Fillas de Cassandra publicará TERTÚLIA, o seu novo álbum, o 24 de abril

O dúo vigués desvela hoxe nas súas redes sociais a portada do disco: doce cadeiras que transforman a música en materia

A Fundación Granell de Santiago acollerá os días 7 e 8 de abril a exposición ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’, onde o público poderá preescoitar de xeito exclusivo o álbum a través dunha ducia de pezas escultóricas 

Fillas de Cassandra presentará o seu novo espectáculo no Recinto Feiral de Pontevedra o 9 de maio

O vindeiro 24 de abril, María SOA e Sara Faro lanzarán ‘Tertúlia’, o seu agardado segundo LP. Un traballo que supón un paso firme na súa evolución artística, onde o orgánico e o electrónico se entrelazan para dar voz a un diálogo que transcende o tempo.

Neste novo traballo, producido xunto a Çantamarta polas propias Fillas de Cassandra, a electrónica —desde os ritmos rotos ao ambient— convértese na linguaxe protagonista, reflectindo o latexo da xeración de mozas galegas á que pertencen. ‘Tertúlia’ é un convite a desobedecer a través do encontro.

O álbum articúlase arredor de 12 temas que funcionan como un espazo de confianza, un xesto político de escoita nun contexto de fragmentación social. Desa ducia, xa se coñecen tres adiantos: a declaración de intencións que foi ‘saír á fresca’, o hedonismo comunitario de ‘insolación’ e a recente ‘déixate ver’. Esta última, en colaboración coa madrileña Ede, é unha elegía á nostalxia e á defensa das prazas como lugares públicos de conexión e encontro.

Hoxe desvélase a portada do disco, unha imaxe poderosa ideada por María SOA e Sara Faro en colaboración coa fotógrafa Arancha Brandón, a deseñadora Kika V. Ramil e o colectivo escenográfico As dúas e punto. Protagonizada por doce cadeiras dispostas en círculo, a obra explora que forma, textura ou cor terían as cancións se fosen obxectos.

A elección da cadeira como símbolo non é casual: remite ás sobremesas infinitas e ás mulleres que sacaban o asento á rúa para saír á fresca e converter o espazo público nun lugar de transmisión oral. Nesta colaboración con As dúas e punto, Fillas de Cassandra logran que a canción non só se escoite, senón que se encarne.

Exposición e preescoita: ‘Doce cancións, doce cadeiras’

Como antesala ao lanzamento, os días 7 e 8 de abril, a Fundación Granell de Santiago de Compostela acollerá a exposición ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’. Unha experiencia única de preescoita do novo disco de Fillas de Cassandra, onde a ducia de elementos que conforman a portada do álbum se transforman nun dispositivo no que melodía e a materia dialogan sen intermediarios.

Cada unha das doce cadeiras deixa de ser un simple moble para converterse nunha mensaxe en si mesma: ao igual que as letras de ‘Tertúlia’, estas pezas non perseguen a compracencia nin a comodidade neutral do mobiliario urbano. Polo contrario, toman partido e interpelan a quen as mira; algunhas son refuxio que acolle e protexe, mentres outras, na súa crueza, incomodan ou expulsan, obrigando a quen escoita a situarse fronte á obra.

O proxecto expositivo está deseñado para que o silencio da escoita sexa, en realidade, o disparador dunha palabra compartida. A Fundación Granell transformarase nunha gran praza pública na que tecer comunidade a través da escoita, dos tempos de espera e do diálogo.

O acceso será libre en horario de apertura do espazo museístico o martes 7 e o mércores 8. Para unha mellor experiencia, recoméndase que cada visitante empregue os seus propios auriculares para ser parte da ‘Tertúlia’. 

A gran ‘Tertúlia’ celebrarase o 9 de maio en Pontevedra

Após a publicación do álbum nas plataformas dixitais o 24 de abril, a gran presentación de ‘Tertúlia’ terá lugar 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra. O escenario transformarase nunha gran praza aberta onde Fillas de Cassandra citarán ao público para poñer, por fin, a palabra no centro. As entradas para este encontro xa están á venda.


