Programación Cultural no Concello de Vilalba (setembro, outubro e novembro)

A nova programación cultural promove citas de música e teatro en galego.

O goberno local presenta o programa dos meses de setembro, outubro e novembro con espectáculos para todos os públicos.

“Esta proposta cultural está moi meditada e coidada para que chegue a toda a veciñanza e promova os valores de igualdade e de respecto e orgullo polo noso, ademais de tocar varios xéneros musicais”

Enlace á nota de prensa.

O goberno vilalbés vén de presentar a programación dos vindeiros meses no eido cultural. Setembro, outubro e novembro veñen cargados de “cultura con maiúsculas”, nunha aposta do novo executivo por “avivar a nosa lingua con espectáculos de calidade” tanto en concertos musicais como en obras teatrais.

Segundo vén de explicar a concelleira de Cultura, Vanesa Siso, “cada unha das eleccións que se inclúen neste programa está meditada, cunha proposta coherente e diversa que trasladamos á veciñanza con obxectivos didácticos e tamén de desfrute”. Neste senso, aparecen citas musicais protagonizadas por mulleres galegas como as Malvela ou Guadi Galego, que presenta o seu novo disco, “facendo fincapé no mes de novembro, dedicado especialmente a todas as mulleres” con obras teatrais como Bernarda Vilalba, ambientada na época de posguerra, ou Invisibles, unha adaptación da novela de Montse Fajardo con testemuños de mulleres que sufriron violencia machista. “Tamén queremos pensar nos máis pequenos e pequenas para que aprendan a través da cultura os valores da igualdade e respecto pola nosa terra, con obras como MaiMai sobre o quentamento global, ou Ela, unha obra para público familiar sobre o mundo artístico da pintora Maruxa Mallo”. Nesta liña de sensibilización e visibilidade tamén se enmarca Elisa e Marcela, sobre o primeiro matrimonio de mulleres que tivo lugar en A Coruña, datado no 1901.

Tamén haberá espazo para xéneros musicais con grupos máis aló das nosas fronteiras, como Morgan, a banda madrileña de pop-soul que repunta en moitos dos carteis de festivais a nivel estatal, e La porteña tango, un espectáculo integral cunha visión renovada do tango arxentino.

Neste programa tamén se inclúen obradoiros e faladoiros do programa Ler conta moito para bibliotecas, financiado cos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Tal é o caso de Bolboretas, para público infantil, 8M(ulier), unha narración oral para persoas adultas, e o obradoiro a cargo de Eli Ríos sobre diversidade sexual na adolescencia.

Ademais da iniciativa do Concello, “agradecemos a organización doutras xornadas e espectáculos a entidades como o IESCHA, e a colaboración e bo traballo da Escola Municipal de Teatro e o Centro Ocupacional de Vilalba, que actuarán sobre o escenario do Auditorio Municipal proximamente”. O Instituto de Estudos Chairegos organiza a actuación de Habelas Hainas, un grupo de música galega no Día da Cultura Chairega, así como de Berta Franklin, outro grupo con raíces locais que mestura soul americano con novos estilos. Tamén presentan obras de teatro como Toluras de proveito e as fillas de Eva, ademais de anunciar unhas xornadas de teatro e literatura para o 22 e 23 de novembro que confirmarán polo miúdo en vindeiras datas.

Finalmente, a través do programa Proscenio da Deputación de Lugo, tamén chegarán a Vilalba dous teatros de títeres, The Piccole Theatre, e Belarmina, a fabulosa velutina. O goberno local espera unha boa acollida de toda a programación, “animando a todas as persoas a que acudan a estas citas”.

*Información achegada desde a área de Comunicación do Concello de Vilalba.

Flora da Ulloa: 16ª Excursión botánica aos nacentes do Ferreira e do Pambre

O Instituto de Estudos Ulloáns, dentro do programa de exploración do territorio de Flora da Ulloa, o próximo sábado 21 despediremos o verán coa 16ª excursión botánica aos nacentes dos ríos Pambre e Ferreira, nos arredores das aldeas de Xacel, Fonte da Uz e Bistulfe.

