O Sinsal SON Estrella Galicia acollerá a preestrea do documental de realidade virtual ‘Road to Meta-Stage: The Documentary’

As e os asistentes ao festival poderán gozar en grupo, con lentes de realidade virtual e a través dun formato innovador nomeado Theather VR, dun documental que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo, con concertos do Sinsal gravados na última década na illa de San Simón polo equipo de Liveforevr!

O proxecto, impulsado polo enxeñeiro audiovisual Toño Cabanelas, forma parte dunha iniciativa recoñecida polo programa Europa Creativa que explora o potencial da tecnoloxía inmersiva para abordar o futuro da industria musical

O festival Sinsal SON Estrella Galicia segue a desvelar, paseniño, algunhas das actividades que conformarán a programación paralela do evento, que terá lugar do 21 ao 23 de xullo na Illa de San Simón. Na tarde da primeira xornada, a do venres 21, o festival acollerá a preestrea do documental de realidade virtual Road to Meta-Stage: The Documentary, unha creación que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo e que, precisamente, recolle concertos do Sinsal na illa de San Simón gravados na última década polo equipo de Liveforevr!,que impulsa o enxeñeiro audiovisual Toño Cabanelas. 

Road to Meta-Stage: The Documentary é un proxecto que Cabanelas desenvolveu, principalmente, en San Simón xunto co festival Sinsal e numerosos artistas e investigadores a través de distintos programas de residencia artística que se fixeron desde 2013 na illa. Trátase dunha iniciativa pioneira creada para as e os amantes da música e que se integra cos formatos e linguaxes máis populares entre as novas xeracións, como poden ser os videoxogos, a realidade virtual ou mesmo o streaming. Así, o documental combina imaxes animadas en 3D con contornas que mergullan ao público na experiencia e concertos ao vivo gravados en 3D en San Simón, durante a celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, achegando ademais unha ampla variedade de efectos envolventes para a espectadora ou espectador, como é o son espacial 3D e os efectos visuais en tempo real.

A proxección de Road to Meta-Stage: The Documentary no marco do festival Sinsal realizarase nunformato innovador, nomeado Theater VR, que permite que varias persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos, a través da sincronización de varias lentes de realidade virtual. Deste xeito, o público que visite a capela de San Simón entre as 16:00 e as 21:00 horas do venres 21, gozará en grupo do mesmo contido ao mesmo tempo, facendo de cada sesión un momento único. O acceso será de balde e persoal do festival acompañará a cada grupo durante a proxección. 


Road to meta-stage e o futuro da industria musical

O documental forma parte do proxecto Road to meta-stage: a Web3 Training For Music Industry, unha iniciativa pioneira e integral impulsada por Liveforevr! que aborda o futuro da industria musical a través de videotutoriais ou ebooks, e que trata cuestións como a realidade extendida (XR), a intelixencia artificial (AI), o blockchain ou mesmo o audio 3D. Liderada polo experto en artes dixitais e computación Toño Cabanelas, a proposta foi recoñecida recentemente na convocatoria MusicAIRE do programa  Europa Creativa + Music Moves Europe, e que pretende fomentar a innovación e a sostibilidade na industria musical europea.

20230705-NP-Preestrea-de-Road-to-Meta-Stage

Exeria no 1º aniversario do Bar Jota Jota no Rosal

Este Venres 7 de Xullo Exeria regresan ao Jota Jota Bar no Rosal, dentro das actividades programadas para conmemorar o 1º aniversario do local. O concerto terá lugar as 23h puntuais, despois da “Festa ibicenca” que dará comezo as 19 horas. Vai ser o punto de partida para os 3 dias cheos de cultura e celebración no local con entrada libre.

Acaban de resultar gañadores do certame de bandas Trece Roeis Fest 2023, tras unha selección previa entre moitos grupos de toda Galicia e unha batalla de bandas contra outras 6 bandas/artistas. O seu estilo grunge/rock dos 90 en galego, que lembra a bandas coma os primeiros Radiohead, Nirvana ou incluso Oasis, trae de novo as guitarras ao fronte e fará as delicias de todos os fillos da xeración X. 

O sábado 11 de marzo lanzaron o seu primeiro sinxelo, “Un novo nome” acompañado dun videoclip dirixido pola artista multidisciplinar Wences Lamas. A letra trata sobre a transición, a aceptación dos cambios na nosa vida, así como as escollas que esta obríganos a realizar. Neste tema pregúntanse se cando algo remata abruptamente e debemos adaptarnos a una nova realidade, teremos a forza para comezar una vida distinta e renacer? Foi compartido no Zig Zag Diario da TVG e en diferentes medios como “Galiza Metálica”, “Rouco Son”, “Canedo Rock” e “Ábrete de orellas” entre outros.

