan o acceso ao festival unha única xornada, os prezos van desde os 45€ e até os 65€  en función da data e do porto de saída. Os horarios pódense consultar na páxina web oficial https://festival.sins.al/, na sección ‘Entradas e abonos’.

Sinsal SON Estrella Galicia 2024

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano, Sinsal ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional. Un dos sinais de identidade do evento tamén é o seu cartel secreto, que as e os asistentes só descubren ao desembarcar en San Simón. 

A programación musical caracterizarase pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo na última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, durante o festival sucederanse numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, que este ano terán especial protagonismo;  ou á recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas como as Sesións San Simón ou mesmo os obradoiros A Escola Sinsal.

Este 2024, Sinsal SON Estrella Galicia volverá formar parte dos Rías Baixas Fest, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que acolle, ao seu abeiro, aos principais festivais das Rías Baixas á fin de promover a programación cultural, a contorna natural e a gastronomía deste territorio. 

20240507-NP-GAL-Sinsal-venda-de-abonos-e-entradas-2024