
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia renderá homenaxe ao histórico actor e dramaturgo, finado no verán de 2025, nun evento que se presentará oficialmente o luns 6 de abril no Teatro Rosalía Castro
Gloria Rico Galán é unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora
Festexar a vida e a herdanza de Manuel Lourenzo. Esta é a premisa central que tecerá a 30ª edición da Gala dos Premios de Teatro María Casares, a gran cita da escena galega. Organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, terá lugar o mércores 8 de abril no Teatro Rosalía Castro. A entidade rende así homenaxe ao compañeiro e mestre finado o pasado verán, cuxa obra é fundamental para entender a nosa escena.
Nesta ocasión, a dirección da gala recaerá en Gloria Rico, unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea. A artista, coñecedora desde a proximidade da vida e traballo do Premio Nacional de Literatura Dramática no 1997, propón a idea de festexar a súa obra. O espectáculo contará cunha posta en escena que se alonxará do drama para por en valor o imaxinario de Lourenzo.
“Queremos reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel, e farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura ”, expón.
Os detalles da gala, que terá lugar o mércores 8, presentarase o vindeiro luns, 6 de abril, ás 12.30 horas no Teatro Rosalía Castro. Será nunha rolda de prensa que contará coa presenza e participación da propia Gloria Rico, ademais de representantes da AAAG, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia. A gala tamén conta co apoio da Fundación AISGE e Gadisa.

Sobre Gloria Rico
Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a traxectoria de Gloria Rico está estreitamente vinculada ao teatro universitario e profesional desde os seus inicios, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora.
Fundadora da compañía Teatro En Punto (TEP), Gloria Rico traballou con algunhas das formacións máis sobranceiras do país, como Matarile, Teatro Bruto, Casahamlet, Teatro do Atlántico e o Centro Dramático Galego (CDG). No seu currículo como intérprete destacan pezas como Cachorros sen domesticar (1996), Ninguén chorou por nós (2000), Rosalía (2001) ou a recente Invocación (2025).
A súa faceta como directora e axudante de dirección permitiulle colaborar man a man con referentes como Manuel Lourenzo e Xulio Lago. Entre as súas direccións máis recentes destacan Unha rosa entre as pernas (2013), 9999 (2014) e a peza de autoría propia Oca (2023), estreada no Festival Amigos de la Ópera da Coruña. No 2025, presentou no Museo Centro Gaiás a cocreación Olladas converxentes.
Máis alá das táboas, a súa carreira esténdese ao ámbito audiovisual, con participacións en títulos como a longametraxe Martes de Carnaval (1990) ou a mítica serie Mareas Vivas (2000). Como autora, publicou Contos troianos na colección de Manuais de Teatro de Casahamlet e participou no grupo de traballo DramaturXa 2018 do CDG.