24 planes diferentes gratuítos que inclúen contos, música, andainas, unha ruta en bicicleta, un documental e un obradoiro
A función inaugural será ‘Pisando el llano’ de La Chana Teatro que tamén representará ‘Blancanieves’, premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar
Xunto á portuguesa Ana Sofia Paiva e o xaponés Yoshi Hioki estarán ‘clásicos’ de Atlántica como Paula Carballeira, Vero Rilo, Cris de Caldas, Paco Nogueiras ou Raquel Queizás, entre outros
Protagonismo de la fusión de música e contos cos espectáculos ‘Contos de revolución: entre Brassens e Neira Vilas’, de Dani Blanco e Zé Pumar, e ‘Patios de luz’de Su Garrido Pombo
A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica ultima os preparativos para desembarcar en Santiago de Compostela e a súa bisbarra cun intenso programa que desenvolverá 24 actividades gratuítas entre os días 1 e 6 de xullo. A descentralización é unha das marcas do veterano encontro en Compostela, con funcións urbanas que conviven coa aposta decidida por barrios, lugares e parroquias do extenso rural do concello. Boa parte das propostas son de narración oral, pero haberá tamén espectáculos que mesturen contos e música, e actividades mais diversas como andainas e mesmo a proxección dun documental e un obradoiro de memoria.
O espectáculo inaugural da edición deste ano vai ser o unipersoal Pisando el llano da compañía salmantina La Chana Teatro que tamén levará ata ao Teatro Principal Blancanieves, unha obra multipremiada que no 2023 acadou o Max ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar. Tamén de fóra de Galicia serán as historias da portuguesa Ana Sofia Paiva e do xaponés Yoshi Hioki, ambos os dous con propostas para público familiar e adulto.
Mais a gran maioría do programa recae sobre artistas da narración galega: Paula Carballeira, Raquel Queizás, Inacio Vilariño, Vero Rilo, Inma Soto, Iseo Agilda e Pablísimo. Haberá tamén funcións con música que chegarán da man de Luís Prego e Samuel Soto, Cris de Caldas e Xabi do Camiño e Paco Nogueiras. Mención aparte merecen a estrea o venres 5 de Contos de revolución: entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco e Zé Pumar, e a clausura en Compostela con Su Garrido Pombo e Patios de luz na explanada da Colexiata de Sar o sábado 6.
Propostas diversas
O público máis activo terá este ano a posibilidade de gozar de dúas andainas, unha nocturna polos petróglifos da Devesa da Rula guiada polo Colectivo A Rula e que xa esgotou as súas prazas, e outra diúrna polo románico do rural da igrexa de Santa María de Figueiras. Outra proposta é coñecer os castros da bisbarra nunha ruta en bicicleta na que colabora a Gentalha do Pichel. Pechan o apartado de actividades diversas o obradoiro Memoria e relato dos obxectos a cargo de Alba Grande e a proxección do documental Caneliñas, de Paula Castiñeiras e María González, no Museo do Pobo Galego
No tocante ao veciño concello de Teo, poderá gozar tamén de Atlántica entre os días 3 e 6 de xullo cunha variada programación para a cativada con funcións de Yoshi Hioki e Vero Rilo. Ademais o público adulto terá a sorte de presenciar a estrea de Contar para vivilo de Cándido Pazó e os Contos e cantos da Baleanorte de Lidia Luna acompañada de Ugía Pedreira.
Toda Galicia… e Portugal
Ademais, o 3 de xullo marcará o inicio do festival en boa parte das 25 sedes espalladas por toda Galicia. Este ano participan en Atlántica, alén de Santiago e Teo, os concellos de Ferrol, A Coruña, A Estrada, A Pobra do Caramiñal, Alfoz, Betanzos, Brión, Caldas de Reis, Chantada, Cuntis, Dodro, Lobios, Meaus, Mugardos, Ourense, Outes, Palas de Rei, Pazos de Borbén, Ribeira, Rois, Sanxenxo, Vigo e Vilalba. A esta extensa actividade cómpre engadir a programación de Portugal que levará trece propostas a cinco sedes diferentes, reafirmando o carácter transfronteirizo do encontro.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.
PROGRAMACIÓN
ATL24_COMPOSTELA_programaFestival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
DOSSIER
FA-2024-Dossier_SANTIAGO