Neste momento atópanse inmersos na xira de presentación deste tema, con moitas datas en Galicia e nun futuro próximo Portugal.

GARCÍA MC presenta Aguardiente, novo adianto do que será o seu próximo disco, con Ruzzo Mc, Roldán, Julio Maloa e Hazhe

Sonoridade de alto voltaxe con sabor a verán é o que transmite Aguardiente, novo adianto de Sergio ManuelEp de García Mc, que verá a luz en 2024. Latinrap con esencias de trap onde o artista consegue unir a dous dos míticos exOrishas (RuzzoMc e Roldán), xunto a Julio Maloa (La Raíz/Nativa) sobre un ritmo do zaragozano Hazhe (que ten feito de beatmaker con Kase.O, Ayax y Prok, Natos y Waor, Kaze e un longuísimo etc…) para conformar un tema cun ritmo pegadizo e moi bailable. Aguardienteproducido en Pouland Studios por Iago Pico (premiado cun disco de ouro co seu traballo con Tanxugueiras), é tamén unha particular homenaxe de García ao son do disco A lo cubano (Grammy Awards) co que Orishas fixo historia e co que o artista pecha un círculo.

O tema fai referencia á segunda infancia vivida en Cuba, Mozambique e Galicia respectivamente.  Ese preciso momento onde lles chega por vez primeira o impulso de querer facer hip-hop, á idade de entre os 7 e os 14 anos. Feito do destino que marcaría por completo as súas vidas. Tanto Ruzzo Mc en Orishas, como Julio Maloa en La Raíz ou García Mc en Dios Ke Te Crew viviron experiencias extraordinarias na música, pero a pureza daquel instante da infancia no que deciden consagrar a súa vida facendo rap, permanece intacto. Aguardiente é a bendición santera de recibir un don e levalo ó mundo representado a través do barrio global de Maputo, La Habana ou Muros, todos unidos polo mar e unidos tamén polo mesmo sentimento hip-hop que transformaría as súas vidas por completo nestas diferentes latitudes.

O tema ven acompañado dun videoclip de Álex Pazos, producido polo propio García Mc e coa coreografía de Rainel Vera, nunha produción de baile de Yelena Molina. Rodouse en Santiago de Compostela e Pouland Studios coa participación de Ruzzo Mc, exmembro de Orishas e Julio Maloa, membro de Nativa e exmembro de La Raíz. Ten cameos de Iago Pico, Roldán, exmembro de Orishas dende París, e tamén do beatmaker Dj Hazhe dende Zaragoza. Danza yoruba e salsa conectan Galicia con Cuba e Mozambique nun videoclip enérxico e cheo de expresividade.

Aguardiente, novo adianto de Sergio Manuel, Ep de García Mc, que verá a luz en 2024
Neste tema, enmarcado no latinrap, o artista galego logra unir a dous dos míticos exOrishas (RuzzoMc e Roldán), xunto a JulioMaloa (La Raíz/Nativa) sobre un ritmo do zaragozano Hazhe.

Galicia sobe ao escenario de Atlántica este mércores en Santiago

Pola maña está previsto un roteiro con Sole Felloza que xa ten as súas prazas esgotadas

Na tarde e no serán haberá espectáculos de Vero Rilo e de Bea Campos con interpretación en lingua de signos no CSC Maruxa e Coralia

Toda a programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal 

As voces de tres mulleres galegas encherán de historias a terceira xornada do Festival Atlántica en Santiago de Compostela: Sole Felloza, Vero Rilo e Bea Campos. O programa do día inclúe un paseo narrado pola contorna da cidade e mais un espectáculo para nenos e outro para adultos, ambos os dous con interpretación en lingua de signos. Todas as actividades son de carácter gratuíto con entrada libre ata completar o aforo agás o roteiro, que xa ten as súas prazas esgotadas desde hai varios días. Atlántica ten presenza na cidade compostelá grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

A primeira actividade do día, ‘Contos para bos paseantes’, consistirá nun paseo narrado polos sendeiros de Santiago na compaña de Sole Felloza a partir das 10 horas. A actividade, que colgou o cartel de ‘prazas esgotadas’ hai tempo, é un convite para camiñar por lugares coñecidos sen contar calorías pero descubrindo as historias agochadas nun castiñeiro, nunha fonte ou nunha ruína.

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, os nenos maiores de tres anos e as súas familias teñen unha cita co ‘Animalario’ de Vero Rilo no CSC Maruxa e Coralia, unha sesión de narración oral fresca e despreocupada para recargar enerxías e para gozar cun feixe de animais e animaladas. Un chisco despois, ás 21 horas, será Bea Campos quen deleite o público adulto con ‘Marcho que teño que marchar’, unha escolma de contos onde as mulleres son as protagonistas, desde meigas artúricas ata avoas misteriosas.

