O salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba acolleu no mediodía deste sábado 7 de setembro a entrega de premios do VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2024, que convoca anualmente o Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ. O acto, presidido pola concelleira de Cultura de Vilalba, Tamara Rodríguez López, contou tamén coa participación do representante do xurado, Daniel Irimia Yáñez (que falou no seu nome e no de Emma Pedreira e Mercedes Queixas Zas, tamén integrantes do xurado e que non puideron asisitir), o editor e director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, e o administrador de Culturalia GZ, Martiño Maseda, que foi o condutor de dito evento.
No acompañamento musical contouse coa participación da agrupación Buxos Verdes
A relación de persoas premiadas, que, ademais de recolleren cadanseu premio, leron o seu microrrelato, foi a seguinte:
Categoría Infantil:
3º Premio Deserto
2º Duarte Mariño Torrado, co microrrelato O poliño lector
1º Nicolás Salgueiro Alonso, co microrrelato Arquiinimigos
Categoría Xuvenil:
3º María Fernández Escaríz, co microrrelato Ondas
2º Paula Pérez Cendán, co microrrelato Soa
1º Lucía Domínguez Pereira, co microrrelato Rebelde
Categoría Adulta:
3º Carlota Millor Prado, co microrrelato Salvavidas
2º Sonia Martínez López, co microrrelato Reflector
1º Pedro Naveira Pedreira, co microrrelato Erro
As obras arriba citadas, xunto coas premiadas na edición do 2023, verán a luz o ano vindeiro nunha publicación que realizará Alvarellos Editora, editorial que tamén se encargou de levar ao prelo os dous primeiros volumes deste certame de narrativa hiperbreve que se vai consolidando no panorama literario galego.
A continuación unha ESCOLMA FOTOGRÁFICA que recolle distintos momentos da entrega de premios.
(Autoría das imaxes: Sonia García ePatricia Torrado)
O xurado integrado por Emma Pedreira, escritora e poeta, Daniel Irimia, tamén escritor e poeta, e Mercedes Queixas Zas, escritora e profesora, acordou o seguinte fallo:
Categoría infantil
1º Premio: Nicolás Salgueiro Alonso pola obra Archienemigos
2º Premio: Duarte Mariño Torrado por O Poliño Lector
3º Premio: DESERTO
Categoría Xuvenil
1º Premio: Lucía Domínguez Pereira polo microrrelato Rebelde
2º Premio: Paula Pérez Cendán pola obra Soa
3º Premio: María Fernández Escáriz por Ondas
Categoría Adulto
1º Premio: Pedro Naveira Pedreira polo microrrelato Erro
2º Premio: Sonia Martínez López por Reflector
3º Premio: Carlota Millor Prado pola obra Salvavidas
“Para min a Chaira, en sentido amplo, non é unha soidade cantada senón unha soidade atroz. Un silencio distinto ao de Rosalía e o de Beckett: un silencio do espolio. Nosoutros temos a capacidade de transformar o pesimismo da realidade no optimismo da vontade, moi ben de acordo, pero iso non implica obviar o real, e concretamente opino que moito menos dulcificar algo que non existe e que nos expulsa da realidade sen afrontala e sen loitar contra ela. Que significa para min realmente a Terra Chá hoxe en día? O lugar do espolio.(…)”
Parladoiro con… DANIEL IRIMIA
Daniel Irimia poeta, escritor, político, amante e estudoso da natureza… Dás feito? Destacarías unha por riba doutras?
É certo, e debo recoñecelo, que tempo atrás me dediquei a demasiadas cousas simultaneamente. A maiores das que nomeas estaban, e probablemente volvan estar, outros estudos/traballos universitarios. Pero ben, polo de pronto, isto non me preocupa en absoluto: son consciente dun mercado laboral ebrio por exceso de títulos e polo tanto tan só estarei no que me reconforte. Penso isto desde certa «tranquilidade» de vivir do ou no rural e desde necesitala en si. Mais o certo e que si, din feito, e agora que me dedico tan só ás facetas que apuntas (e por certo, ultimamente, reconfortado en pleno), pois si, claro, dou feito. Dou feito porque en min a escrita (o que considero mellor), en xeral, non depende tanto de «poñerse» como do azar, é dicir, non depende de querer abrazala senón máis ben de que ela te toque; aínda que as veces propicio esa caricia, entendámonos, a lectura é imprescindible. Cousa distinta sucede coa política, que para min require total compromiso e vontade, é dicir, «poñerse» con rotundidade; non hai medias tintas. É o que experimento ultimamente, son consciente de que algo común a todo é a constancia, iso esta no meu ADN.
