HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A PONTE

A PONTE, Miguel Díaz

Os principios quedan marxinados na cuneta, como cadáveres desprezados baixo as estrugas.

En aludes abátennos os mesquiños, coas súas palabras violentas.

E nós alleos, aquí ficando ante caldeiros baleiros, dicindo que non á tendencia.

Son sempre os mesmos.

Eles, coas súas caretas riseiras pero merdentas. Co seu cinismo en bandeiras.

Tratando de impor as leis da súa cobiza, da súa pobreza desatada.

Sempre os escuros, coas súas treboadas afiadas, coa repugnancia da ameaza.

Son sempre os mesmos, os miserables.

Odian, manipulan, terxiversan.

Calculan, emporcan, amedrentan.

E ante eles ti mais eu.

Ante eles, irmá, amigo, compañeira.

Ti mais eu, firmes no sentimento honesto, na mirada verdadeira, rexeitando a súa guerra.

Ti mais eu, irmá, amigo, compañeira. Feridos pero coa mirada ergueita.

Coa ponte conxugada. Aínda conxugada entre as nosas beiras.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A FIGURA ESPIDA

Miguel Díaz, A FIGURA ESPIDA

Son atravesado por un soño. En contorna hostil, éme negada a oportunidade. No subconsciente, mundo que treme en nós e nos abanea, traizoeiro. Golpea o soño no sono e amosa fenda ancheada. Fenda pola que foxe, non entra, a luz que teima en resistir, mais que na súa fuxida achega as sombras insinuadas dun camiño.

Acometen de cando en vez pesadelos que o remexen todo e que nos invitan a cambios de perspectiva. Que na súa fereza aniquilan partes de nós, parcelas que deben ser arrasadas.

Tralo impacto violento, quedan as miradas tremendo. E custa enfocar de novo a figura espida da esperanza.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: FELICIDADE

Miguel Díaz, FELICIDADE

Felicidade. Propaganda do concepto. A palabra luída. Pronunciada en bucle por outros que non somos, outros distantes da nosa mirada. Felicidade publicada, exposta en todos os escaparates. Único obxectivo e motivo, ata a saciedade trazado como lugar de destino. A felicidade, a súa felicidade, desprezando todas as viaxes e todos os procesos, toda a non felicidade que nos habita, que nos conforma, que nos aviva.

Nesta forma nosa de estar ben a pesar das feridas. Decidindo que neste punto concreto do traxecto atopamos intres dun benestar que foxe da perfección ou da imperfección. Que non se compara con formas predefinidas. Decidindo vivos, aceptándonos na antítese.

Fuxindo do ruidoso prototipo alleo, atopamos sintonía na caída, suavidade na paciencia, harmonía na terra. E lonxe da súa felicidade, abrollan aromas de tenrura no momento.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: FERRUXE

FERRUXE, Miguel Díaz

Se persistimos na avaliación do soldado pola súa destreza na batalla, desprezando o esforzo de quen o intenta na trincheira, afogando a cerna entre ruín competencia… Se acotío esquecemos o que somos, detrás dun cadeado abandonado á ferruxe, como podemos deter a deriva?

Que lugares lle deixamos á vida entre a invasión cegada dos nosos prexuízos, entre ignorantes suposicións que destrúen os camiños. Neste tremor acedo de personaxes en combate e de estrondo de momentos que anulan a escoita, como podemos definir a nosa unicidade?

Entregados a unha velocidade allea, imposta, porfiamos en afalar un cabalo cego que nos nega e que devora espazos. Entre as garras dunha realidade aniquiladora, en algarada abafante, que espazo hai en ti para acollerme, en min para acollerte… Cravados na urxencia e impoñendo a carreira, ata que punto chega xa a nosa derrota?

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: POESÍA

Miguel Díaz, POESÍA

Conto eu (se cabe errado, e de dogmas carente) que a POESÍA conta entre as súas particularidades coa de poder aparecer en formas diversas, habitándoas e deixándose habitar por elas, nunha simbiose única que a afasta de toda mediocridade. Pode chiscar un ollo no sorriso dunha nena, sorrir maina nunha raiola ou espirse no horizonte dunha noite de xeada. Espreguizarse no aire en forma de tea, ou de folla capturada.

A POESÍA pode ser tamén na escrita, por medio da palabra, ferramenta coa que profunda no pozo íntimo das preguntas, na trama da dúbida, na carencia de certezas, na prestancia do efémero.

Mais acotío a POESÍA enfronta hordas, batallóns de personaxes aplaudidos pola súa claque. Invasións de usurpadores que, na deturpación da palabra, teiman en suplantala cos seus exercicios de egolatría. Danzaríns na tona, farsantes arestora, que bourean polas rúas a súa vaidade mentres a perseguen con cadeas.

E a POESÍA, testemuña do esperpento, segue ceibándose no mundo, allea e honesta, tenra e súa, ousada e núa.