A actividade na cidade picheleira vai continuar ata o sábado 8 de xullo e completará unha vintena de espectáculos. Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Máis contos en Ferrol

No tocante a Ferrol, o mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, ‘Do monte veño e ao monte vou’) e para maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, ‘Sen destinatario’). Dúas oportunidades para achegarse ata as historias deste cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias nas que mestura a gran literatura coa tradición oral: realismo máxico e humor no escenario.

Sobre os artistas

Sole Felloza. Actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Esta polifacética narradora xa é case máis galega ca uruguaia e no seu xeito de contar nótase ben que é unha apaixonada das historias da terra. Unha “galeguaia” de raza pura, como a define Quico Cadaval.

Vero Rilo. Rilo conta do cotián e faino por non calar e por necesidade, por non perder a memoria das outras nin a súa. Conta (d)a vida e tamén (d)a morte, mentres unha vén e ata que a outra non chegue.

Bea Campos. Teatreira e contacontos, Bea Campos é integrante de Migallas, unha das familias históricas do teatro galego. Moi coñecida polo público infantil, sobe por fin ao escenario cunha chea de historias para adultos nas quen non falta o humor. Haina que aproveitar e escoitar antes de que marche ao Festival Internacional de Cabaret de México.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela e Ferrol, este ano participan en Atlántica os concellos de Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

20230704-NP-Programacion-Atlantica-5-xullo-Santiago

A tradición oral lusa protagoniza o arranque do Festival Atlántica este luns 3 de xullo en Santiago

O portugués Luis Correia Carmelo e a galega Raquel Queizás ‘tomarán’ o CSC Maruxa e Coralia con tres espectáculos

Atlántica vai estar presente en 24 concellos ata o vindeiro 9 de xullo

Toda a programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal

O Festival Atlántica inaugura a súa actividade en Santiago de Compostela, a súa principal sede, este luns, 3 de xullo, con tres actividades a cargo de Raquel Queizás e Luis Correia Carmelo. Todas elas van ser no CSC Maruxa e Coralia e terán carácter gratuíto con entrada libre ata completar o aforo. Atlántica ten presenza na cidade compostelá grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

O programa comezará ás 18 horas con ‘Chimpo de ra’, unha proposta da galega Raquel Queizás concibida para os bebés con idades entre un e tres anos. A historia de dous irmáns, Nano e Nona, da relación entre eles, con celos e afectos, aventuras e desventuras, é o fío condutor deste espectáculo.

Un chisco máis tarde, ás 18:45 horas, será a cita do portugués Luis Correia Carmelo coa cativada maior de cinco anos e as súas familias. En ‘Nin dúas nin tres… era unha e só unha vez’ os protagonistas son as adiviñas, trabalinguas, lerias e os contos acumulativos da tradición oral portuguesa. Todos eles mestúranse para convidar aos máis pequechos a xogar, comprender e pensar.

Esta primeira xornada de Atlántica en Santiago rematará con outro espectáculo do narrador portugués pero, desta volta, dirixido ao público adulto. Trátase de ‘Contantinas’, historias acompañadas dunha concertina nunha performance onde palabra e música van da man. Localizadas nun imaxinario de principios do século XX, estas historias falan da misteriosa ligazón entre as persoas e dos seus encontros e desencontros.

A actividade na cidade picheleira vai continuar ata o sábado 8 de xullo ata completar unha vintena de espectáculos. Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Tamén están previstos pases con interpretación en lingua de signos. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Sobre os artistas

Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso, comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.

Raquel Queizás. É actriz, monicrequeira e, sobre todo, contadora de historias. O seu repertorio inclúe contos tradicionais, lendas, adaptacións de contos de autor e historias propias. Os contos formaron parte da súa vida desde pequecha e leva xa vinte anos inmersa profesionalmente no mundo da narración oral e do teatro.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela, este ano participan en Atlántica os concellos de Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Ferrol, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

20230701-NP-Programacion-Atlantica-3-xullo-Santiago

Ferrolterra consolídase como a segunda sede do festival Atlántica

Ferrol volve apostar con forza polos contos e recibe once espectáculos entre os días 4 e 8 de xullo

Mugardos recunca como sede e acolle dous espectáculos no Centro de Interpretación de Caldoval, un deles estrea absoluta

Entre as novidades, a incorporación dun roteiro narrado polo Ferrol ilustrado na compaña de Guillermo Llorca

O concello de Ferrol convértese de facto na segunda sede do Festival Atlántica grazas aos once espectáculos que acollerá entre os días 4 e 8 de xullo. Ademais, o concello de Mugardos repite este ano con dúas propostas, o que fará de Ferrolterra un epicentro da narración oral cun total de trece funcións gratuítas para grandes e cativos. Esta intensa actividade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos de Ferrol e Mugardos e mais do Centro de Interpretación de Caldoval.

