Alana desembarca na Sala Capitol este sábado co directo do seu novo disco, UN SABER

Este sábado, 18 de abril, ás 21.30 horas, un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presentará en Compostela, por primeira vez en vivo, o seu segundo traballo discográfico, publicado o pasado venres, 10 de abril
As últimas entradas do concerto están dispoñibles en: https://salacapitol.entradas.plus/entradas/es/alana-capitol
Con Un saber, Alana explora os ritmos da nosa tradición oral, coa súa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar
A Sala Capitol bailará esta fin de semana ao son de Alana. Un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presentará en Santiago de Compostela, por primeira vez en vivo, o seu novo disco, Un saber, que viu a luz o pasado venres, en todas as plataformas dixitais. A cita será este sábado, 18 de abril, contra ás 21.30h.
Neste segundo LP, Alana explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar. E así o poderá confirmar en directo todo o público que acuda ao directo este sábado na Capitol.
No concerto, cuxa posta en escena –de inspiración floral– correrá a cargo de As dúas e punto, Alana estará arroupada por múltiples colaboracións sorpresas. As últimas entradas están dispoñibles na páxina web da sala: https://salacapitol.entradas.plus/entradas/es/alana-capitol
Alana son Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, nunha coidada e xa característica produción musical.
Con este novo traballo discográfico, Un saber, Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel O xeito á Cántigha, a súa festexada ópera prima.
Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”. O proxecto do disco contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Tralo seu paso pola Sala Capitol de Compostela, Alana presentará en directo Un saber, tamén, nas seguintes prazas:
22.05.2026. Festival de Cans (O Porriño).
23.05.2026. Hórreo Vivo (Rianxo).
13.06.2026. Negreira.
27.06.2026. O son da aldea (Pantón).
E moitas máis por anunciar…
UN SABER, UN DISCO PARA BAILAR, CANTAR, GOZAR E EMOCIONAR
“Un saber é unha evolución sobre como empezamos a vivir a música nos primeiros tempos de Alana e como o facemos agora… A nivel rítmico, é un disco moi diverso, xa que exploramos a meirande parte dos ritmos da nosa tradición oral. En moitos casos, as cancións están ligadas con momentos ou persoas que foron importantes nas nosas vidas”, apunta a banda. E continúa: “Había unha idea que nos rondaba na cabeza desde hai tempo, e era a pouca importancia que lle daban as propias informantes á música que facían, algo que xa sabíamos, pero que nos segue sorprendendo a día de hoxe”.
Antía, Eloy e Pablo apuntan, tamén: “O libro publicado por Beatriz Busto Miramontes, Pandereteiras de Mens, fala de como Prudencia, Asunción, Manuela, Adela e Teresa –e, como elas, tantas mulleres no noso país–, non tiñan unha «conciencia directa de que detrás da práctica de tocar a pandeireta, cantar e bailar houbese un saber musical».
Para elas a música eran esas charangas ou murgas, pensaban que o seu non constituía un ’saber’ en si mesmo, e de aí o nome do disco”. Para Alana, esa música constitúe algo de tan alto valor, de tan amplo coñecemento e de tan grande saber que “queríamos aportar o noso pequeno grao de arena para seguir con ese legado que nos deixaron e nos deixan”.

ALANA: RAÍZ, RITMO E REVOLUCIÓN
Alana é un dos proxectos máis singulares da nova escena tradicional galega. Unha formación musical á que dan vida Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. Unha proposta nova, diversa, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile.
O marcado estilo persoal da banda levounos a compartir escenario con artistas como Rodrigo Cuevas e a participar nalgunhas das principais citas musicais galegas, como o Atlantic Pride ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; pero, tamén, en programacións noutros lugares da Península Ibérica e de Europa, formando parte de espazos como o Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Genève.
No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, no que tiveron a ocasión de tocar en dous anos consecutivos, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor album en galego nos Premios MIN. O xeito á cántigha é o seu primeiro disco, mentres que Un saber é o seu segundo traballo.
20260416-NP-Alana_Sala-Capitol