O festival coruñés, coñecido como ‘Orgullo do Norte’, confirma a presencia da banda de culto neerlandesa o xoves 11 de xullo, no escenario dos Xardíns de Méndez Núñez

O eurodance e o pop máis colorido dos 90 farán bailar ao público ao ritmo de éxitos como Uncle John from Jamaica, We’re Going to IbizaBoom Boom Boom Boom ou We Like to Party 

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, que celebrará a súa quinta edición do 7 ao 14 de xullo de 2024, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic

Un dos rumores máis soados da quinta edición do Atlantic Pride é xa unha realidade. Vengaboys poñerá o acento internacional ao festival coruñés, coñecido como ‘Orgullo do Norte’, cunha actuación de alta voltaxe que terá lugar a noite do xoves, 11 de xullo, no escenario dos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina. A banda de culto neerlandesa visitará este verán A Coruña na que será unha das súas tres únicas citas co público español dentro da súa xira mundial neste 2024.

Da man de Vengaboys, o eurodance, a electrónica e a música pop máis mítica e colorida dos anos 90 farán bailar á cidade da Coruña a ritmo de éxitos como Uncle John From JamaicaWe’re Going to IbizaBoom Boom Boom Boom ou We Like to Party, que non faltarán nesta cita da troupe co público do Atlantic Pride.

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic. Na súa quinta edición, que se celebrará do 7 ao 14 de xullo, ademais de Vengaboys, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, ademais de figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe. Moi pronto, o Atlantic Pride dará a coñecer o seu programa completo con últimas confirmacións para este 2024.

O ORGULLO DO NORTE

A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular, que moi pronto desvelará novos nomes e actividades. O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito días. En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. 

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 como un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia  e Globalgrafic. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.

SOBRE VENGABOYS

Todo empezou da man de dous dj’s: Danski e Delmundo, que organizaban festas improvisadas na praia co seu vello bus escolar. Durante as súas xiras por Ibiza e a costa española, entre os anos 1992 e 1997, catro bailaríns e cantantes sumáronse á troupe: Roy, Denice, Kim e Robin, dándolle novos aires aos seus dj sets. A súa fama crecente deulles o impulso necesario para ir un paso máis aló e crear o seu propio selo discográfico, co que comezaron a producir, tamén, os seus propios discos.

O seu primeiro hit internacional, Up & Down, viu a luz en marzo de 1997 e pronto se posicionou no posto número 5 das listas musicais de Europa, antes do seu desembarco estadounidense, onde alcanzou, tamén, un notable éxito. De costa a costa, non houbo club nin parade no que non se escoitase Up & Down, seleccionado no número 1 da popular listaxe Billboard Dance Chart. O seu álbum debut, acertadamente titulado Greatest Hits!, converteuse en disco de ouro en Estados Unidos. Ese mesmo ano, Vengaboys foron nomeados aos Premios MTV na categoría de mellor actuación revelación.

E isto foi soamente o principio… Himnos do dance pop como We Like To PartyBoom Boom Boom Boom e We’re Going to Ibiza desataron un furor desprevido entre todos os públicos. Vengavoys logrou situar 7 sinxelos no top 10 de éxitos nas listaxes de Reino Unido, e acadou tamén a cima en máis de 40 países, como Alemaña, India, España, Suráfrica, Tailandia, Polonia, Australia e México, entre moitos outros.

E os hits continuaron. Temas como Shalala lalaKiss (When the Sun Don’t Shine) ou Uncle John From Jamaica, por mencionar algúns, situáronse novamente nos postos máis elevados das listaxes musicais en todo o mundo. De feito, todos os singles lanzados por Vengaboys na súa primeira década de traxectoria estiveron sempre entre os 40 primeiros postos de Reino Unido.

Para celebrar o seu grande éxito con todos os seus fans, o grupo embarcouse nunha extensa xira mundial ao longo de Europa, Estados Unidos, Australia, Xapón e América do Sur., ata que, a principios de 2004, a banda decidiu tomarse un respiro por un tempo. En 2007,  os Vengaboys reúnense de novo para embarcarse no que eles mesmos chaman o seu ‘Non-stop World Tour’, co que agora chegan ao Atlantic Pride da Coruña.

20240417-NP-Vengaboys-Atlantic-Pride