Desde este luns 15 e até o sábado 27 de abril, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, o artista traballará na súa proposta Todo o mundo é contra min-eh, un proxecto de creación dunha peza performativa a partir da investigación titulada Rural e tradición, un fogar en igualdade, que publicou en 2023 sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional galega 

Unha vez finalizada a súa residencia artística en Vimianzo, Sergio Marey ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Casa da Cultura, o sábado, 27 de abril, ás 20.30h, con acceso libre

Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O artista Sergio Marey foi o encargado de dar o pistoletazo de saída á oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 15 de abril, na Costa da Morte. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Casa da Cultura de Vimianzo acolle, desde onte e até o 27 de abril, a primeira destas residencias artísticas de 2024, en torno ao proxecto de Sergio Marey que ten por título ‘Todo o mundo é contra min-eh’. Con el, o artista aborda a creación dunha peza performativa a partir da súa investigación titulada Rural e tradición, un fogar en igualdade, que o artista publicou en 2023 sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional galega. En Todo o mundo é contra min-eh, Marey vai na procura desta reflexión social arredor do que entendemos por tradición, por cultura galega, facendo fincapé na importancia da memoria, de como se crea e como se constrúe.

Unha vez finalizada a súa residencia artística en Vimianzo, Marey ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Casa da Cultura, o sábado, 27 de abril, ás 20.30h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, Marey participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO E O ARTISTA

Todo o mundo é contra min-eh é un proxecto de creación dunha peza performativa a partir dunha investigación titulada Rural e tradición, un fogar en igualdade, que Sergio publicou en 2023 sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional galega. Neste ensaio, reflexiona sobre a importancia de mirar ao folclore galego desde unha perspectiva queer, reinvidicando a nosa cultura popular como un espazo de liberdade. En Todo o mundo é contra min-eh, Marey vai na procura desta reflexión social arredor do que entendemos por tradición, por cultura galega, facendo fincapé na importancia da memoria, de como se crea e como se constrúe.

Sergio Marey provén dunha familia labrega e hostaleira, dun concello da montaña lucense, Pol, que lle deu un continuo e incalculable contacto co rural galego. Esa proximidade guía a súa relación coa arte baixo unha visión política e social con Galiza. É tan estreita esta relación que non concibe a súa actividade como algo alleo, senón como un axente que se interrelaciona co resto o que provoca en si cultura.

Esta posición ante a arte levoulle a unha comprensión diferente das artes, variadas elas e populares, que se encontran ameazadas por causa do descoñecemento, a apropiación e o maltrato continuo. Quere facer pensar e recapacitar sobre os diversos aspectos que tocan a nosa sociedade, en especial aqueles que teñen que ver coa diversidade de xénero e sexual, amosando ao mesmo tempo a riqueza cultural de Galiza. 

Ditas cuestións foinas plasmando nas súas últimas creacións, como Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, peza gañadora da XIII Edición dos Premios Auditorio de Galiza. Son múltiples as disciplinas nas que traballa: instalación, fotografía, escrita, escultura, performance ou videocreación. Participou en exposicións colectivas e conferencias sobre o seu traballo en distintos espazos de Galicia, Asturias, Madrid, Rumanía, Portugal, Grecia e Arxentina, e tamén realizou o vestiario para distintas películas, performances e videoclips. É autore do poemario Escoradura Sentimental e do ensaio Rural e tradición, un fogar en igualdade (Deputación da Coruña, 2023). Asemade, destaca o seu papel como curadore, xestore cultural e directore da Galería Solaina en Lugo.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia -cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. 

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2024.04.16.-NP-Sergio-Marey-Residencias-Paraiso