Entradas presentación ‘Tertúlia’
https://woutick.com/es/entradas/fillas-de-cassandra-presenta-tertulia

20260401-Tertulia-publicarase-o-24-de-abril-Exposicion-na-Granell

Rodrigo Cuevas e a vangarda do folclore: encontro íntimo na Fundación Luís Seoane

  • O artista conversará con Nuno Pico (Grande Amore) o martes 7 de abril
  • A cita supón o regreso de Cuevas á cidade antes do seu único concerto en Galicia, que terá lugar o 30 de abril no Coliseum

O vindeiro martes 7 de abril, ás 20:00 h, a Fundación Luís Seoane da Coruña será o escenario dun diálogo único entre dúas das figuras máis transgresoras da escena actual: Rodrigo Cuevas e Nuno Pico, a alma detrás de Grande Amore.

Este encontro íntimo servirá como antesala de luxo para o esperado concerto de Rodrigo Cuevas no Coliseum o próximo 30 de abril, a que será a súa única data en Galicia este ano. Na Seoane, o público poderá ser testemuña dunha conversa honesta e imprevisible sobre tradición, identidade e a electrónica como ferramenta de axitación social.

Rodrigo Cuevas: o peche dunha triloxía histórica

O Premio Nacional das Músicas Actuais en 2023 chega consagrado como unha “anomalía fermosa”. Tras o éxito de Manual de Romería, o artista presenta agora Manual de Belleza, o peche dunha triloxía que redefiniu a música popular en España.

Este novo traballo preséntase como un exercicio de etnografía pop, onde Cuevas reivindica a beleza non normativa a través dun son que funde pandeiros e acordeóns cunha electrónica de vangarda.

ENCONTRO ENTRE RODRIGO CUEVAS E NUNO PICO

  • Data: Martes, 7 de abril de 2026
  • Hora: 20:00 h
  • Lugar: Fundación Luís Seoane, A Coruña
  • Entrada: Libre ata completar aforo

Gloria Rico dirixirá a gala dos XXX Premios de Teatro María Casares, que celebrará a obra de Manuel Lourenzo

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia renderá homenaxe ao histórico actor e dramaturgo, finado no verán de 2025, nun evento que se presentará oficialmente o luns 6 de abril no Teatro Rosalía Castro

Gloria Rico Galán é unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora

Festexar a vida e a herdanza de Manuel Lourenzo. Esta é a premisa central que tecerá a 30ª edición da Gala dos Premios de Teatro María Casares, a gran cita da escena galega. Organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, terá lugar o mércores 8 de abril no Teatro Rosalía Castro. A entidade rende así homenaxe ao compañeiro e mestre finado o pasado verán, cuxa obra é fundamental para entender a nosa escena. 

Nesta ocasión, a dirección da gala recaerá en Gloria Rico, unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea. A artista, coñecedora desde a proximidade da vida e traballo do Premio Nacional de Literatura Dramática no 1997, propón a idea de festexar a súa obra. O espectáculo contará cunha posta en escena que se alonxará do drama para por en valor o imaxinario de Lourenzo. 

“Queremos reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel, e farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura ”, expón. 

Os detalles da gala, que terá lugar o mércores 8, presentarase o vindeiro luns, 6 de abril, ás 12.30 horas no Teatro Rosalía Castro. Será nunha rolda de prensa que contará coa presenza e participación da propia Gloria Rico, ademais de representantes da AAAG, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia. A gala tamén conta co apoio da Fundación AISGE e Gadisa.

Sobre Gloria Rico

Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a traxectoria de Gloria Rico está estreitamente vinculada ao teatro universitario e profesional desde os seus inicios, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora.

Fundadora da compañía Teatro En Punto (TEP), Gloria Rico traballou con algunhas das formacións máis sobranceiras do país, como Matarile, Teatro Bruto, Casahamlet, Teatro do Atlántico e o Centro Dramático Galego (CDG). No seu currículo como intérprete destacan pezas como Cachorros sen domesticar (1996), Ninguén chorou por nós (2000), Rosalía (2001) ou a recente Invocación (2025).

A súa faceta como directora e axudante de dirección permitiulle colaborar man a man con referentes como Manuel Lourenzo e Xulio Lago. Entre as súas direccións máis recentes destacan Unha rosa entre as pernas (2013), 9999 (2014) e a peza de autoría propia Oca (2023), estreada no Festival Amigos de la Ópera da Coruña. No 2025, presentou no Museo Centro Gaiás a cocreación Olladas converxentes.

Máis alá das táboas, a súa carreira esténdese ao ámbito audiovisual, con participacións en títulos como a longametraxe Martes de Carnaval (1990) ou a mítica serie Mareas Vivas (2000). Como autora, publicou Contos troianos na colección de Manuais de Teatro de Casahamlet e participou no grupo de traballo DramaturXa 2018 do CDG.