O festival celebrou a súa cuarta edición de verán con máis de cen espectáculos repartidos por 25 concellos galegos e 5 freguesías portuguesas
O público encheu os espazos e duplicou o número habitual en moitas sedes
Os roteiros narrados esgotaron en poucos minutos as súas prazas e percorreron unha ducia de localidades
A madurez do público permitiu a elaboración dun programa máis complexo e diverso que en anteriores edicións
Ás artistas femininas derrubaron a barreira de xénero e completaron os seus aforos cada noite, amosando madurez e propostas singulares
A organización planea xa a edición do 2025 co desafío de manter a diversidade do público fiel e atraer novos espectadores
Logo de nove días de actividade, Atlántica vén de pechar a súa duodécima edición cun balance moi positivo. As cifras o confírmano como o encontro exclusivo de narración oral máis importante destas características na península ibérica: un total de 10.022 espectadores nas 102 funcións de 55 espectáculos diferentes que 51 artistas levaron a 25 concellos de toda Galicia e 5 freguesías da Serra do Xurés.
Desde a organización do Festival salientan a consolidación da colaboración con Portugal grazas á coordinación coa Asociación polo Rural Vivo en sete sedes. O espazo compartido cultural e histórico da Raia foi o escollido para esta nova e frutífera andaina. Tamén destacan o papel de Santiago de Compostela, sede principal, como a “capital cultural” máis rural, con actividades por parroquias e barrios da cidade. Outro aspecto favorable foron as boas condiciones meteorolóxicas que permitiron ao público, preto de 10.000 persoas, participar con ledicia de todas as actividades, acadando cifras importantes nun evento de espectáculos de moi pequeno formato.
Foi, ademais, unha edición marcada polo aumento da participación e pola madurez do seu público. Atlántica ten un público diverso en idade, xénero e intereses que acolleu con entusiasmo propostas dispares, dende o escura e desgarrada versión da literatura de Rulfo de Jaime Santos de La Chana Teatro, aos contos tradicionais portugueses acompañados da magnífica voz de soprano de Estefânia Surreira, pasando pola lírica poética de Su Garrido Pombo, a potencia dos contos de Paula Carballeira, a sensualidade dos relatos do xaponés Yoshi Hioki e a mestría de Cadaval, Pazó, Celso F. Sanmartín e Don Guti. E como alicerce, as voces consolidadas do país: Vero Rilo, Cris de Caldas, Atenea García, María da Pontragha ou Dani Blanco, entre outras.
Cómpre tamén salientar que o público rompeu a barreira de xénero en canto a propostas de artistas femininas para adultos. Elas cantaron, bailaron, contaron e a platea, logo de anos de programar de xeito igualitario, respondeu enchendo os espazos.
A coordinación cos diferentes campamentos de verán encheu ás programacións para público infantil e familiar que contou con obras como a sorprendente Blancanieves, premio Max 2023 ao mellor espectáculo para público infantil, xuvenil e familiar, ás historias ecoloxistas de Inma Soto e Anxo Moure, o novo espectáculo de Pablísimo e as incorporacións de Inacio Vilariño e Alba Bermúdez á nómina de artistas habituais de Atlántica miúdo encabezada por Raquel Queizás. Todo isto supuxo unha aposta forte polo público miúdo que permitiu á rapazada gozar en espazos verdes de propostas de calidade.
Alén diso, o festival aproveitou para consolidar a idea dos espazos patrimoniais como escenarios axeitados para a narración oral. Atlántica estivo dende a Serra do Xurés ata a Mariña Lucense, dende ás rías aos montes, poñendo en valor espazos de gran valor patrimonial, tanto cultural como natural, e defendendo a súa filosofía de descentralizar a cultura, levando espectáculos de nivel a cidades, vilas e aldeas sen distinción. A Torre dos Andrade en Vilalba, o claustro de San Domingo en Betanzos, o Pazo do Couto na Pobra, o Malecón de Caldas, o Pozo do Conxeiro en Dodro e a Escola de Nenas de Teo sumáronse aos xa clásicos espazos do Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos, o Lavadoiro de Penisqueira de Ribeira, o Castelo de Castrodouro en Alfoz, a Colexiata de Sar, o CSC Maruxa Coralia, o Museo do Pobo Galego, etc.