Cerna do sistema montañoso da Dorsal Galega onde se afastan vales e aguas, unhas van ao sur cara ao Ulla e outras ao leste para o Miño.

En especial procuraremos plantas de braña de floración outonal, como a xanzá azul (Gentiana pneumonanthe) que ilustra o cartel anexo.

A data podería mudar de confirmarse as previsións de chuva que temos a día de hoxe.

*Información achegada desde o Instituto de Estudos Ulloáns.

II TOMA CULTURAL DA TORRE DO CALDALOBA

O sábado, 26 de outubro, e coincidindo coa celebración do MAGOSTO, terá lugar a partir das 15 horas a II Toma Cultural da Torre do Caldaloba.

O acto, organizado pola Asociación Sociocultural de Pino e Culturalia GZ, comezará, ao redor das 15:00 h., cunha andaina desde o local social da Asociación Cultural de Pino ata chegar ao carón da mesma Torre do Caldaloba.

Alí sucederanse diversas intervencións, tanto de veciños da propia parroquia de Pino coma de persoas convidadas. Nesas intervencións agromará a historia, a poesía, a lenda… a cultura coa reivindicar este símbolo do patrimonio chairego.

Á volta, desde o lugar de Caldaloba ata o local social de Pino, quen o desexe poderá gozar coa xa mencionada celebración do MAGOSTO a partir das 21:00h.

Actividades na Biblioteca Municipal de Vilalba. Ler Conta Moito

Durante os meses de setembro e outubro de 2019, na Biblioteca Municipal de Vilalba, dentro do programa LER CONTA MOITO, realizaranse as seguintes actividades:

BOLBORETAS. Un espectáculo de Soledad Felloza. Venres, 20 de setembro ás 18:00h. Público infantil.

Narración oral para adultos. Con Paula Regueiro e Lucía L. Golán. Terá lugar o venres 27 de setembro ás 20:00h. Público adulto.

Diversidade sexual na adolescencia: un obradoiro de Eli Ríos. Venres, 4 de outubro ás 19:00h. Público xuvenil.

*Información facilitada desde a área de Comunicación do Concello de Vilalba.

XI edición de LÚAS DE OUTONO

O 25 de setembro, cuarta feira (mércores), ás 20:30, no Teatro Rosalía Castro, celebrarase unha nova edición de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María, que vén acontecendo desde hai once anos na cidade da Coruña.

Para a edición deste ano, aproveitando que hai pouco foron os 50 anos do concerto que se coñeceu como de presentación da Nova Canción Galega, vaise facer un acto de recoñecemento aos cantautores e cantautoras galegas, parte fundamental da cultura de noso e tamén, figuras privilexiadas na difusión da nosa poesía. Aquel concerto histórico do Teatro Capitol de Compostela fora presentado por Manuel María quen, alén disto, a través do selo EDIGSA-XISTRAL, promoveu a difusión desta música en galego que supuña unha ruptura co folclorismo de cariz franquista por aquel momento.

Así nas Lúas de Outono deste ano teremos a oportunidade de escoitar tres voces que, de algún xeito, son mostra de xeracións diferentes e tamén de diversos estilos: MIRO CASABELLA; UXÍA, acompañada por Santi Cribeiro e Sérgio Tannus; e a voz de Xoán Padín, que xunto Alberte Núñez, Alberto Maceiras e Gumer Freire, conforman MOLIME. O espectáculo será guiado por Xurxo Souto.


A entrada é libre até completar o aforo.

*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María.

IESCHA.- Día da Cultura Chairega 2019

O venres, 20 de setembro de 2019, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba celebrarase o Día da Cultura Chairega, no XV cabodano de Manuel María.

O PROGRAMA deste ano está conformado da seguinte maneira:

-GRAN CONCERTO MUSICAL A CARGO DO GRUPO

HABELAS HAINAS

-ENTREGA DA PLACA DE SOCIO DE HONRA DO IESCHA A

ALFONSO BLANCO TORRADO

O evento está organizado polo IESCHA e conta coa financiación da Deputación de Lugo.

Velaquí invitación, cartaz e nota informativa.

*Información achegada polo IESCHA.