NARRACIÓN ORAL, MONICREQUES E MÚSICA FAN PARTE DESTE ESPECTÁCULO DE INACIO VILARIÑO
O tranvía Leonardo é un espectáculo de narración oral para a infancia (de catro anos en diante) con marionetas e música en que se conta a historia do primeiro tranvía a vapor de Galiza, que, como era lento, suxo, pequeno, estreito e descarrilaba a miúdo, foi motivo de mofa e protagonista de innumerábeis cancións e anécdotas. A música é o fío condutor deste espectáculo en que se cantan acompañados de caixa de música e reque reque as seguintes cancións: Caramba!, O trole do tranvía, Chucurruchú, O miudiño, Tango do billete, Romance de Guillermo, A Maturragaina e O trabalinguas das trisílabas.
Pepe Tafall, xefe do tranvía de Marín a Pontevedra e ademais cómico amador e dramaturgo, conta a historia do tranvía Leonardo desde o seu nacemento en Bruxelas até a súa vellez, coa intención de que o propietario, o Marques de Riestra, o xubile e lle dea o seu merecido retiro. Alén das historias do tranvía Leonardo, Tafall, conta algunhas das anécdotas máis simpáticas dos seus tripulantes: Moncho o maquinista e Ramón o do fogón; e dalgúns dos seus pasaxeiros mais famosos: Xosé Echegaray, o médico Guillermo, a cega Morcega, a mestra Trini Trapa e o loro Ravachol. Para asistir, este sábado, ás 17 hrs, a este espectáculo é necesario reservar (billete 2 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Experiencias de Galicia, Euskadi e Portugal amosaron como a cultura contribúe ao fortalecemento dos vínculos comunitarios, á saúde mental e á prevención da soidade.
As participantes destacaron a necesidade de superar os proxectos piloto e avanzar cara a iniciativas con financiamento estable e coordinación sanitaria.
A xornada propuxo acompañar iniciativas culturais impulsadas desde as propias comunidades, atendendo ás súas necesidades e favorecendo a súa continuidade.
Como pasar de experiencias puntuais de prescrición cultural a iniciativas estables que formen parte das políticas públicas de saúde? Este foi un dos principais retos abordados na xornada Cultura e saúde comunitaria, celebrada hoxe pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que reuniu profesionais de Galicia, Euskadi e Portugal para analizar como a participación cultural pode contribuír á saúde mental, á prevención da soidade non desexada e ao benestar comunitario.
O encontro abordou a prescrición cultural, unha práctica que conecta os recursos culturais cos servizos sanitarios para favorecer o benestar das persoas, e analizou as condicións necesarias para consolidar estas iniciativas, desde a coordinación entre profesionais ata o financiamento e a avaliación de resultados.
Experiencias de Portugal, Euskadi e Galicia
Fátima Vieira, profesora catedrática da Universidade do Porto, presentou o traballo do Consórcio de Prescrição Cultural de Portugal e abordou as evidencias sobre os beneficios da participación cultural para a saúde mental, especialmente en persoas con ansiedade ou estrés. Subliñou que a prescrición cultural debe partir dos profesionais sanitarios e complementar, nunca substituír, os tratamentos médicos. Tamén destacou a necesidade de superar a temporalidade dos proxectos piloto e avanzar cara a políticas públicas con financiamento estable e mecanismos de avaliación.
Pola súa banda, Marta Font Cifré, directora de Estratexia, Consultoría e Innovación Social de K6 Gestión Cultural e directora de Gertu Kultura, compartiu a experiencia desta rede de Euskadi, que conecta equipamentos culturais, entidades sociais e servizos sanitarios. Entre as iniciativas presentadas destacou Kulturatik ekin. Osasun Komunitarioa, desenvolvido con Osakidetza –Servizo Vasco de Saúde– e seis concellos vascos, que promove a participación cultural de persoas maiores para previr a soidade non desexada.
