Eris Mackenzie publica Laíño, un traballo que combina creación propia e reinterpretación emocional de clásicos da música galega, reafirmando a súa identidade musical entre a tradición e a electrónica contemporánea.
O EP está composto por seis cancións.“Vivir na Coruña”, unha homenaxe á terra de orixe, e “Teño Saudade”, icónica composición de Andrés Do Barro, máis catro cancións orixinais que reflicten o universo sonoro do artista, no que conflúen influencias da electrónica máis pura cunha sensibilidade melódica moi persoal.
Con estas versións, o artista busca render tributo a dúas pezas fundamentais da música galega, mostrando o seu respecto e admiración por un legado que marcou a súa traxectoria persoal e artística. Estas influencias esténdense a figuras como Ana Kiro, Xil Ríos e Pucho Boedo, cuxos repertorios forman parte da banda sonora vital de Eris Mackenzie.
O EP “Laíño” representa unha declaración de intencións: tender pontes entre a memoria musical de Galicia e as correntes electrónicas actuais, xerando unha proposta única que conecta pasado e presente desde unha mirada contemporánea.