Andanzas do Suso de Lameliña. PASEO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

PASEO

Fachendoso e garrido, como todas as mañás, Antón Toural emprende a baixada pola costa do Santo. Hoxe a calor e moito menor malia o grao de humidade ser superior ao destes días. Detense a ver a horta dos Trasalba: tomates, pementos, chichos, cebolas, leitugas… Ai, ho!, menos mal que lle quitaron as herbas! Onte a estas horas estaba feita unha selva, as leitugas nin se vían. Mira que outros anos adoitaban tela impecable. Enténdoo, Pepe todo o día traballando no monte e a súa dona Carme, atendendo a Cándido de Petra e logo os dous fillos que ten, unhas feras. Tempo non teñen moito, abofé que non! Xa vén de volta Margarita, moito madruga.

—Uns veñen e outros van. Bo día, Margarita.

—Bo día, Antón. Eu teño que madrugar, que as dez teño que estar na tenda, non coma outros que viven coma Deus.

—Tamén botei máis de corenta anos traballando. Agora merecerei un descanso, non che parece?

E tras despedirse da dona da ferretería proseguiu o seu camiño, de momento livián, pois era costa abaixo. O malo viría despois. Menos mal que polo outro lado a subida, aínda que era máis longa pero moito menospendente. A estas horas da mañá só se escoitaba o chirlar dos paxaros e algún que outro grallar dos corvos. Estaba case rematando a costa, despreocupado e invadindo parte da estrada, cando ve baixar tres camións. Son os camións das atraccións da festa, se ve que xa recolleron. E que será da vida de?, como se chamaba aquel que unha tarde me topei nun bar de Cacabelos? Miguelín, creo. Que personaxe! Traballaba nos carriños eléctricos, era de Teixeira, da Somoza vilafranquina, e dicía ter tres ou catro mozas. Un fenómeno! O concello tamén podía arranxar e limpar as cunetas. Ao final, sen querer, teste que meter no medio da estrada e despois pasa o que pasa.

Cosme, mala chispa o mate!, e que carallo fai por aquí. A librarme del, seguro que me vén con algunha comenencia.

—Home, mira que ben me ves. Agora mesmo tiña a mente en ti. Pensaba pasar pola túa casa pero…

—A ver, déixate de contos e di.

—Dixéronme que daban subvencións para poñer calefacción de peles. Ti como traballaches na Xunta, poderías informarte.

—Coma te podes informar ti. Pero ben, como estou xubilado e son o mozo de recados para todo o mundo, xa me informarei. Agora téñoche moita présa. Ala, deica.

Será posible con este home, non hai vez que me vexa que non teña algo. Que lle dean! Se me cadra, falo con Tinita que esa debe saber, pero xa verei. Ben, acabouse a boa vida, toca subir. A ver se hai sorte e non me cruzo con outro ou outra do mesmo cariz. Moito me amola saír de paseo e ter , simplemente, que parar a saudar, como para arranxar asuntos. Normalmente tiro para a diante, pero sempre hai alguén que ten ganas de lerias.

O cansazo e a suor van facendo efecto. Antón detense, fica mirandoas rubias da granxa dos Ramírez e aproveita para sacar o chapeu e cun pano secar fronte e cabeza. Haberá que continuar. Está nubrado e vai menos calor, pero esta humidade non sei se será peor, súo coma un can. Menos mal que xa queda pouco. Xa volve estar na vila, agora a tomar un café no Lisboa e para a casa. E de quen será ese coche? A xente por chamar a atención, xa non sabe que facer. Unha serea ocupa toda a porta dianteira e parte da dos viaxeiros. Cada vez que vexo unha serea vénseme á mente a de Copenhague e unha recua de xaponeses sacándolle fotos. Que desilusión levei a primeira vez que a vin. Pero esta é a famosa sereíña?, díxenme. E despois están os gatos. Copenhague é unha cidade na que non se ve un gato, léralle algunha vez, non sei en que libro, a James Joyce. As dúas veces que estiven, percorrín a cidade de arriba a abaixo, sempre atento a ver se vía un. Ningún. Abofé que vai ter razón Joyce. Ben, xa cheguei ao Lisboa. A ver se Nicanor me prepara un con leite e o acompaño con un par de madalenas.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A LIÑA

Miguel Díaz, A LIÑA

Definímonos co noso ego, polo tanto erroneamente. Acotío. Pero tamén combaténdoo. Trazando, con el ou a pesar del, formas no aire, curvas no espazo.

