O dúo vigués desvela hoxe nas súas redes sociais a portada do disco: doce cadeiras que transforman a música en materia

A Fundación Granell de Santiago acollerá os días 7 e 8 de abril a exposición ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’, onde o público poderá preescoitar de xeito exclusivo o álbum a través dunha ducia de pezas escultóricas 

Fillas de Cassandra presentará o seu novo espectáculo no Recinto Feiral de Pontevedra o 9 de maio

O vindeiro 24 de abril, María SOA e Sara Faro lanzarán ‘Tertúlia’, o seu agardado segundo LP. Un traballo que supón un paso firme na súa evolución artística, onde o orgánico e o electrónico se entrelazan para dar voz a un diálogo que transcende o tempo.

Neste novo traballo, producido xunto a Çantamarta polas propias Fillas de Cassandra, a electrónica —desde os ritmos rotos ao ambient— convértese na linguaxe protagonista, reflectindo o latexo da xeración de mozas galegas á que pertencen. ‘Tertúlia’ é un convite a desobedecer a través do encontro.

O álbum articúlase arredor de 12 temas que funcionan como un espazo de confianza, un xesto político de escoita nun contexto de fragmentación social. Desa ducia, xa se coñecen tres adiantos: a declaración de intencións que foi ‘saír á fresca’, o hedonismo comunitario de ‘insolación’ e a recente ‘déixate ver’. Esta última, en colaboración coa madrileña Ede, é unha elegía á nostalxia e á defensa das prazas como lugares públicos de conexión e encontro.

Hoxe desvélase a portada do disco, unha imaxe poderosa ideada por María SOA e Sara Faro en colaboración coa fotógrafa Arancha Brandón, a deseñadora Kika V. Ramil e o colectivo escenográfico As dúas e punto. Protagonizada por doce cadeiras dispostas en círculo, a obra explora que forma, textura ou cor terían as cancións se fosen obxectos.

A elección da cadeira como símbolo non é casual: remite ás sobremesas infinitas e ás mulleres que sacaban o asento á rúa para saír á fresca e converter o espazo público nun lugar de transmisión oral. Nesta colaboración con As dúas e punto, Fillas de Cassandra logran que a canción non só se escoite, senón que se encarne.

Exposición e preescoita: ‘Doce cancións, doce cadeiras’

Como antesala ao lanzamento, os días 7 e 8 de abril, a Fundación Granell de Santiago de Compostela acollerá a exposición ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’. Unha experiencia única de preescoita do novo disco de Fillas de Cassandra, onde a ducia de elementos que conforman a portada do álbum se transforman nun dispositivo no que melodía e a materia dialogan sen intermediarios.

Cada unha das doce cadeiras deixa de ser un simple moble para converterse nunha mensaxe en si mesma: ao igual que as letras de ‘Tertúlia’, estas pezas non perseguen a compracencia nin a comodidade neutral do mobiliario urbano. Polo contrario, toman partido e interpelan a quen as mira; algunhas son refuxio que acolle e protexe, mentres outras, na súa crueza, incomodan ou expulsan, obrigando a quen escoita a situarse fronte á obra.

O proxecto expositivo está deseñado para que o silencio da escoita sexa, en realidade, o disparador dunha palabra compartida. A Fundación Granell transformarase nunha gran praza pública na que tecer comunidade a través da escoita, dos tempos de espera e do diálogo.

O acceso será libre en horario de apertura do espazo museístico o martes 7 e o mércores 8. Para unha mellor experiencia, recoméndase que cada visitante empregue os seus propios auriculares para ser parte da ‘Tertúlia’. 

A gran ‘Tertúlia’ celebrarase o 9 de maio en Pontevedra

Após a publicación do álbum nas plataformas dixitais o 24 de abril, a gran presentación de ‘Tertúlia’ terá lugar 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra. O escenario transformarase nunha gran praza aberta onde Fillas de Cassandra citarán ao público para poñer, por fin, a palabra no centro. As entradas para este encontro xa están á venda.


Entradas presentación ‘Tertúlia’
https://woutick.com/es/entradas/fillas-de-cassandra-presenta-tertulia

20260401-Tertulia-publicarase-o-24-de-abril-Exposicion-na-Granell