Este venres 19 de abril ás 19:00h inaugurouse a mostra individual Un lugar desprazado coma o meu corpo, de Sabela Eiriz, na Galería NÉBOA (Lamas de Prado 31, Lugo).
Digo «lugar» e estou mentindo, porque este sitio non existe. Este limbo (que nin é urbanita nin é rural) ubícase nunha nota ao marxe que pasa desapercibida na lectura. Non existe nos mapas porque se reflicte nos corpos: é a terceira beira dun regato artificial, no medio do medio. Tampouco hai ubicación temporal: quedamos suspendidas nun retorno eterno, na busca perenne dun oco na vida. Unha ollada ou un reflexo dilátanse na imaxe, coma se estiveran agardando pacientemente a que alguén veña e as mire, a que alguén as vexa”. Sabela Eiriz.
Sabela Eiriz (Lugo, 1991) é unha artista multidisciplinar que traballa fundamentalmente coa fotografía, a escritura e o vídeo, cunha linguaxe baseada na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e formatos. No seu traballo, combina unha aproximación conceptual cun hábito contemplativo, entrelazando experiencia, pensamento e emoción. A memoria, o tempo, a identidade, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os procesos creativos, son protagonistas habituais nos seus proxectos.
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, especializouse nos mestrados de Fotografía e Deseño pola Elisava Facultad de Diseño e Ingeniería de Barcelona;Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e Profesorado de Artes Visuais pola Universidade da Coruña. Eiriz é Doutora en Artes e Educación pola Universidade de Granada, e na actualidade compaxina a súa labor artística co seu traballo como fotógrafa e videógrafa e coa docencia na Universidade da Coruña.
A súa traxectoria sempre foi multidisciplinar, iniciándose no eido do teatro e movéndose posteriormente ao terreo audiovisual e fotográfico. Así, ten participado en diversas exposicións, individuais e colectivas, residencias e visionados co seu traballo fotográfico, así como en mostras e proxeccións audiovisuais. A súa obra está presente en coleccións como a Fundació Vila Casas ou a Rede Museística Provincial de Lugo.