HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: CINZA

Miguel Díaz, CINZA

Espertar da caricia e que o soño se dilúa malferindo, na clarexa afiada. A realidade devoradora escribindo ausencia en cada parede. As chamas en tropel, insaciables na súa violencia anuladora. Velar fóra, co fume cravado nos ollos. Buscar as chaves no peto e atopar cinza. Atopar a indiferenza da cinza.

E saber, desde o fondo das entrañas, que é preciso dar, de novo, o paso máis afanoso. A reconstrución da esperanza. A reforestación do amado. Da man da terra, que aínda teima en gorecer porvir. E deixar, unha vez máis, que sexa o corazón o que soñe. Que soñe coa semente no ventre do monte e que, esperto, a procure. Unha vez máis e, a pesar de todo, que a procure.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Invólucro

No repouso, atopar un lugar para o agocho e escoller chamarlle silencio. Sentir a frialdade espiñenta da apatía. O desinterese pétreo que estanca a auga. A mirada baleira da cúpula. O peso da man que xa non se estende na procura. O soño deshabitado.

Ser conquistados por unha avalancha de bisontes vacuos e non desexar xa o recendo húmido de ningún acorde.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ARAME DE ESPIÑO

ARAME DE ESPIÑO, Miguel Díaz

Na xeografía arisca do ignoto, emerxe a montaña da conxectura, borrando camiños entregos. As formas nas que nos erguemos sementan hipóteses acotío erradas. Distancias alimentadas por medos vellos que flúen polas veas como células amargas. Abránguennos ás veces lembranzas arame de espiño, tristuras de marañas teimudas conxugadas en noites mestas. Existen épocas así, nas que todo é ferida. E desde o fondo do tallo só podemos ver o gume alto dun machado que nos encolle. Existen verbos que non flúen, palabras abortadas que nos anegan. Momentos decisivos que nos afastan, sentencias infames que nos diminúen.
Pero a dor é un monstro que medra nas tebras, por iso hai que desenraizala da escuridade, enfrontala á alborada. Deixar que a luz dun día novo a devore cos seus dentes afiados na esperanza. Hai que desvencellala da medula, arrincala do seu último reduto nas enxivas, cuspila nas corredoiras mentres o arame nos observa, impotente, máis aló dunha cuneta que non pode salvar.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ERRO

Miguel Díaz, ERRO

Unha mala decisión, un xe no cadrado erróneo, un descoido ao volante… Un intre de desatención e, de súpeto…
Soan campás disonantes e non sabe un a que aterse. O erro, xurdido de puntual distracción, ocupa o momento. O erro. Sempre firme no seu desfile. Sempre abrollando cando non o consideramos, cando obviamos a súa ameaza constante. Cando esquecemos ter presente unha das súas formas.
O erro, que nunca perde a colleita. E nós, que aprendemos do temporal que nola estraga. Que convivimos coa nosa condición de seres que se trabucan e que acertan.
E que volven espreguizar os dedos cando os días se engurran. Porque aínda hoxe, con outra feitura e con miradas de estrea, o milagre segue sendo posible.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: NOUTRORA

Miguel Díaz, NOUTRORA

E, porén, ocorre o milagre do sorriso.
Medráralle na boca unha recua de espiñas. Noutrora. No seu acento, aquel valado de silvas. Aquel recendo de toxos bravos que lle emanaba das veas. Entre as súas partes fracturadas, flotaba un rumor acedo de tristura. Flotaba. Noutrora.
E, porén, hoxe florea.