HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: DE AUGA

Miguel Díaz, DE AUGA

Ás veces necesito que se deteña, no disparo ou na mirada. Nunha pausa sólida, a pesar da fugacidade de todo momento. O silencio calmo que me fala. E falarme. Falarme en ti e que ti te fales en min. Que nos ispamos no calado ou na palabra, cos pés metidos na auga fresca e a fervenza vestíndonos co seu sorriso de orballo.
Ás veces vénme ben que te achegues e que me axudes a desprenderme da coiraza. E entregar as miñas armas á túa boca e que as cuspas na corrente. E que me entregues as túas feridas para percorrelas cos dedos do amor de auga que che debo.

Andanzas do Suso de Lameliña. AQUILES

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

AQUILES

Xa sabemos o que é o azar, cando menos se pensa acontece na nosa vida algo que fai que desde ese momento mude, ás veces mesmo dando un xiro de cento oitenta graos. Isto foi o que lle pasou a Patricio, dono dun taller de reparación de coches, unha tarde de primavera de xa hai uns anos, cando estando cambiándolle as rodas a un Dyane 6 entrou unha pega, aínda cría, e pousouse enriba dun pequeno mostrador que tiña ao fondo do local. Non lle fixo caso. Xa sairá, pensou, pero cando ía pechar alí continuaba. Ao achegarse a ela, esta asustouse e afastouse un pouco. Foi ao despacho e,regresando cunhas migallas de pan da barra que lle sobrara da merenda, púxoas sobre o mostrador. Ao pouco volveu a rabilonga e comezou a comer. Sería o principio dunha longa amizada. Desde aquel día, o taller converteríase na morada da presumida Pica pica. Entraba e saía do mesmo con total normalidade, pero chegada a noite, alí nun recuncho acubillábase e a descansar.

Xa sabemos que este tipo de aves padecen algo semellante ao chamado síndrome de Dióxenes e todo aquilo que reloce arrincan con el para agochalo no niño ou onde a elas lles pareza. Contábame Patricio, que máis dunha vez lle ten furtado algunha ferramenta. Non había problema, ía ao recuncho de durmir e alí estaba.

Amais esta clase de aves son das máis intelixentes que existen. Dise que son capaces de recoñecerse diante dun espello. E se as adestramos chegan a emitir palabras e pequenas frases coma os loros. Foi o que fixo Patricio. Mentres arranxaba un motor ou lle cambiaba o aceite mantiña con ela longas conversas. Mesmo chegou a conseguir que pronunciase dun xeito bastante correcto: “Bos días, bos días, amighos”. Así con gheada. Non era quen a pronunciar amigos. Pode que a súa ascendencia fose da Costa da Morte ou de por aí, quen sabe?

Patricio tiña un chalé na Mariña, en Barreiros, e unha fin de semana decidiu levala para que vise o mar. Estando alí e, a modo de proba, deixouna ceibe por ver que facía. A señorita presumida botouse alegremente a voar con ansias de explorar mundo. Xa se achegaba a noitiña e non aparecía. Nada, pensou, todo entristecido, vese que lle gustou o mar e a ben seguro que non volve. Que equivocado estaba, ao pouco apareceu Aquiles. Así era como se chamaba, xa que se trataba dunha pega macho. A alegría naquela casa, xa vos podedes imaxinar.

Pero un día chegou a traxedia. Estaba subindo a porta de entrada do taller para comezar a tarefa do día e Aquiles, que debía ter moita gana de saír á rúa, non agardou a que esta estivese aberta por completo e o seu fermoso e delicado corpo foi dar contra ela, quedando estomballado e morto no chan. Que desgusto houbo aquel día e os seguintes naquel taller!

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Celso Emilio Ferreiro. Escolma poética

Edición literaria: Ramón Nicolás

Ilustracións: Baldo Ramos

Editorial: Faktoría K de Libros

Ano de publicación: 2008

Hai xa máis dunha década que recibín este libro coma agasallo das familias da miña primeira promoción de alumnxs. Coido que deberon pensar, despois de tratar comigo durante tres anos, que coa poesía acertaban de pleno. E vaia que si acertaron. 

