Pola maña está previsto un roteiro con Sole Felloza que xa ten as súas prazas esgotadas

Na tarde e no serán haberá espectáculos de Vero Rilo e de Bea Campos con interpretación en lingua de signos no CSC Maruxa e Coralia

Toda a programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal 

As voces de tres mulleres galegas encherán de historias a terceira xornada do Festival Atlántica en Santiago de Compostela: Sole Felloza, Vero Rilo e Bea Campos. O programa do día inclúe un paseo narrado pola contorna da cidade e mais un espectáculo para nenos e outro para adultos, ambos os dous con interpretación en lingua de signos. Todas as actividades son de carácter gratuíto con entrada libre ata completar o aforo agás o roteiro, que xa ten as súas prazas esgotadas desde hai varios días. Atlántica ten presenza na cidade compostelá grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

A primeira actividade do día, ‘Contos para bos paseantes’, consistirá nun paseo narrado polos sendeiros de Santiago na compaña de Sole Felloza a partir das 10 horas. A actividade, que colgou o cartel de ‘prazas esgotadas’ hai tempo, é un convite para camiñar por lugares coñecidos sen contar calorías pero descubrindo as historias agochadas nun castiñeiro, nunha fonte ou nunha ruína.

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, os nenos maiores de tres anos e as súas familias teñen unha cita co ‘Animalario’ de Vero Rilo no CSC Maruxa e Coralia, unha sesión de narración oral fresca e despreocupada para recargar enerxías e para gozar cun feixe de animais e animaladas. Un chisco despois, ás 21 horas, será Bea Campos quen deleite o público adulto con ‘Marcho que teño que marchar’, unha escolma de contos onde as mulleres son as protagonistas, desde meigas artúricas ata avoas misteriosas.

A actividade na cidade picheleira vai continuar ata o sábado 8 de xullo e completará unha vintena de espectáculos. Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Máis contos en Ferrol

No tocante a Ferrol, o mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, ‘Do monte veño e ao monte vou’) e para maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, ‘Sen destinatario’). Dúas oportunidades para achegarse ata as historias deste cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias nas que mestura a gran literatura coa tradición oral: realismo máxico e humor no escenario.

Sobre os artistas

Sole Felloza. Actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Esta polifacética narradora xa é case máis galega ca uruguaia e no seu xeito de contar nótase ben que é unha apaixonada das historias da terra. Unha “galeguaia” de raza pura, como a define Quico Cadaval.

Vero Rilo. Rilo conta do cotián e faino por non calar e por necesidade, por non perder a memoria das outras nin a súa. Conta (d)a vida e tamén (d)a morte, mentres unha vén e ata que a outra non chegue.

Bea Campos. Teatreira e contacontos, Bea Campos é integrante de Migallas, unha das familias históricas do teatro galego. Moi coñecida polo público infantil, sobe por fin ao escenario cunha chea de historias para adultos nas quen non falta o humor. Haina que aproveitar e escoitar antes de que marche ao Festival Internacional de Cabaret de México.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela e Ferrol, este ano participan en Atlántica os concellos de Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

20230704-NP-Programacion-Atlantica-5-xullo-Santiago