Talvez enfiei isto para responderche á segunda pregunta. En min, por encima das facetas que nomeas ⸻tendo en conta que matizo moito a construción de «autor ou persoa poliédrica» pois realmente véxoo como un tramado, é dicir, como un continuo onde non hai arestas ou espazos definidos para dicir «aquí comeza isto», «aquí comeza aquilo», «aquí remata…» e «aquí sucede o encontro»⸻ está a de amante da natureza; que moi ben apuntas. E ademais, coa que ultimamente, estou plenamente reconfortado; volvendo a algo do que penso que me fai mellor. Outro galo cantaría co de estudoso da natureza, evidentemente non o perdo (e moito menos se penso en temas universitarios), neste intre é algo que preciso deconstruír; no sentido amplo, ontolóxico.
Algún vez escoitei que na Chaira pegas unha patada a unha pedra e sae un/-ha poeta. Un pouco esaxerado non? Ou este territorio é tan prolífico literariamente?
É certo que temos un pasado fértil no eido das letras, pero esa tendencia non a vexo proxectada no presente; polo menos tanto coma para que a realidade se aproxime ao dito. Para min é esaxerado, si. Tamén comprendo que temos atrás a Díaz Castro, a Manuel María, a Aquilino, a Rábade Paredes, a Margarita Ledo, a Darío, a Miguel Anxo… respectando que estes últimos son activos, entón viciámonos dun pasado «fecundo» e chegamos á expresión que escoitaches. Creo que é iso o que sucede. E na actualidade, pese o que me pese, non vexo a Terra Chá como un territorio asolagado de poetas, brotado dos mesmos e moito menos onde se cultivan. Por outro lado, reconfórtame que xurdan propostas novas (de extensión poética ou literaria, como queiramos chamarlle) e penso en Xesús Castro, en Dani Francos, nesta web, etc. E no referente á isto, gustaríame resaltar unha cousa: para que lle pegues unha patada a esa pedra, has de poder andar no lugar onde cabe o xesto, que non implica camiñar peor nin mellor senón distinto. Entón camiñar depende, primeiro, de abrir o vieiro, e segundo, do paseante. Hai que observar ben a dualidade disto.
Seguindo coa Chaira, ¿que significa para ti este espazo xeográfico-emocional?
Ten moitos significados. Dos que me interesan e dos que sinto, pois ten o da memoria, o da filiación, o da amizade, o do amor, pero tamén o da morte, o esquezo, a envexa, o odio… é dicir non somos distintos. Pero ben, hoxe en día, para min é o lugar no que mellor se pode concibir o transitorio. Nunca a entendín coma un lugar de paso (sei que lembras o recital da Casa Nicanor) pero desde fóra e cada vez máis desde dentro penso que é imposible non ser tocado por un mínimo indicio diso. Para min a Chaira, en sentido amplo, non é unha soidade cantada senón unha soidade atroz. Un silencio distinto ao de Rosalía e o de Beckett: un silencio do espolio. Nosoutros temos a capacidade de transformar o pesimismo da realidade no optimismo da vontade, moi ben de acordo, pero iso non implica obviar o real, e concretamente opino que moito menos dulcificar algo que non existe e que nos expulsa da realidade sen afrontala e sen loitar contra ela. Que significa para min realmente a Terra Chá hoxe en día? O lugar do espolio. Ollo que eu non me salvo disto eh! Fago o que podo nas miñas condicións: «actúa en local pensa en global», volvemos ao lema. E entroncando con isto, penso que hai que entender as institucións non coma edificios senón como persoas. E penso nos versos tan acertados do Darío: «Louvado sexa o mesmo lobo que ouvea na noite,/ porque el non ten o don da intelixencia/ que a nós os homes nos permitiría/ non ser lobos pra nós mesmos. E louvada a ovella,/ que é doutros costumes e doutra especie/ e se estremece de terror. Estamos máis ben da parte dela,/ pero non vacilamos en humillar ao noso irmán,/ nin en roubarlle as leiras nin en zugarlle o sangue/ ata matalo se é preciso». Somos así plenamente. E todos sabemos que se o terreo é pródigo han crecer as malas herbas. A Terra Chá son os meus, cada vez menos. En que me reconforto? No que queda de natureza non hostil e en crear a miña piscoxeografía persoal. Iso é no que me realizo ultimamente.
