Os XXX Premios de Teatro María Casares renderán homenaxe a Manuel Lourenzo

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia presenta os XXX Premios de Teatro María Casares cunha gala que homenaxea a Manuel Lourenzo
Gloria Rico dirixirá un espectáculo que convida a festexar a vida e a obra do histórico dramaturgo galego, finado o pasado verán
A gala celebrarase o mércores 8 de abril ás 20:30 horas no Teatro Rosalía Castro da Coruña e poderá seguirse en directo por streaming
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) presentou esta mañá no Teatro Rosalía Castro todos os detalles da 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. O acto contou coa presenza de representantes da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a propia AAAG e Gloria Rico, directora da gala.
Os XXX Premios reunirán este ano 17 espectáculos que optan a 16 galardóns en categorías que abarcan desde a interpretación ata os apartados técnicos e os espectáculos infantís e de monicreques. Entre as montaxes con máis candidaturas destacan Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 finalistas —incluíndo Espectáculo, Dirección e Texto—; A serie clopen, do Centro Dramático Galego, con 10 —incluíndo Espectáculo, Dirección e Actriz Protagonista—; e TROMSØ, de Morraoconto, con 7 —incluíndo Espectáculo e Dirección—.
A imaxe desta 30ª edición foi creada pola ilustradora e deseñadora luguesa Rebeca Losada, coñecida pola súa paleta vibrante e a súa traxectoria no mundo editorial e musical. A AAAG mantén así a iniciativa, iniciada en 2017, de encargar cada ano o cartel a unha figura diferente do deseño e a ilustración, estreitando lazos entre o sector escénico e esta disciplina artística.
Festexar a Manuel Lourenzo
A gala deste ano terá como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego, Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997, finado o pasado verán. Baixo a dirección de Gloria Rico, o espectáculo propón non a melancolía nin o eloxio fúnebre, senón a celebración.
Rico, quen foi amiga, alumna e compañeira de traballo de Lourenzo, concibiu un espectáculo para os María Casares de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera como representación da perfección que encarna a figura do homenaxeado; o azul da zona do Valadouro; e as doas, as bolas tradicionais que se integran na vida cotiá da xente. Cores e formas que trasladan ao público á idea dunha festa popular.
“Queremos reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel, e farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura”, expón.
A AAGG quere compartir este momento, premios e espectáculo co público, polo que a Gala poderá seguirse en directo vía streaming a través de YouTube: https://youtube.com/live/fsWS95CFbI8
Elenco artístico da gala
No transcurso da presentación e, por primeira vez, presentouse o equipo artístico completo que subirá ao escenario o 8 de abril e dará vida ao espectáculo dirixido por Gloria Rico. No escenario coincidirán catro actores e actrices —Arantza Villar, Carlos Mosquera “Mos”, María Barcala e Roberto Leal— xunto a un cuarteto musical: Josito Porto (voz, guitarra e gaita), Carlos Arévalo (batería), Rafa Otero (guitarra e baixo) e Sabela Dacal (acordeón e voz).
Homenaxe a Luma Gómez
Nesta edición, a AAAG entrega o seu recoñecemento especial á actriz e activista Luma Gómez, figura fundamental do teatro galego e do movemento asociativo profesional. Eva Fórneas, presidenta da AAAG, subliña o seu perfil único: “Luma é un referente en moitos aspectos: muller que fundou e cofundou tanto a Asociación como entidades artísticas, nunca deixou de adicarse ao teatro. Sempre moi concienciada coa profesión e cos dereitos e loitas sindicais. Queremos darllo agora para que poida gozar e desfrutar do recoñecemento desde o escenario, como cada día, tamén detrás dos papeis, porque Luma é unha curranta nata”, sinala.
O acto contou coas intervencións das institucións colaboradoras. Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, destacou a importancia dos premios para a cidade: “O Goberno de Inés Rey continúa a amosar a súa sensibilidade polas artes escénicas, convertendo un ano máis este Teatro Rosalía no epicentro do teatro galego e rendendo homenaxe a unha das grandes figuras da actuación da historia do noso país, ao que xa temos amosado o noso recoñecemento público tras as súas innumerables aparicións sobre as táboas da Coruña”, indicou Gonzalo Castro.
Pola súa banda, Avia Veira, en representación da Deputación da Coruña, subliñou o compromiso institucional coa escena galega: “Desde a Deputación da Coruña entendemos a cultura como un dereito da cidadanía e como un motor de identidade colectiva. Por iso, neste 2026 continuamos apostando por instrumentos de financiamento concretos. É un compromiso real, con recursos reais, para que proxectos como este non dependan só da vontade, senón tamén do apoio institucional”, apuntou a deputada, quen tamén salientou a figura de María Casares. “Non está de máis lembrar os motivos polos que estes premios levan o nome que levan. Nada na Coruña en 1922, foi unha das grandes actrices do teatro e o cine europeos do século XX. Exiliada en Francia sendo adolescente, construíu unha carreira extraordinaria nos escenarios de París. Galiza no mundo, talento universal. Que os premios do teatro galego leven o seu nome é un acto de xustiza e de memoria”, dixo.
Na súa intervención, o director de Industrias Culturais deixou testemuño do apoio da Xunta a estes galardóns como escaparate da creatividade, da diversidade e da fortaleza do teatro galego, ao tempo que puxo o foco na súa relevancia para dotar de visibilidade diante da sociedade o labor das compañías, dos elencos e dos diferentes oficios escénicos. “Os Premios María Casares constitúen un símbolo do talento, da profesionalización e da capacidade de renovación das artes escénicas en Galicia”, engadiu. Tamén felicitou as formacións e profesionais finalistas, así como a Luma Gómez pola súa carreira de décadas sobre as táboas. Cualificou, ademais, o eixo condutor da gala deste ano de “merecido tributo” a Manuel Lorenzo, a quen se referiu como un dos máximos expoñentes do teatro galego de todos os tempos, e de quen lembrou que tivo no texto para Nada se sabe, coprodución do Centro Dramático Galego con Culturactiva, un dos seus últimos traballos.
GALA XXX PREMIOS DE TEATRO MARÍA CASARES
DATA E HORA: mércores 8 de abril de 2026 // 20:30 horas
LUGAR: Teatro Rosalía Castro, A Coruña
EMISIÓN POR STREAMING
https://youtube.com/live/fsWS95CFbI8
Os XXX Premios de Teatro María Casares contan coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE e Gadisa.

Sobre os XXX Premios de Teatro María Casares
Os XXX Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG, contan coa colaboración de institutiones e entidades como Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE e Gadisa. A gala celebrarase o mércores 8 de abril de 2026, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Sobre a AAAG
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é a organización profesional que representa ao sector actoral galego e que organiza anualmente os Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Desde a súa primeira edición, os premios convertéronse no referente do sector, recoñecendo cada ano a excelencia dos espectáculos, compañías e profesionais do teatro galego.