Definímonos en variadas expresións. En lugares angostos e húmidos tamén. Trazando neles horizontes e reflexos, caricias e anhelos. Nas tebras e nos días solleiros.

Galopamos precipitados en ocasións. Tentamos calmarnos entre o caos. Cinguimos ao tempo ilusións afastadas, plans alcanzables. Nun teimudo exercicio de esperanza.

Debuxamos unha liña que é tamén unha fronteira ante hordas violentas, ante a fereza dun mundo que non comprende e abate. A liña necesaria que sinala o límite. A partir da cal somos e fluímos. A liña sobre a que nos escribimos. En prosa, en poesía, con sutileza ou con atropelo. Unha liña propia que define tamén o respecto que nos debemos. A liña que non permitimos que outros superen.

Andanzas do Suso de Lameliña. CÁNDIDO DO FRESNO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

CÁNDIDO DO FRESNO

Cándido do Fresno era o home máis feo da bisbarra. Se me apurades, da provincia, mesmo do Planeta. A súa fealdade era tal, que a nosa lingua carece de cualificativos para describila. Mais, tiña outras cualidades non menos valiosas. Cualidades que foron descubertas por primeira vez por Rosiña dos Paderne. A familia dos Fresno e dos Paderne tiñan as leiras e os prados contiguos. Unha tarde destas cálidas de verán na que, moza e mozo, cada un na súa propiedade, estaban alindando as vacas, sentiron a necesidade de acalmar a ardente asura que de súpeto se apoderou deles e, alí mesmo, debaixo dunha rebola centenaria, propiedade dos Paderne, deron renda solta aos seus instintos máis básicos. A partir daquela a fama da virilidade do fillo máis novo dos Fresno, empezaría a espallarse por toda a comarca, coma se dun andazo se tratase. A encargada do feito foi Rosiña, que amiga coa que se atopaba alí lle ía co conto.

Cándido nunca chegou a casar. Que muller ía querer ser vista amarrada da man daquel espantallo? Xa digo, arrepiaba ollar para el, ata o punto que atoparse, de sorpresa con el, xa non digamos de noite, producía verdadeiro terror. Pero claro, despois do exposto por Rosiña, a quen non se lle apetecía comprobar as habelencias carnais do mozo?

Tras Rosiña viñeron outras e outras, engrandecendo así a lenda de Cándido do Fresno. Xa se sabe, “cría fama e bótate a durmir”; moitos dos casos eran certos, pero tamén un bo número deles falsos. O caso que neno que viña ao mundo, traía consigo a dúbida: “Mira que feíño é, para min que che é do Cándido”. Incluso se saían ben guapiños, sempre había algunha ou algún que lle sacaba un parecido co sospeitoso pai.

Pero non só eran as mulleres as que sentían atracción por el, dise que máis dun mozo gozou en carne propia das súas pericias amorosas. Historias que se comentaban moi en segredo, bisbando, mesmo con medo. Xa se sabe como estaban vistas naqueles tempos e, aínda hoxe, estas prácticas.Un dos sospeitosos de ter encontros deste tipo era o señor crego. Un home, uns dez anos maior ca el,con fama de mullereiro, a quen se lle atribuía a paternidade de todo aquel meniño que nacía antes do acontecido aquela tarde de verán debaixo da rebola dos Paderne. Fama que ficou eclipsada coa aparición en escena de Cándido. Desde entón non se lle volveu relacionar con ningún nacemento, aínda que todo o mundo sabía, que á parte de sentirse atraído polo do Fresno, non deixara de usar os seus encantos coas mozas e non tan mozas freguesas.

Foron pasando os anos e a lenda en aumento. Chegou a chamada do Señor e o bo do Cándido alá se foi. Hoxe, segundo os propios veciños, na parroquia ( non desvelarei o nome da mesma, por respecto), moitos e moitas son descendentes do noso protagonista. E abofé, que hai bastante de verdade neses ruxerruxes. Só chega con ollar para as facianas de moitos e moitas veciñas, e sospeitar a súa orixe. Algo que acabaron por levar con absoluta normalidade, ata o punto de que , quen máis, quen menos, vangloriarse de ser fillas ou fillos do xa lendario Cándido do Fresno.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Se non somos quen

Miguel Díaz, Se non somos quen

Como follas a mercé do tempo, flotamos na desconsideración reiterada, no desafecto como rutina. Nunha deriva individualista que nos empurra a un cuarto xélido no que o desprezo se converte en hábito.