Fálame da túa xeración literaria. Como ves a súa evolución en relación a outras xeracións?
Esta cuestión é evidente que daría lugar a un ensaio ou a unha tese doutoral. Xa non digo se nos metemos na temática, que si me gustaría cando menos tocala. Pero ben, acudimos con rotundidade á desaparición do concepto de «xeración literaria», por un lado felizmente desencaixados e por outro asumindo a perda de certa potencia que ten o conxunto ou a promoción. Eu penso que o que acertan chamar «escritores/poetas novísimos da literatura galega», os que non nos adscribimos a ningunha xeración, corrente, estilo, estética e forma literaria precedente e por completo (si é certo hai certos/as feelings), estamos abocados a ser artefactos híbridos na urxencia do caos. É dicir, plenamente (e permíteme o concepto) metaposmodernos. Pola miña parte, se isto último senta o concepto de xeración, entendo que non saben interpretar o noso tempo. Cada un temos as nosas características e a formación de colectivos penso que se rexe pola hibridación do distinto; e ao mesmo tempo, penso que nisto está a potencia de chegar ao público. Para min, hai unha frase (ou dúas) que escribiu Antón Patiño, que talvez chegaría a definirnos: «Todo pasa na fronteira. A periferia é o centro do mundo». Pola miña parte, penso que vivimos e somos esa periferia, e certamente son feliz con que así sexa porque de aquí sairán (e saen) os mellores, e traerán (e traen) moito alento para a nosa literatura. Xa digo, e tamén unha visión moi particular.
Por outro lado, hai unha ampla gama de poetas e libros de poesía de escritores (que si se poden encaixar nas xeracións que houbo) que evidencian a morte dun mundo, é dicir, que evidencian o difícil que é escribir desde aquí (20-30 anos, por coutar). O difícil, en xeral, que é abrir paso desde a non-memoria mentres intentan impoñernos outra apócrifa ou borrárnola, desde a perda, desde o caos, desde o límite… por iso aparece a estética do cotián, por iso aparece a estética da familia, a do corpo, a do esquezo… e son igualmente brillantes: «non hai mal que por ben non veña». Auguro que non teremos a potencia doutras xeracións, pero os que somos, seremos (vouno deixar en) enérxicos (moi pouco atrevido co adxectivo neste caso por fuxir das comparanzas, porque non son un visionario e porque os pes na terra nunca veñen mal). Ademais temos exemplos suficientes de moito peso como para dicir que está garantida a renovación poética galega e moito máis. E penso en Tamara Andrés, Alba Cid, Ismael Ramos, Arancha Nogueira, Regina Touceda, Xesús Castro, Gonzalo Hermo, Alicia Fernández, Rafa Lobelle… (podería botarme máis dos trinta porque os anos non determinan nada, xa o fago).
Ollando algunha das túas intervencións en recitais decátome de que che vai iso das performances poéticas. A poesía xa non é só palabra?