Este ano as igrexas románicas foron a gran incorporación aos roteiros narrados e, grazas á colaboración das dioceses de Lugo e Compostela, o público celebrou os 800 anos de Vilar de Donas e descifrou a narrativa da Igrexa de Figueiras. Tamén houbo andainas para coñecer as historias das mulleres de Ferrol, a evolución do casco urbano de Ourense, ás características do Couto Mixto e os castros e petróglifos composteláns.
A boa acollida do público e a rede de colaboración tecida dende hai anos con asociacións, colectivos, fundacións, bibliotecas, concellos, etc. permitiu que Atlántica estivera por todo o país cunha organización impecable. Precisamente, o Festival ve nesta vía participativa o camiño a seguir no futuro: unha Atlántica fortalecida polo tecido asociativo e as institucións.
A organización de Atlántica xa está a traballar no encontro de 2025, a edición 12+1, coa responsabilidade de amosar unha programación de alto nivel artístico que compaxine o arraigo no territorio coa proxección internacional sen os seu carácter igualitario e integradora.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O XII Festival Atlántica foi posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba.
Paula Carballeira, Jaime Santos e Iseo Agilda son os artistas que actuarán este martes en Santiago
O Teatro Principal acolle ‘Blancanieves’, de La Chana Teatro, gañador do premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar
Mentres, en Portugal, está programado un paseo histórico e unha sesión de contos a cargo de Estefânia Surreira
A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal
Os máis cativos serán os protagonistas da segunda xornada do Festival Atlántica este martes, 2 de xullo, que desenvolverá actividades en Santiago e Portugal. Así, ás 12 horas, os pequechos terán que decidir entre escoitar as historias de Iseo Agilda en A grandeza do pequeno (12 h, CSC Santa Marta) ou os Contos de sapos, bruxas e curuxas de Paula Carballeira (12 h, CSC Maruxa e Coralia). Xa pola tardiña e no Teatro Principal, ás 17 horas, será a representación de Blancanieves de La Chana Teatro, con entrada gratuíta pero para asistir cómpre retirar previamente o convite na Zona C.
Blancanieves foi a obra gañadora do premio Max ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar no 2023. Trátase dun espectáculo luminoso celebrado pola crítica e o público no que a historia de Blancanieves cóntase desde o verso e desde o humor que nace das situacións máis desgraciadas. Blancanieves, a luz máis refulxente, é odiada e envexada pola súa madrasta, unha fermosa lámpada cuxa beleza está baleira, pois nin sequera emite luz. E alí onde habita a luz, atópase a beleza que encandea de verdade ás almas nobres. E é que a beleza é invisible aos ollos.
Alén disto, os maiores tamén poderán gozar das historias de Paula Carballeira con Camiños de mar, terra e vento, pero algo máis tarde, ás 21 horas, e tamén no CSC Maruxa e Coralia. Completa la programación de Compostela unha andaina nocturna pola Portela de Villestro que será guiada polo Colectivo A Rula. Consistirá nunha visita aos principais petróglifos da área arqueolóxica da zona, conformada por unhas 15 estacións de arte rupestre nos enclaves do Agro do Campo, Os Valados, O Rexío, A Devesa da Rula e Os Cortellos.
Actividade en Portugal Atlántica tamén seguirá a se celebrar en Portugal este martes con dúas propostas: un paseo histórico a cargo de Jorge Leal e unha sesión de contos con Estefânia Surreira. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.
Festival Atlántica Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O festival bota a andar este luns con actividades en Santiago de Compostela e en Portugal e proseguirá ata o domingo 7
A función inaugural será ‘Pisando el llano’ de Jaime Santos, de La Chana Teatro, no CSC Maruxa e Coralia de Santiago ás 21 horas
A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica inaugura este luns, 1 de xullo, a súa duodécima edición con actividades en Santiago e Portugal. En Compostela a actividade da mañá estará dirixida aos máis cativos, que poderán gozar dos espectáculos Prende no colo de Luís Prego e Samuel Soto (11.00 horas) e A maleta da avoa de Raquel Queizás (12.00 horas), ambos os dous no CSC Maruxa e Coralia.