Font incidiu na importancia de ir máis alá da oferta de actividades e crear espazos nos que as persoas establezan vínculos, participen nas decisións e se sintan parte da comunidade. A proximidade, a accesibilidade, a mediación e a continuidade son elementos fundamentais deste enfoque.
A perspectiva galega chegou da man de Mercedes Seoane Bouzas, terapeuta ocupacional, psicóloga e profesora da Universidade da Coruña, que abordou o papel da cultura na saúde mental desde os dereitos, a autonomía e a inclusión social. Seoane defendeu a necesidade de combater o estigma e crear espazos culturais inclusivos nos que as persoas poidan participar sen quedar definidas polo seu diagnóstico.
“As persoas non poden quedar reducidas a un diagnóstico. Necesitan espazos nos que participar, relacionarse e desenvolver os seus intereses, como calquera outra persoa. A cultura pode contribuír a crear esas oportunidades e a que cada quen sexa recoñecido polo que é e polo que pode achegar á comunidade”, sinalou Seoane.
Propostas para integrar cultura e saúde nas comunidades
As intervencións deron paso a unha dinámica de traballo colectivo arredor de dous retos: integrar cultura e saúde en contornas próximas e garantir a continuidade e a sustentabilidade dos proxectos.
Entre as propostas destacou impulsar creacións artísticas desde as propias comunidades, mediante convocatorias a artistas e iniciativas de cinema, teatro ou circo, inclusivas para a veciñanza e acompañadas por profesionais sanitarios, que poidan servir de modelo para outras localidades.
Para garantir a continuidade, as persoas participantes propuxeron identificar as necesidades reais das comunidades e promover liderados locais capaces de manter vivos os proxectos. Tamén se destacou a importancia de dar visibilidade ás experiencias en festivais e outros espazos culturais, favorecendo que inspiren novas iniciativas e xeren unha demanda de participación desde a propia cidadanía.
Con este encontro, a Deputación da Coruña pecha as xornadas de outubro dedicadas á relación entre cultura, acción social e saúde comunitaria, dous espazos de intercambio para explorar novas formas de colaboración e avanzar cara a unha cultura entendida como dereito e conectada coa vida das persoas.
Cultura, cooperación e territorio. A política cultural da Deputación da Coruña desenvólvese ao redor destes elementos, a partir dos cales procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.
Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social. E apostamos por traballar, para a conseguir, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Cooperamos cos concellos, as entidades e as e os artistas desde o local, desde a proximidade.
Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito. Que alimenta, que nos fai o que somos. O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas.
O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade ao escritor gañador, FRAN FERNÁNDEZ DAVILA, polo seu libro “QUERO SER COMA VERO BOQUETE”, que terá lugar o sábado 24 de outubro de 2026, ás 20:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA.
O referido acto, enmarcado nesta ocasión na Iniciativa Agustín Fernández Paz 2026-2027 “MIRADAS SOBRE AGUSTÍN”, será presentado por CARMEN HERMIDA e contará coas intervencións de MARISA BARRERO, presidenta do Iescha; MARTA ROUCO alcaldesa de Vilalba; FRAN ALONSO, director de Edicións Xerais de Galicia; MANUEL BRAGADO, membro do Xurado, e FRAN FERNÁNDEZ DAVILA, gañador do IX Premio Agustín Fernández Paz, que irán intercalándose entre as actuacións previstas.
Durante o acto, irán producíndose distintas actuacións relacionadas coa música, co teatro, coa poesía, coa palabra, coa imaxe…
Para elo, contaremos coa participación de:
* GRUPO DO CENTRO OCUPACIONAL TERRA CHÁ DE VILALBA
* CARLOS GÓMEZ OSA
* MINICORO DE ESMUVI
* ALUMNADO DA BIBLIOTECA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DO IES BASANTA SILVA
A iniciativa “Miradas sobre Agustín”, promovida polo IESCHA en Vilalba, nace coa vontade de divulgar a obra e o legado de Agustín Fernández Paz, unha figura fundamental da literatura galega contemporánea e da cultura vinculada á lectura, á educación e á creación.
