HENKO

Miguel Díaz

Título: ARAME DE ESPIÑO

ARAME DE ESPIÑO, Miguel Díaz

Na xeografía arisca do ignoto, emerxe a montaña da conxectura, borrando camiños entregos. As formas nas que nos erguemos sementan hipóteses acotío erradas. Distancias alimentadas por medos vellos que flúen polas veas como células amargas. Abránguennos ás veces lembranzas arame de espiño, tristuras de marañas teimudas conxugadas en noites mestas. Existen épocas así, nas que todo é ferida. E desde o fondo do tallo só podemos ver o gume alto dun machado que nos encolle. Existen verbos que non flúen, palabras abortadas que nos anegan. Momentos decisivos que nos afastan, sentencias infames que nos diminúen.
Pero a dor é un monstro que medra nas tebras, por iso hai que desenraizala da escuridade, enfrontala á alborada. Deixar que a luz dun día novo a devore cos seus dentes afiados na esperanza. Hai que desvencellala da medula, arrincala do seu último reduto nas enxivas, cuspila nas corredoiras mentres o arame nos observa, impotente, máis aló dunha cuneta que non pode salvar.