Para min a poesía é moitísimo máis que a palabra. Os poetas recrutamos, mapeamos, sampleamos, facemos unha mostraxe ínfima da poesía que nos rodea e traducímola en palabra (ou reducímola talvez). En primeiro lugar, creo que todo o que abrangue o corpo é un elemento para proxectala (falo de xestos, sons, olladas, etc). E en segundo lugar, temos as novas tecnoloxías que nos axudan a darlle outro sabor, amplificala, derivala… Aínda que claro, depende do uso que lles deamos: eu son moi cauto co isto e teño unha relación de amor e odio coas súas distintas formas (concretamente coas redes sociais). É dicir, uso as TIC como un elemento de proxección, que pode chegar a máis xente, parar adquirir coñecemento (e recoñézoo), para comparar, para comunicarme e coñecer outra xente que me parece pois moi interesante. Máis son consciente de que forman parte dunha tecnarquía infatigable onde o poder ten o seu campo de batalla e nosoutros somos uns árbitros moi débiles. Xa temos experiencias do que pasa cando se vence nese eido. Resulta que os cornos onde meu avó gardaba a pedra de afiar… pois mira nun parlamento. Un acto de gloria surrealista? Non, para chegar a ser surrealista primeiro hai que deixar atrás a imbecilidade. E ollo entre o tipo que nomeo antes e Michel Mourre, no fondo, non hai unha gran distinción: debemos ter moitísimo coidado con isto (expulsarnos da fe en nós vai acompañado dun convite á loucura). A falta de esperanza, de confianza, de atención aos novos tamén desemboca nisto (da I. Peralta a alguén con 18 anos disfrazado de unicornio no Congreso dos Deputados: non hai absolutamente nada). Ou desemboca nas drogas, sexamos claros: unha sociedade que non confía na xuventude (que non a alimenta) é un barco que non lle sorrí ao horizonte, é dicir, un naufraxio sen paliativos. Centrémonos no tema das performances (realmente non me fun del). Porque vexo a performance como un elemento poderosísimo para chegar ao público? Se para min a poesía é un estado de rebeldía, a performance é un acto de insurrección. É dicir completa á poesía, tamén a é en si… entendendo o corpo como: corpo político, corpo casa común, corpo vial (como escribiu Cortegoso), corpo empatía, carne de soño e sufrimento, corpo elemento común no que todos podemos sentir e mellor o do outro para chegar a ser máis humanos. Para min a performance é o elemento «top» da expresión posmoderna. Temos a sorte de ter, neste cacho de terra tan pouco occidental (actualmente), a unha das mellores performers do mundo que é Marina Abramovic´. E temos a sorte de ter, neste grao de nordés, a Helena Salgueiro. Eu véxoo así, ambas (a poesía e a performance) me serven en termos existenciais, ontolóxicos e metafísicos.
En que andas agora?
Que pode aparecer despois do dito? Estaban tolos Hugo Ball, Andre Breton… Leopoldo María Panero? Home sempre quedará Frank Cortegoso non? Que por certo non falei nada del, mais para min marca un antes e un despois na poesía galega contemporánea: lémbrame ao Rimbaud do estado perpetuo de rebeldía e o mesmo tempo é un Manuel Antonio de rotunda actualidade (outra cousa é o fondo). Quedará Frank e haberá moitas opcións si: iremosvendo-iremosvendo!
Agora mesmo dedícome por completo á escrita, hai cousas que merecen lume outras que me enchen… intento encaixar un conxunto de poemas e sobre todo procuro unha voz poética que polo de agora aparece moi tenuemente, mais en fin, moitos morreron sen ela dedicándose a isto, é comprensible. Vés, para esa voz, non me axuda nada a lectura excesiva de poesía. Por iso insisto no «ser tocado», no «nada», no «subconsciente»… aí aparece a miña voz pero para iso debo liberarme por completo previamente. Por outro lado, si que é certo que procuro lugares propicios para que apareza esa voz e adoita aparecer en movemento, tamén aí é cando o dou captado todo e me interpelan as cousas; tamén aparece en observacións mínimas. Neste sentido, poido entenderme como un situacionista ou como un flâneur premiado. Mais non debo abusar de isto último, sei que se pode converter no mellor inimigo. Polo de agora, coido que a frase «circunda o abismo e aínda así mantense en pé» segue definindo ben o que escribo actualmente.
Poesía, narrativa…, ¿onde te moves mellor como creador?
Teño aparcada unha novela e gustaríame moito sacala algún día adiante, teño unha mínima sensación de que hoxe o que chamamos millenials, xeración Z,… se ían sentir reconfortados nela. E pese a ter escrito poucas páxinas, hei dicir que me movo mellor na narrativa, pero gústame máis a poesía, son máis libre e máis afinado nela. E atráeme esa condenación, como diría Sartre («Estamos condenados a ser libres»).
Por citar dous nomes familiares, ¿como levas iso de ser parente do Darío Xohán Cabana ou do Lois Pérez? Sempre desde un punto de vista literario.