Asumimos como propia unha velocidade imposta que non cuestionamos, mentres a morte conquista espazos coa súa indolencia. Co seu paso firme e infalible.

Ante ela, nós, medorentos, teimamos en acelerar nun traxecto que ignora as beiras. Renunciando á pausa indispensable, ignorando a nosa condición de monicreques se non somos quen de parar. Se non somos quen de nos enfrontar ás formas que nos deshumanizan e de sublevarnos ante a tiranía das présas. Se non somos quen de comprender que cadaquén treme, baila, chora e ri a un ritmo propio, que a revolución comeza por deterse e que o amor precisa da espera.

DEMIURXIA. “De viva voz”, Patricia Torrado Queiruga

DE VIVA VOZ, Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

De viva voz

Tiven durante os meus anos de carreira a un profesor de antropoloxía que facía fincapé na necesidade de documentar os procesos de toma de datos sempre dende o comezo, e sen coartar a quen está en plena explicación, hai cousas que hai que gravar porque en canto as pasamos ao papel perden lexitimidade.

Sempre desexei gardar os recordos en pequenos frascos de esencias, os sons, as verbas amigas, as inimigas, sobre todo pola febleza da memoria, que pode tender a aumentar ou diminuír a conciencia das mesmas. É por iso que tomo anotacións sempre nas marxes dos apuntamentos, dos libros,… nas reunións ás que vou é raro que non estea cun bolígrafo a tintar os dedos mentres anoto cousas que non me gustaría esquecer. Sempre aprendín o mundo a través dos trazos, de riscar o papel, eu era desas que pasaba a limpo apuntes para darlle firmeza ao coñecemento, das que nas mañás de verán copiaba cousas que me parecían interesantes que ía atopando nos libros dos andeis da casa na que me criei.

Pero teño que recoñecer que o papel non o é todo, ás veces escoitar de viva voz algo, fai que revivas a situación, os sentimentos, como se che arreguizaba o pelello naquel intre, o que unha voz remexía en ti. Foi así como fun gardando en botiños de marmeladas etéreas voces. Coido que a gravación máis antiga que teño é do 2008, na que miña avoa me contaba o conto que dende pequena me contaba para que comese. Nesa mesma gravación escóitase de fondo a meu avó tusir, é o que me quedou del, pero a día de hoxe, faime sentir coma aquela tarde no berce amoroso daquela casa, na que eramos outrxs.

Agora, os teléfonos permítennos gardar pequenos tesouros, que nos fan revivir o que dicimos, o que nos din, mesmo sen darnos conta, confeitar as flores e os toxos, e incluso aquelas froitas coma os figos chumbos, que a máis que semellen deliciosos, sempre gardan na pel da envolta cada unha das pugas invisibles que se insiren na pel para ferila de a poucos.

O que teñen as gravacións é que son difícilmente manipulables. Lévannos ao lugar exacto, coas personaxes exactas, no intre preciso no que se dixo o que xa nunca máis se vai poder desdicir, sempre de viva voz.

Andanzas do Suso de Lameliña. ELOXIO AO BURRO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ELOXIO AO BURRO

Ti, que ao ancián Selenio, ás costas levaches, aquel que tivo a ben criar a Dionisio, deus do viño; que a Abrahan, Moisés e David, de igual xeito, carrexaches a lombo…

Ti, que por voz de Yaveh, fuches capaz de falar a Balaan, teu amo; que outro deus, Alá, ás che concedeu para que o profeta Muhammad ao ceo levaras…

Ti, que a Xesús salvaches de Herodes, lle deches calor e acougo, e logo con el entraches en Xerusalén…

Ti, noble e intelixente, asno de Apuleyo, Platero de Juan Ramón Jiménez, “rucio” de Sancho Panza …

Ti, que toleras inxustamente, humillacións e desprezos.

Ti, que por non soportar malos tratos, dinche, teimudo.

Ti, que desbordas sensibilidade…

Por que te chaman burro? Ou mellor, por que chaman “burro” a alguén que as túas cualidades non ten?

Porque non es dócil coma o cabalo, porque te plantas ante o abuso, porque non cedes, pola túa rebeldía…

É por iso, que en vinganza te transforman no que non es, é por iso que de ti se mofan…

De ti, por séculos, símbolo e emblema da nosa Galicia rural.

Por todo isto, louvado sexas, équido africano e por sempre vivas na nosa eterna nenez!