Andrés Rodís, S/T, 2026. Óleo sobre tela | Oil on canvas. 200 x 300 cm
NÉBOA participa en ARCOlisboa | Opening Lisboa | Stand OP2
A galería NÉBOA (Lugo) participará en ARCOlisboa, a feira internacional de arte contemporánea de referencia en Portugal, que terá lugar do 28 ao 31 de maio de 2026 na Cordoaria Nacional, en Lisboa.
NÉBOA foi seleccionada para formar parte da sección comisariada Opening Lisboa, dedicada a galerías e prácticas emerxentes, onde presentará un proxecto cos artistas Andrea Davila Rubio e Andrés Rodís. Comisariada por Sofía Lanusse, Diogo Pinto, e Sofia Montanha como asistente curatorial, propón un espazo orientado á experimentación e á investigación, favorecendo o diálogo entre novos linguaxes e contextos contemporáneos. O programa reúne unha coidada selección de galerías internacionais, xerando un marco de intercambio entre escenas emerxentes e prácticas diversas.
Para ARCOlisboa, NÉBOA presenta un diálogo entre Andrea Davila Rubio e Andrés Rodís, dous artistas emerxentes que exploran a superficie como espazo de tensión, memoria e transformación. A través da escultura e da pintura, ambos traballan coa materia como algo poroso e inestable, onde se fan visibles estruturas de control, experiencia e tempo.
Andrea Davila Rubio aborda o corpo como un territorio atravesado por sistemas de coidado, disciplina e defensa. A súa obra recente parte da idea do clean look, entendida como un ideal estético asociado á uniformidade e á eliminación da imperfección. En ARCOlisboa presenta Clean Look, unha peza en vidro e aluminio derivada de moldes de máscaras faciais cosméticas, na que o rostro aparece suspendido entre protección e vulnerabilidade, refinamento e alienación.
A obra de Andrés Rodís desenvólvese a través de procesos de tradución, desprazamento e medida. As súas pinturas parten da observación de arquitecturas vernáculas e xeometrías presentes en espazos cotiáns, que transforma en composicións baseadas na repetición e na modulación. Triángulos, rombos e grellas constrúen sistemas espaciais en movemento, nos que óleo, esmalte, cera e restos de estudo funcionan como rexistros dun proceso aberto e acumulativo.
Mentres Davila Rubio cuestiona os réximes de visibilidade aplicados ao corpo, Rodís incorpora á pintura as condicións espaciais e materiais que a rodean. Ambas prácticas propoñen unha reflexión sobre o que pode conter unha superficie e sobre como a forma acumula memoria, experiencia e duración.
Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) é artista e investigadora. Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, completou unha estadía predoutoral no Boston College grazas a unha bolsa Fulbright-Xunta de Galicia. Actualmente cursa o Máster en Belas Artes no Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW de Basilea, coa bolsa da Fundación María José Jove.
O seu traballo escultórico explora as relacións entre corpo, materia e contorna desde unha perspectiva crítica, abordando cuestións vinculadas ao coidado, a transformación e a convivencia entre o humano e o non humano.
Entre as súas exposicións recentes destacan A sweaty dispersal into the fog na Galería NÉBOA (Lugo, 2025), A Friend of a Friend of a Friend en der TANK (Basilea, 2025) e Corpo, afectos, territorio no Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona, 2023). Realizou residencias en Matadero Madrid, Residency Unlimited (Nova York) e Atelier Mondial (Basilea), e recibiu diversos premios e bolsas de investigación e creación. As súas obras forman parte das coleccións da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.
Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000) desenvolve a súa práctica entre Galicia, Valencia e o País Vasco. O seu traballo céntrase na investigación da linguaxe, a superficie pictórica e a construción da imaxe desde unha perspectiva conceptual e procesual.
É graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València (2022) e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco (2024). Actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo. Foi residente en Piramidón Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2025) e nas Residencias Artísticas Celestino Cuevas (2025), ademais de seleccionado en programas como SAVIA (Artnueve, 2026).
Nos últimos anos recibiu recoñecementos como o Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis (2025), o Premio ao Mellor Artista Emerxente de SWAB (2025) e o Premio Gaztea do Concello de Leioa (2024). Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas en espazos como Galería NÉBOA (Lugo), Galería Lumbreras (Bilbao), Sala ABANCA (Santiago de Compostela) ou o Museo da Universidade de Alacante. A súa obra forma parte de coleccións como a Colección Norte do Goberno de Cantabria, KELLS Art Collection ou a Colección de Arte MANGO.