Adoitan tratar sobre a vida propia as mellores creacións literarias. Desde este punto, a importancia radica no común, que non deixa de ser un pasado. E isto ven, a que moi probablemente non estaría respondendo estas cuestións se non me tocara (nun momento preciso) unha lectura e unha escrita; que foi a de «Cabalgada na brétema». Do que eu sigo pensado, que é o libro máis perfilado e completo de Darío (no eido poético e tamén máis aló). Desa lectura saíu unha voz que desembocou no meu primeiro premio de poesía. Entón por esta banda, diríamos que mal non o levo. Deixando que repouse a ironía comezamos con Lois. El abre paso ao que xace detrás dos ollos do público desde a retranca e a profundidade (obviamente, non todo Lois é o escenario, como puideran pensar algúns). Si, semella que manexa unha especie de radiografía do humor; do que chega, do lúcido e do que non distingue (tan mal acostumados que estamos á «panorama», seica agora «Cospeito» tamén é unha palabra irrisoria). E penso que aquí esta o vaso comunicante entre os tres, a vontade de chegar; emparentamos ben entón. Tamén temos un «desde» moi semellante (atreveríame a dicir), outra cousa son as formas, a estética, o estilo… que polo que poido observar no meu traballo máis recente (do que tan só sabe Xabier Cordal), si se están a distanciar; como tamén é lóxico, natural e bo para os lectores, en definitiva. Máis ese «desde» pesa, cavou nel Lois Pereiro (tamén ao ancho), paredouno Cortegoso… andan algúns/as teitando e imos ver… todos (algún día) quixeron renunciar ao que son por construír algo novo: tamén é rebelde asumir a caída. O caso é non quedar soterrados no pozo.
E desde un punto literario tamén, aparecen inmanentes Amelia e Alba. Eu diría que é rotundamente imposible poñelos no panorama literario sen elas. Xa eles de por si abrilo e gozar desa especie de pulsión de vida. A min véñense a cabeza inmediatamente. Hai unha man serena en Amelia, hai un ollo transgresor en Alba: é curioso lelos despois de dicir isto. E inmediatamente tamén, venme á cabeza unha reflexión sobre o feminismo. Talvez é unha autocrítica profunda. En todo o abano ideolóxico, excepto na extrema dereita, observo usar palabras que dulcifican os ollos do que xa debera ser a nosa sociedade. Utilizan a defensa do que debera ser obvio, como populismo. Para un escritor, é difícil chegar a entender como un se pode expresar con ese afán sen chegar a sentilo. Pero vale, en definitiva, como di a canción: «nada novo baixo o sol». A min fódeme ese uso, e en gran medida, o «politicamente correcto». E renuncio a palabras bonitas, a quedar ben en público… prefiro distinguirme dese «postureo», reconfortarme nos meus actos e apoiar cando podo e consideran que sirvo. Estou moi agradecido de meus pais nesa educación: non entendo de distincións por xénero, sexo, raza… vexo o humano e é unha postura que encaixa coa miña filosofía. En definitiva, aínda que aparecen ligadas á túa pregunta, gustaríame que o falo delas non sexa por ligazón a Darío ou a Lois; elas están aquí pola súa valía. E de forma sa, envexo moito a interpretación da Amelia e a captación da Alba, referíndome á poética tamén claro. Aprécioas tanto coma o Darío e o Lois e entón a cuestión podería xirar en torno a como levo no eido literario o feito de ser parente delas. Sei que entenden perfectamente que o seus nomes non son escusa para expresar unha visión feminista sentida. Saben que son piares; tamén saben que loito desde o «sentipensante» (ese palabro que comunica a Galeano con Rivas).
Por distintos lugares da xeografía galega xorden grupos poéticos, algo moi positivo de non ser pola doenza da endogamia cultural que soe darse nalgún deles. Que opinas precisamente desa doenza? É un mal exacerbado ou ten unha cura doada?