Á marxe de formar parte dun recordo persoal moi fermoso, este é un dos libros ao que volvo varias veces. E é que Celso Emilio é un deses autores que segue vixente malia o inevitábel paso do tempo. O berro contra a criminalización da inmigración, a precariedade laboral ou o desmantelamento dos servizos públicos, que padecemos na actualidade, está vivo na voz deste célebre celanovés. Tamén a defensa pola lingua, testemuño que recollemos, conforma parte do seu legado poético. E mesmo os versos que chaman por Moraima, polo amor, seguen arrecendendo á frescura coa que nos recoñecemos, irremediabelmente, no campo dos afectos.

O marabilloso desta edición é a elegancia coa que se dispón a excelente escolla de trece poemas, coma trece lúas, coas ilustracións de Baldo Ramos nun ceo de papel, que chega a despregarse para ampliar os horizontes de quen aquí se asoma. Asemade, a combinación das cores, co predominio do negro e o vermello, amósanos o latexo incesante dun universo que non se apaga, que segue prendendo a vindeira alborada. Contra a inxustiza e a indiferenza, velaquí o universo de Celso Emilio Ferreiro.

Chove, chove na casa do probe 

e no meu corazón tamén chove.

Andanzas do Suso de Lameliña. O RAPOSHOME

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RAPOSHOME

    

Crese que o primeiro raposhome, unha mutación do vulpes vulpes, tivo a súa orixe pola zona de Piornedo- Balouta, na serra dos Ancares.

Este ser entre raposo e home empezou a ser visto a finais do 2010 nas aldeas abandonadas desta zona da montaña luguesa e berciana.

Ao parecer habita nas casas que quedaron sen dono, levando unha vida, un tanto misteriosa, entre salvaxe e humana, e sempre agochándose cando alguén se aproxima polo seu entorno, sen apenas deixar pegada. Motivo polo cal é moi difícil que poida ser avistado.

A pesar diso, puido ser sorprendido en momentos puntuais, sobre todo de noite, neses intres no que o estado de vixilia dá paso ao de acougo e adormecemento dos sentidos. Os que o viron, descríbeno coma un raposo de pel moi fina, con cabeza humana, camiñando a catro patas. Hai outros que aseguran que anda a dúas patas, cunha elegancia que chama a atención.

O que parece ser certo e o seu grande amor polos cemiterios. A xente do lugar está convencida de que ten trato co máis alá e que celebra xuntanzas cos defuntos. Aos sepulcros destes camposantos, onde nos últimos anos ninguén se achega, non lles faltan flores, que de cando en cando son renovadas.

Sospéitase tamén, por certos indicios, que os moradores dos citados cemiterios, se erguen pola noite dos sartegos e guiados polo raposhome, percorren a aldea e visitan os seus antigos apousentos.

Sexa como sexa, parece demostrada a súa existencia, e que desde hai uns dez anos, as casas das aldeas destas zonas, comezan a verse, como máis coidadas, con menos maleza no seu entorno, mesmo con certos arranxos e reformas. Incluso, apareceron algunhas leiras cultivadas con centeo, do que ninguén di ser propietario.

Haberá que seguir con atención a evolución dos acontecementos, pero non sería de estrañar cunha nova civilización, estivese dando os primeiros pasos. Ante a deserción dos vivos,  os mortos serían os encargados de tomar as rendas para sacar as nosas aldeas do alarmante estado en que se atopan. O raposhome, neste caso, sería unha especie de caudillo necesario para levar a misión a bo porto.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: CORENTA MIL

Miguel Díaz, CORENTA MIL

Xa sei que ocorre. Xaora. Que vén así definido e que non queda máis que aceptalo. Que chega o contratempo violento e que nos queda unha expresión adusta de baleiro e incomprensión. Que ficamos perdidos, dándolle voltas a un nobelo que nos fere. Xa sei que si, que prontas están sempre as navallas, afiadas na súa expresión devoradora. Ben sei de que falas. Todo iso que chamas vida e comparas coa batalla. Que veñen, ás veces, mal dadas. Capear o temporal e todo iso. Obrigado erguerse trala lostregada. Sei que é o que hai e corenta mil caralladas. A vida, seica. Coas súas trapalladas.

Seino ben. Pero cala.