O acto contará coa participación de Alexandra Cabana, Chema Felpeto e Henrique Alvarellos, eterá lugar o xoves 21 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
Após ‘Loitar cantando’ (2020), Acordeireita volta de novo este sábado, 23 de maio, ás 20 horas, á Casa-Museo Manuel María co seu segundo traballo Baixo os remendos, nós. Patricia González Iglesias (voz e pandeireta) e Alejandro Balbuena Ojea (acordeón) parten do remendo co obxectivo de concibir un álbum distinto e innovador, en que se sitúan, literalmente, debaixo das eivas e dos problemas diarios para coselos co canto e a música. Son eles, os remendos, os alicerces. Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
O Recinto Feiral de Pontevedra acolle este sábado, 9 de maio, a partir das 22.00 horas, a estrea do segundo LP do dúo vigués
Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta, Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e Zetak subirán ao escenario pontevedrés; mentres que a DJ Rapante amenizará a entrada do público
Fillas de Cassandra abrirá este sábado, 9 de maio, as portas á gran ‘Tertúlia’. María SOA e Sara Faro presentarán ao vivo o seu novo álbum, publicado o pasado 24 de abril, no Recinto Feiral de Pontevedra. As entradas para a cita, que comezará ás 22.00 horas, están á venda en Woutick.
O dúo vigués, acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Cultura da localidade, Demetrio Gómez, deu a coñecer esta mañá os detalles dun evento que porá o poder da palabra e do diálogo no centro. Collendo o relato do seu novo traballo, Fillas de Cassandra transformarán o Recinto Feiral de Pontevedra nunha gran praza para a conversa. A intención non é outra que trasladar, tanto desde a escenografía como desde o movemento e, moi especialmente, a música, un convite “a desobedecer” para poñer o foco nos afectos, nas liberdades, nas amizades, na xustiza social e no encontro.
Fillas de Cassandra estrearán o seu novo directo acompañadas doutras artistas recoñecidas do panorama galego e estatal, como son Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta (coprodutores de ‘Tertúlia’), Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e o navarro Zetak. No Recinto Feiral de Pontevedra escoitaranse por primeira vez a ducia de temas que conforman a ‘Tertúlia’, mais tamén algúns dos seus grandes éxitos revisitados e actualizados.
O Recinto Feiral de Pontevedra abrirá as súas portas ás 20:00 horas e , desde as 20.30h, a viguesa DJ Rapante (Paula Somoza) amenizará o acceso do público. A partir das 22.00h, Fillas de Cassandra ofrecerá un poderoso e enérxico directo dunha hora e media de duración que contará coa complicidade de Icía Varela (percusións e voces), Elena Domínguez (percusións, voces e violoncello), e Vicky González na batería. A banda, cunha escenografía do colectivo As dúas e punto e baixo a dirección de movemento de Daniel Rodríguez, arrancará este sábado unha xira que as levará a visitar numerosas prazas e festivais de todo o territorio estatal.
TERTÚLIA
O segundo LP de Fillas de Cassandra, producido polas propias María SOA e Sara Faro con Çantamarta, supón un paso firme na evolución artística das viguesas, que expanden o seu universo sonoro. A electrónica -desde os ritmos rotos ao ambient– convértese na linguaxe protagonista dun álbum que se articula arredor de doce temas nos que colaboran nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.
O traballo, publicado o pasado 24 de abril, xa está dispoñible tanto en plataformas dixitais coma en tendas físicas. A boa acollida inicial do vinilo situou ‘Tertúlia’ (Altafonte, 2026) entre os 30 discos máis vendidos en España estas semanas. Durante o concerto de presentación habilitarase un espazo no que será posible adquirir tanto o disco coma o novo merchandising de Fillas de Cassandra.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘TERTÚLIA’
Data: Sábado 9 de maio de 2026 Hora: 22.00h (apertura de portas ás 20.30h) Lugar: Recinto Feiral de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n)
Os medios interesados en cubrir o concerto deberán solicitar a súa acreditación a lucia@tremendoaudiovisual.com antes das 13.00h do venres 8 de maio.