Ao longo do curso 2026–2027, o programa propón encontros, conversas, actividades literarias e celebraciónsarredor das múltiples dimensións de Agustín: a literatura, o cinema, o cómic, a lingua, a renovación pedagóxica e a relación coas novas xeracións. A iniciativa está organizada polo IESCHA, co apoio da familia e coa participación das amizades e das persoas valedoras da figura do autor.Neste marco, o vindeiro venres 23 de outubro de 2026, ás 19:00 horas, a Biblioteca Municipal “Agustín Fernández Paz” de Vilalba acollerá o primeiro evento cultural especial para afondar nesta homenaxe.
Programa da Xornada
Apertura da Exposición “O Herbario de Agustín”, realizada polo alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba, e que poderá visitarse ata o 10 de novembro.
Presentación do proxecto:Marisa Barreiro dará a coñecer de forma detallada as actividades e obxectivos que compoñen esta gran programación para o curso.
Lectura do Manifesto: Como acto central de reivindicación e recoñecemento, os escritores Paco Martín e Xavier Senín serán os encargados de ler o Manifesto a favor da figura de Agustín Fernández Paz.
Charla inaugural:Isabel Soto analizará a fonda vinculación da traxectoria do autor coa identidade e a sociedade galega impartindo a conferencia “Agustín Fernández Paz: o compromiso cun país e coa terra de nacenza”.
O Auditorio Municipal vigués acolle este venres 16 ás 20.00 h unha nova función do espectáculo, que pendurou o cartel de “entradas esgotadas”
A peza acompáñase, no propio recinto da representación, dunha exposición sobre a traxectoria profesional do dramaturgo
A velada de Londres, a nova produción da plataforma creativa ButacaZero que rende tributo á figura e legado do dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025), chega este venres 16 á cidade de Vigo. A cita será no Auditorio Municipal, ás 20.00 horas, e as entradas xa están esgotadas.
A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira -quen dirixe o espectáculo- adéntrase con esta peza no universo de Lourenzo. Faino cun texto do gran mestre do teatro galego, incluido no seu volume Veladas indecentes (Premio Nacional de Literatura Dramática 1997), que ademais garda unha relación especial con Castiñeira: traballou como axudante de dirección do propio Lorenzo nesta mesma peza nos seus inicios profesionais. Agora, case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.
Unha lectura sobre a moral vitoriana e o desexo
En A velada de Londres, a trama parte do retorno de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa posterior experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai trasformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, entendendo a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.
A posta en escena integra de xeito orgánico o traballo interpretativo dos actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro xunto á voz e o violonchelo de Esperanza Mara, quen executa a banda sonora orixinal composta para o espectáculo por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical.
Mostra no vestíbulo antes da función
Como complemento á representación, o público que acuda ao teatro poderá visitar aexposición Manuel Lourenzo. A pegada que continúa,un percorrido pola vida profesional de Lourenzo que axudará a comprender ao público asistente a importancia da figura do dramaturgo, director, docente, editor e actor na construción do teatro galego.
A de Vigo será a última cita antes de retomar a tríade final de representacións da xira d’A velada de Londres, que terá lugar na sala Bahía de Foz (27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (12 de decembro). A xira conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Rede Galega de Teatros; e da Deputación da Coruña a través do programa Outono das Artes.
A velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das obsesións creativas de Manuel Lorenzo. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.
Ficha técnica
Dirección: Xavier Castiñeira.
Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
Deseño de luz: Violeta Martínez.
Espazo escénico: Beatriz de Vega.
Figurinista: Carlos Pinilla.
Produción e distribución: ButacaZero.
Produción en xira: Rubén Capelán.
Axudante de dirección: Nuria Montero.
Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.