O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia presenta estes días a programación da súa décima edición en conservatorios e espazos culturais das localidades de Pamplona, Xixón, Valladolid e Salamanca da man da arpista Beatriz Martínez

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único certame de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, preséntase estes días nas comunidades de Asturias, Castela e León e Navarra. O dúo conformado pola arpista Beatriz Martínez e o guitarrista Diego Langarika está a realizar este mes de maio unha pequena xira de recitais nos conservatorios ou espazos culturais das cidades de Pamplona, Salamanca, Valladorlid e Xixón coa colaboración do Xeodestino Ría Muros-Noia, á fin de dar a coñecer tanto a décima edición do certame galego coma o valor patrimonial do territorio no que se desenvolve.

Logo de visitar o Conservatorio Pablo Sarasate (Pamplona) e a Biblioteca Pública Jovellanos (Xixón), esta semana o 10º Noia Harp Fest presentarase no Conservatorio Profesional de Música de Valladolid (25 de maio, 19:15 horas) e no Conservatorio Profesional de Música de Salamanca (26 de maio, 20:00horas).

NOIA HARP FEST

A décima edición do Noia Harp Fest (NHF), dirixido por Rodrigo Romaní, celebrarase do 3 ao 6 de agosto na vila coruñesa.  No seu cartel conflúen, desde hai dez anos, solistas e grupos de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais todos eles unidos pola interpretación musical a través da arpa. Este verán NHF reunirá en Noia a diferentes bandas e solistas de Alemania, Escocia, España, Francia e Irlanda, ademais dunha mostra representativa do talento máis próximo a través da orquestra folk SonDeSeu e do alumnado das escolas de arpa de Galicia.

Os concertos, de acceso libre e dunha notable calidade artística, celébranse en horario de tarde tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador do evento, coa intención de favorecer o achegamento ao instrumento por parte de públicos de todas as idades.

Unha das principais novidades deste 10º Noia Harp Fest será a estrea absoluta de tres creacións. Entre elas está Hibrysdo hispano-arxentino Alejandro Civilotti, a obra gañadora da primeira edición do premio internacional de composición Portus Apostoli, patrocinado polo Concello de Noia. A Real Filharmonía de Galicia será a responsable de interpretar unha peza que se poderá escoitar, por vez primeira, o sábado 5 de agosto na praza do Tapal de Noia. 

20230524-NP-Presentacions-de-Noia-Harp-Fest-en-Castela-e-Leon