DE VIVA VOZ, Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

De viva voz

Tiven durante os meus anos de carreira a un profesor de antropoloxía que facía fincapé na necesidade de documentar os procesos de toma de datos sempre dende o comezo, e sen coartar a quen está en plena explicación, hai cousas que hai que gravar porque en canto as pasamos ao papel perden lexitimidade.

Sempre desexei gardar os recordos en pequenos frascos de esencias, os sons, as verbas amigas, as inimigas, sobre todo pola febleza da memoria, que pode tender a aumentar ou diminuír a conciencia das mesmas. É por iso que tomo anotacións sempre nas marxes dos apuntamentos, dos libros,… nas reunións ás que vou é raro que non estea cun bolígrafo a tintar os dedos mentres anoto cousas que non me gustaría esquecer. Sempre aprendín o mundo a través dos trazos, de riscar o papel, eu era desas que pasaba a limpo apuntes para darlle firmeza ao coñecemento, das que nas mañás de verán copiaba cousas que me parecían interesantes que ía atopando nos libros dos andeis da casa na que me criei.

Pero teño que recoñecer que o papel non o é todo, ás veces escoitar de viva voz algo, fai que revivas a situación, os sentimentos, como se che arreguizaba o pelello naquel intre, o que unha voz remexía en ti. Foi así como fun gardando en botiños de marmeladas etéreas voces. Coido que a gravación máis antiga que teño é do 2008, na que miña avoa me contaba o conto que dende pequena me contaba para que comese. Nesa mesma gravación escóitase de fondo a meu avó tusir, é o que me quedou del, pero a día de hoxe, faime sentir coma aquela tarde no berce amoroso daquela casa, na que eramos outrxs.

Agora, os teléfonos permítennos gardar pequenos tesouros, que nos fan revivir o que dicimos, o que nos din, mesmo sen darnos conta, confeitar as flores e os toxos, e incluso aquelas froitas coma os figos chumbos, que a máis que semellen deliciosos, sempre gardan na pel da envolta cada unha das pugas invisibles que se insiren na pel para ferila de a poucos.

O que teñen as gravacións é que son difícilmente manipulables. Lévannos ao lugar exacto, coas personaxes exactas, no intre preciso no que se dixo o que xa nunca máis se vai poder desdicir, sempre de viva voz.