O festival bota a andar este luns con actividades en Santiago de Compostela e en Portugal e proseguirá ata o domingo 7

A función inaugural será ‘Pisando el llano’ de Jaime Santos, de La Chana Teatro, no CSC Maruxa e Coralia de Santiago ás 21 horas

A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal


 
O Festival Atlántica inaugura este luns, 1 de xullo, a súa duodécima edición con actividades en Santiago e Portugal. En Compostela a actividade da mañá estará dirixida aos máis cativos, que poderán gozar dos espectáculos Prende no colo de Luís Prego e Samuel Soto (11.00 horas) e A maleta da avoa de Raquel Queizás (12.00 horas), ambos os dous no CSC Maruxa e Coralia.

Alí mesmo, pero pola noite, ás 21 horas, terá lugar a función inaugural Pisando el llano, un espectáculo unipersoal de Jaime Santos, de La Chana Teatro, baseado na colección de contos El llano en llamas de Juan Rulfo. O actor salmantino consegue preservar nesta proposta escénica a calidade literaria das obras de Rulfo e ofrecer unha representación teatral que se axusta o máximo posible ao imaxinario descrito polo escritor mexicano.

Dun xeito honesto e sen artificios, Jaime Santos transmite a crueza e desolación que preside El llano en llamas e faino sen máis acompañamento ca unha cadeira. O único actor en escena tratará de reflectir a “escrita total” de Rulfo nestas historias ambientadas en paraxes áridas do México pre e postrevolucionario que narran as vivencias de campesiños solitarios en constante loita por sobrevivir ante os procesos de industrialización do país azteca.

Santos, grande admirador do escritor mexicano, quixo preservar a esencia dun dos principais representantes do realismo máxico, así que, amais de realizar a representación completa con acento mexicano, emprega a mesma linguaxe popular que caracteriza esta obra, considerada un clásico da literatura hispanoamericana.

Tamén Portugal

Atlántica tamén comezará este luns 1 de xullo a súa actividade en Portugal, onde programa un total de trece funcións en cinco sedes diferentes e durante sete días. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

20240627-NP-Festival-Atlantica-Santiago-2