Alí mesmo, pero pola noite, ás 21 horas, terá lugar a función inaugural Pisando el llano, un espectáculo unipersoal de Jaime Santos, de La Chana Teatro, baseado na colección de contos El llano en llamas de Juan Rulfo. O actor salmantino consegue preservar nesta proposta escénica a calidade literaria das obras de Rulfo e ofrecer unha representación teatral que se axusta o máximo posible ao imaxinario descrito polo escritor mexicano.
Dun xeito honesto e sen artificios, Jaime Santos transmite a crueza e desolación que preside El llano en llamas e faino sen máis acompañamento ca unha cadeira. O único actor en escena tratará de reflectir a “escrita total” de Rulfo nestas historias ambientadas en paraxes áridas do México pre e postrevolucionario que narran as vivencias de campesiños solitarios en constante loita por sobrevivir ante os procesos de industrialización do país azteca.
Santos, grande admirador do escritor mexicano, quixo preservar a esencia dun dos principais representantes do realismo máxico, así que, amais de realizar a representación completa con acento mexicano, emprega a mesma linguaxe popular que caracteriza esta obra, considerada un clásico da literatura hispanoamericana.
Tamén Portugal
Atlántica tamén comezará este luns 1 de xullo a súa actividade en Portugal, onde programa un total de trece funcións en cinco sedes diferentes e durante sete días. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición. O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
24 planes diferentes gratuítos que inclúen contos, música, andainas, unha ruta en bicicleta, un documental e un obradoiro
A función inaugural será ‘Pisando el llano’ de La Chana Teatro que tamén representará ‘Blancanieves’, premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar
Xunto á portuguesa Ana Sofia Paiva e o xaponés Yoshi Hioki estarán ‘clásicos’ de Atlántica como Paula Carballeira, Vero Rilo, Cris de Caldas, Paco Nogueiras ou Raquel Queizás, entre outros
Protagonismo de la fusión de música e contos cos espectáculos ‘Contos de revolución: entre Brassens e Neira Vilas’, de Dani Blanco e Zé Pumar, e ‘Patios de luz’de Su Garrido Pombo
A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica ultima os preparativos para desembarcar en Santiago de Compostela e a súa bisbarra cun intenso programa que desenvolverá 24 actividades gratuítas entre os días 1 e 6 de xullo. A descentralización é unha das marcas do veterano encontro en Compostela, con funcións urbanas que conviven coa aposta decidida por barrios, lugares e parroquias do extenso rural do concello. Boa parte das propostas son de narración oral, pero haberá tamén espectáculos que mesturen contos e música, e actividades mais diversas como andainas e mesmo a proxección dun documental e un obradoiro de memoria.
O espectáculo inaugural da edición deste ano vai ser o unipersoal Pisando el llano da compañía salmantina La Chana Teatro que tamén levará ata ao Teatro Principal Blancanieves, unha obra multipremiada que no 2023 acadou o Max ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar. Tamén de fóra de Galicia serán as historias da portuguesa Ana Sofia Paiva e do xaponés Yoshi Hioki, ambos os dous con propostas para público familiar e adulto.
Mais a gran maioría do programa recae sobre artistas da narración galega: Paula Carballeira, Raquel Queizás, Inacio Vilariño, Vero Rilo, Inma Soto, Iseo Agilda e Pablísimo. Haberá tamén funcións con música que chegarán da man de Luís Prego e Samuel Soto, Cris de Caldas e Xabi do Camiño e Paco Nogueiras. Mención aparte merecen a estrea o venres 5 de Contos de revolución: entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco e Zé Pumar, e a clausura en Compostela con Su Garrido Pombo e Patios de luz na explanada da Colexiata de Sar o sábado 6.
