As e os asistentes ao festival poderán gozar en grupo, con lentes de realidade virtual e a través dun formato innovador nomeado Theather VR, dun documental que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo, con concertos do Sinsal gravados na última década na illa de San Simón polo equipo de Liveforevr!
O proxecto, impulsado polo enxeñeiro audiovisual Toño Cabanelas, forma parte dunha iniciativa recoñecida polo programa Europa Creativa que explora o potencial da tecnoloxía inmersiva para abordar o futuro da industria musical
O festival Sinsal SON Estrella Galicia segue a desvelar, paseniño, algunhas das actividades que conformarán a programación paralela do evento, que terá lugar do 21 ao 23 de xullo na Illa de San Simón. Na tarde da primeira xornada, a do venres 21, o festival acollerá a preestrea do documental de realidade virtual Road to Meta-Stage: The Documentary, unha creación que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo e que, precisamente, recolle concertos do Sinsal na illa de San Simón gravados na última década polo equipo de Liveforevr!,que impulsa o enxeñeiro audiovisual Toño Cabanelas.
Road to Meta-Stage: The Documentary é un proxecto que Cabanelas desenvolveu, principalmente, en San Simón xunto co festival Sinsal e numerosos artistas e investigadores a través de distintos programas de residencia artística que se fixeron desde 2013 na illa. Trátase dunha iniciativa pioneira creada para as e os amantes da música e que se integra cos formatos e linguaxes máis populares entre as novas xeracións, como poden ser os videoxogos, a realidade virtual ou mesmo o streaming. Así, o documental combina imaxes animadas en 3D con contornas que mergullan ao público na experiencia e concertos ao vivo gravados en 3D en San Simón, durante a celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, achegando ademais unha ampla variedade de efectos envolventes para a espectadora ou espectador, como é o son espacial 3D e os efectos visuais en tempo real.
A proxección de Road to Meta-Stage: The Documentary no marco do festival Sinsal realizarase nunformato innovador, nomeado Theater VR, que permite que varias persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos, a través da sincronización de varias lentes de realidade virtual. Deste xeito, o público que visite a capela de San Simón entre as 16:00 e as 21:00 horas do venres 21, gozará en grupo do mesmo contido ao mesmo tempo, facendo de cada sesión un momento único. O acceso será de balde e persoal do festival acompañará a cada grupo durante a proxección.
Road to meta-stage e o futuro da industria musical
O documental forma parte do proxecto Road to meta-stage: a Web3 Training For Music Industry, unha iniciativa pioneira e integral impulsada por Liveforevr! que aborda o futuro da industria musical a través de videotutoriais ou ebooks, e que trata cuestións como a realidade extendida (XR), a intelixencia artificial (AI), o blockchain ou mesmo o audio 3D. Liderada polo experto en artes dixitais e computación Toño Cabanelas, a proposta foi recoñecida recentemente na convocatoria MusicAIRE do programa Europa Creativa + Music Moves Europe, e que pretende fomentar a innovación e a sostibilidade na industria musical europea.