O termo «endogamia» manexase moito nun campo do que se cadra controlo algo. Habemos de saber que a «endogamia» é un punto fundamental no paradigma das poboacións pequenas, é dicir, a extinción comeza así. Eu teño unha postura aberta ao mundo desde o meu propio; desde o meu ínfimo. É unha postura a favor da multiculturalidade. E desde aí comunico co carácter polifacético. Dedúcese entón que neste caso apostaría pola converxencia de persoas de distintos eidos e procedencia para crear calquera «corpo de intervención». E penso no colectivo «Límites», do que vexo un proxecto interesante, con horizonte e chegada. Tampouco obvio o rol que xogaron e xogan algúns grupos poéticos: o interese pola poesía en moitos lugares de Galicia comezou así grazas a eles. Pero ben, non falamos do corpo que conforman senón da súa medula: é un principio de vontade. Á hora de conformarse, coido que deben ter claros uns obxectivos, un porqué, unha estrutura (pechada, aberta, condicionada, etc). O que teño claro é que pecar desa «doenza» é arriscarse a ser un feito histórico (algo similar á beleza histórica da Comuna do 1871 francés) que no seu principio marca o seu fin. Con todo, por suposto, é totalmente respectable. Mais manifestando a miña opinión, como dixen, apostaría pola diversidade, pola inclusión da distinción (á hora de conformar primaría o que proxectan as persoas, o interese diso, e non os lazos) e pola renovación en base aos obxectivos. Fíxate, que sobre esta cuestión, róldame un pensamento que cada vez se reafirma máis. Penso que existe unha vontade de promover iso que ti entendes por «endogamia cultural» desde quen goberna. E para min non deixa de ser unha estratexia latente que nos pecha ao mundo proxectando unha postura de Galicia unicamente folclórica, anacrónica e hiperconservadora. Por iso o nacemento de novas propostas, a hibridación das mesmas e o feito de que os autores comuniquen con outras linguas (o galego co inglés, francés, italiano, catalán, castelán, etc) contribúe a disipar esa concepción minimalista do país e a enriquecer a visión que algúns están tan conformes con proxectar. E penso no «Di(n)versos» de Yolanda Castaño, na importancia das traducións, etc. Claro, poñamos por caso, que existe un «corpo de intervención endogámico» que ten proxección fora do país (descoñezo este caso), se en si non existe a vontade de apertura e de inclusión da distinción sen lazos, con que fundamento se abre ao mundo? Talvez para que nos acollan debemos ser primeiro acolledores. De todas formas se pensamos en clave lucense, propoño pensar así porque me gustaría expresar isto, debemos estar moi tranquilos. Facemos boa honra ao baleiro. Soñamos cunha oferta cultural digna. Cando se cumpra será un achado paleolítico. Por outro lado non obvio que existen grupos poéticos na nosa provincia, simplemente quero expresar a dinámica institucional. En Cospeito contamos con dúas Casas da Cultura e non lembro cando foi a última intervención (promovida institucionalmente) que as habitara de pleno.
Con respecto a isto, e finalmente, a cura é moi doada: quen verdadeiramente observa tena. Porque observar de verdade sempre implica unha vontade inclusiva. O ego remata por pechas as pálpebras. E si, véxoo coma un mal sen cualificativos, si, deixémolo aí.
Seguro que quedaron moitas preguntas por facer. Escolle ti a que queiras, formúlaa e respóndea ti mesmo.
Non, os escritores (se é que eu son un ápice diso) son (case diría esencialmente) grandes buscadores de escusas. E eu fun trazando un diálogo coas túas cuestións e con pensamentos que ultimamente resoan con certa intensidade na miña mente. Preguntaríame moitas cuestións a maiores, pero coido que me estendín demasiado neste relato e dalgún xeito estoume contradicindo a min mesmo. Brevidade e intensidade premisas para intervir: aquí, talvez fixen unha excepción porque considero importante expulsar certos pensamentos e porque ademais considero esta web (blog) un bo soporte para darlles visibilidade.
Ía recomendar libros, mais prefiro facer unha suxestión de escritoras/escritores, performers, proxectos, etc, relacionados coa cultura galega para que a xente interesada as/os siga no Instagram. Si prefiro deixalo así. Ao mellor quen le cae na tentación e todo.
@solaina.galeria
@exculturaoficial
@yanezantia
@helenasalgueiro_
@tamaarandres
@arancharf
@miriamferradans
@orianameinhof
@anton.patino
@chus_pato_
@ollobasilisco
@entreverbas
@edicionspositivas
@lois_alcaydedans
@oarquivodastrasnas
@caleidoscopica.fotografía
@cuartodeinverno
@poesiaengalego
@a_fala_da_avoa
@limites.colectivo
Velaí van unhas vinte, aportaría moitas máis, pero escollín aquelas/es que se manifestan de xeito máis activo. Creo que pode ser de interese o que verten nesta plataforma e por outro lado tamén me gustaría destacar a naturalidade que ofrecen a este espazo. E non ía haber oasis no deserto? A 21ª pode ser perfectamente a propia @culturalia_gz.