O portugués Luis Correia Carmelo e a galega Raquel Queizás ‘tomarán’ o CSC Maruxa e Coralia con tres espectáculos

Atlántica vai estar presente en 24 concellos ata o vindeiro 9 de xullo

Toda a programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal

O Festival Atlántica inaugura a súa actividade en Santiago de Compostela, a súa principal sede, este luns, 3 de xullo, con tres actividades a cargo de Raquel Queizás e Luis Correia Carmelo. Todas elas van ser no CSC Maruxa e Coralia e terán carácter gratuíto con entrada libre ata completar o aforo. Atlántica ten presenza na cidade compostelá grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

O programa comezará ás 18 horas con ‘Chimpo de ra’, unha proposta da galega Raquel Queizás concibida para os bebés con idades entre un e tres anos. A historia de dous irmáns, Nano e Nona, da relación entre eles, con celos e afectos, aventuras e desventuras, é o fío condutor deste espectáculo.

Un chisco máis tarde, ás 18:45 horas, será a cita do portugués Luis Correia Carmelo coa cativada maior de cinco anos e as súas familias. En ‘Nin dúas nin tres… era unha e só unha vez’ os protagonistas son as adiviñas, trabalinguas, lerias e os contos acumulativos da tradición oral portuguesa. Todos eles mestúranse para convidar aos máis pequechos a xogar, comprender e pensar.

Esta primeira xornada de Atlántica en Santiago rematará con outro espectáculo do narrador portugués pero, desta volta, dirixido ao público adulto. Trátase de ‘Contantinas’, historias acompañadas dunha concertina nunha performance onde palabra e música van da man. Localizadas nun imaxinario de principios do século XX, estas historias falan da misteriosa ligazón entre as persoas e dos seus encontros e desencontros.

A actividade na cidade picheleira vai continuar ata o sábado 8 de xullo ata completar unha vintena de espectáculos. Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Tamén están previstos pases con interpretación en lingua de signos. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Sobre os artistas

Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso, comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.

Raquel Queizás. É actriz, monicrequeira e, sobre todo, contadora de historias. O seu repertorio inclúe contos tradicionais, lendas, adaptacións de contos de autor e historias propias. Os contos formaron parte da súa vida desde pequecha e leva xa vinte anos inmersa profesionalmente no mundo da narración oral e do teatro.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela, este ano participan en Atlántica os concellos de Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Ferrol, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

20230701-NP-Programacion-Atlantica-3-xullo-Santiago