Dende que non te escoito

a arrastrar os pés polo piso

un silencio de ausencia no infindo se fixo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

a sinxeleza da túa voz de agarimo xa non sinto

a cantarme no berce boleros ao oído

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

á memoria do paterno regreso co vivido

no serodio pretérito a conversar contigo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

tornan as bágoas co vento do exilio

acubilladas no abrigo do íntimo

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

chegas co nordés e o frío, paseniño

e ao carón da lareira botando leña te imaxino

Dende que non te sinto

 

Dende que non te escoito

aos vieiros da Matria que andamos xuntos lles sorrío

busco na acordanza o noso sorriso, igualitiño

Dende que non te sinto

 

Dende, dende, dende,

dende que non te escoito.

Dende que non te sinto.

 

Ti conmigo e eu contigo,

eu contigo e ti conmigo.

Dende que non te sinto.

PILAR MASEDA.  2018