Propostas diversas O público máis activo terá este ano a posibilidade de gozar de dúas andainas, unha nocturna polos petróglifos da Devesa da Rula guiada polo Colectivo A Rula e que xa esgotou as súas prazas, e outra diúrna polo románico do rural da igrexa de Santa María de Figueiras. Outra proposta é coñecer os castros da bisbarra nunha ruta en bicicleta na que colabora a Gentalha do Pichel. Pechan o apartado de actividades diversas o obradoiro Memoria e relato dos obxectos a cargo de Alba Grande e a proxección do documental Caneliñas, de Paula Castiñeiras e María González, no Museo do Pobo Galego
No tocante ao veciño concello de Teo, poderá gozar tamén de Atlántica entre os días 3 e 6 de xullo cunha variada programación para a cativada con funcións de Yoshi Hioki e Vero Rilo. Ademais o público adulto terá a sorte de presenciar a estrea de Contar para vivilo de Cándido Pazó e os Contos e cantos da Baleanorte de Lidia Luna acompañada de Ugía Pedreira.
Toda Galicia… e Portugal Ademais, o 3 de xullo marcará o inicio do festival en boa parte das 25 sedes espalladas por toda Galicia. Este ano participan en Atlántica, alén de Santiago e Teo, os concellos de Ferrol, A Coruña, A Estrada, A Pobra do Caramiñal, Alfoz, Betanzos, Brión, Caldas de Reis, Chantada, Cuntis, Dodro, Lobios, Meaus, Mugardos, Ourense, Outes, Palas de Rei, Pazos de Borbén, Ribeira, Rois, Sanxenxo, Vigo e Vilalba. A esta extensa actividade cómpre engadir a programación de Portugal que levará trece propostas a cinco sedes diferentes, reafirmando o carácter transfronteirizo do encontro.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.
Festival Atlántica Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo co obxectivo de visibilizar e poñer en valor a arte de contar en galego
Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país nesta gran festa da narración oral
Aínda queAtlántica vaise a celebrar no verán, estes días xunta esforzos co festival Sete Falares de Pontevedra e co Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) para situar no mapa dos manifestos e reivindicacións a lingua do país e ás historias que nos identifican. Así, coincidindo co 20 de marzo, data de celebración do Día Internacional da Narración Oral, as tres entidades están a preparar unha axenda ateigada de propostas contratadas por diferentes concellos en bibliotecas, teatros, auditorios e tamén sesións solidarias en hospitais e residencias da terceira idade.
A autoría do manifesto desta cuarta edición do Día da Narración en Galicia é de Paula Carballeira, recoñecida escritora, actriz, dramaturga e unha das pioneiras da narración oral do país. No seu texto convida a todos a contar e contarse, poñendo o foco na importancia de dar luz ás voces silenciadas, agochadas, perdidas. Un convite a ser parte da historia, a ser inmortal… “se queres”.
O manifesto xa está a ser distribuído en centros de ensino, bibliotecas e concellos e pódese compartir desde ás redes sociais do Festival Atlántica, Sete Falares e Noga. Tamén nas devanditas redes estará dispoñible o programa completo de actividades que se van desenvolver nos concellos de Ares, Arteixo, Carballeda de Avia, Barco de Valdeorras, Betanzos, Boiro, Cambados, Campolongo, Chantada, Dodro, Fene, Lugo, Mañón, Marín, Mazaricos, Meis, Moaña, Monfero, Monterroso, Mugardos, Muros, Narón, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Rubiá, Sandiás, Santa Comba, Santiago de Compostela, Soutomaior, Tordoia, Vigo e Ponte de Lima (Portugal).
Entre a vintena de artistas participantes figuran Aida Cobas, Alba de Vales, Amor Herrera, Ana Meilán, Ángeles Goás, Bea Campos, Brais das Hortas, Cándido Pazó, Carlos Rebolo, Charo Pita, Cris Collazo, Cris de Caldas, Inma Soto, Larraitz Urruzola, María Iglesias, Marta Ortíz, Monicreques de Kukas, Olga Abad, Pablo Díaz, Paco Nogueiras, Paula Carballeira, Pavís Pavós, Quico Cadaval, Raquel Queizás, Sole Felloza, Vero Rilo e Xabi do Camiño.
A ARTE MÁIS ANTIGA DO MUNDO
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que NOGA insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes. Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio situando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.
No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz e celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.