A programación vai comezar o vindeiro martes, 4 de xullo, con dúas funcións do portugués Luis Correa Carmelo. A primeira, ‘Nin dúas nin tres… era unha e só unha vez’, será ás 18 horas na Biblioteca Municipal e está concibida para público infantil maior de 5 anos. Un chisco máis tarde, ás 20.30 horas e no Centro Cívico de Canido, os adultos poderán gozar coas historias de ‘Contatinas’. O mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, ‘Do monte veño e ao monte vou’) e maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, ‘Sen destinatario’).

O xoves 6 de xullo María da Pontragha protagonizará tamén un programa dobre. Ás 18 h, na Biblioteca Municipal, os nenos descubrirán que historias se agochan dentro de ‘Un saco de contos’ e ás 20.30 h, na Capela C. Torrente Ballester, serán os adultos os que coñezan quen son as ‘Donas do lugar’.

En canto ao venres 7, o Festival Atlántica programa tres actividades. A primeira, ás 17.30 horas na Biblioteca, vai ser o concerto sensorial para bebés ‘Son no berce’ de Cris Collazo. A propia Collazo recuncará ás 19 horas co espectáculo infantil ‘A corva’ no Centro Cívico de Canido, e a esa mesma hora comezará o ‘Roteiro polo Ferrol ilustrado’ con Guillermo Llorca.

Atlántica despedirase de Ferrol o sábado 8 de xullo con dous dos narradores galegos máis veteranos: Charo Pita (12 h, Centro Cívico de Canido, ‘Mares de conto’) e Cándido Pazó (21 h, Cruceiro de Canido, ‘Unha chea de contos’). Cómpre sinalar que aínda que todas as actividades son gratuítas, algunhas delas precisan reserva previa vía web ou retirada de convites. Toda a información ao respecto pódese atopar na web de Atlántica ou da Biblioteca Municipal de Ferrol.

Estrea absoluta en Mugardos

Pola súa banda, o Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos vai recibir o xoves, 6 de xullo, o espectáculo ‘Urdimbres’ de Pedro Mario López. O venres 7 o enclave mugardés vai ser o escenario que acolla a estrea absoluta do espectáculo ‘Ida e volta’ do dúo ‘En branca e negra’ integrado pola galega Cris de Caldas e a cubana Amor Herrera. Ambas as dúas actividades serán ás 21.30 horas.

Algúns narradores: petiscos de arte

Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.

Pedro Mario López. Cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias onde mestura a gran literatura coa tradición oral. Realismo máxico e humor no escenario.

María da Pontragha. Coñecida como María Iglesias na vida civil, a Pontragha é unha das voces máis persoais da nova narración oral galega. Nas súas contadas deixa clara a súa paixón pola tradición oral, tanto a través da música como da palabra en si. É quen de recuperar e actualizar as historias populares, atrapando ao público con sesións de contos que destilan un gusto especial polos que se centran nas mulleres do país.

Guillermo Llorca. Este profesor de instituto xubilado, namorado de Ferrol, atesoura máis de trinta libros, de autoría individual e compartida, e centos de artigos en numerosos xornais e revistas. No 2022 participou como coordinador local da exposición ‘Cidades no Tempo: Ferrol’.

Cris de Caldas e Amor Herrera. Cris, galega e branca coma o leite, é narradora oral. Amor, cubana e negra coma o café, é música profesional e escritora ocasional. Ambas as dúas xúntanse no espectáculo de narración oral e música en directo ‘Ida e volta’. Un convite para viaxar no espazo e no tempo a través de historias de migracións, sabedoras da importancia da riqueza da diversidade cultural e de non perder a memoria. Porque hai historias e contos que teñen billetes de ida e volta, coma a vida mesma.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica vanse estar espallando por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición chegarán ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Ferrol e Mugardos, este ano participan en Atlántica os concellos de Santiago de Compostela, Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mondoñedo, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Ao seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano cos anos foise agregando a posta en valor e difusión de espazos patrimoniais do país e a clara vocación de levar espectáculos de calidade a cidades e vilas das catro provincias. O número e a calidade de artistas e propostas escénicas foi medrando ata convertelo nunha cita ineludible da narración oral da Península.

20230628-NP-Festival-Atlantica-Ferrolterra