A montaxe dirixida por Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo faise cos premios de Mellor Espectáculo, Dirección e Texto Orixinal, entre outros
A serie clopen, TROMSØ e Berenguela na gaiola logran cadanseu dobrete nunha gala que celebrou a vida e obra de Manuel Lourenzo
Fran Lareu coróase como mellor actor do ano ao gañar o galardón de protagonista (Un tal Romeo) e secundario (Reconversión)
Luma Gómez recibiu o Premio de Honra Marisa Soto polo seu compromiso vital coas artes escénicas galegas
O teatro galego celebrou esta noite a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.
A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).
O teatro galego celebrou esta noite a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.
A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).
Un palmarés repartido
Xunto ao éxito de Reconversión, a 30ª edición dos premios recoñeceu o talento de diversas propostas que marcaron a temporada escénica. A serie clopen, produción do Centro Dramático Galego, alzouse con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Pola súa banda, TROMSØ, de Morraoconto, tamén logrou un dobrete nos apartados técnicos, levando os trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.
O premio ao Mellor Actor Protagonista foi para Fran Lareu polo seu traballo en Un tal Romeo (aRamboia), quen asinou así un dobrete persoal na mesma noite ao gañar tamén o de actor secundario con Reconversión. Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.
A voz do sector: reivindicación desde o inicio
A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala tomando a palabra en nome da Xunta Directiva para facer balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: “Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán”.
A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento real e non meramente simbólico. Fórneas advertiu da instrumentalización do traballo das profesionais nos medios públicos e pediu mesura e respecto: “Precisamos que estean con nós, que nos acompañen, sí, mesmo que se fotografíen con nós, pero con decoro, con medida”. Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: “non nos agasallan con nada”.
Fórneas rematou o seu discurso cun chamamento á resistencia colectiva fronte ao auxe da ultradereita e os discursos de odio: “Temos o deber de afirmar rotundamente que non daremos un paso atrás nos dereitos acadados”, e apoiouse nas palabras do director e dramaturgo Oskar Eustis para lembrar o papel esencial do teatro: “unha arte que exercita o músculo da empatía posiblemente coma ningunha outra”.
Unha gala entre a verbena e o poema: festexar a Manuel Lourenzo
Baixo a dirección de Gloria Rico, a gala tivo como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego finado o pasado verán e Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997. O espectáculo fuxiu da melancolía para converterse nunha celebración de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera, o azul do Valadouro e as doas tradicionais integradas nunha estética de festa popular.
A velada arrincou co acordeón de Sabela Dacal e unha vibrante cumbia coa que o elenco —Arantza Villar, Carlos Mosquera “Mos”, María Barcala e Roberto Leal— entrou dende o patio de butacas. O xogo escénico alternou momentos de humor, como o brinde inicial con latas de cervexa, con pasaxes de alta carga poética, como a lectura multilingüe de textos de Lourenzo en galego e francés ou o emocionante poema homenaxe recitado baixo o foco dun canón no centro do escenario. Un dos momentos máis sobrecolledores foi o In Memoriam, onde a música de “Oxalá estiveras aquí” acompañou o recordo dos compañeiros finados en 2025.
Reivindicación e compromiso: o teatro como “chave”
Un dos momentos máis solemnes foi a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito polo activista e docente Carlos Callón. No seu texto, Callón percorreu a historia de persecución da nosa lingua nos escenarios para reivindicar o teatro como unha “chave decisiva” para revitalizar o idioma hoxe en día. O autor fixo un chamamento a pasar da “caricatura ao suxeito” e pechou a súa proclama cun unánime “Viva o Teatro Galego!”.
A AAAG entregou o seu recoñecemento especial, o Premio de Honra Marisa Soto, á actriz e activista Luma Gómez. O acto contou coa presenza de autoridades como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o subdelegado do Governo, Julio Abalde; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entre outros representantes institucionais.
A festa rematou coa canción “Eu son Feliz” e un brinde colectivo de premiados e equipo técnico sobre as táboas do Rosalía, selando unha noite que reafirma os María Casares como o gran referente das artes escénicas en Galicia.
Listaxe de Candidaturas Premiadas
IBUPROFENO TEATRO: RECONVERSIÓN (6) Mellor espectáculo Mellor dirección: Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo Mellor texto orixinal: Santiago Cortegoso Mellor actor secundario: Fran Lareu Mellor actriz secundaria: Cristina Collazo Mellor espazo sonoro: Alonso Caxade
CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: A SERIE CLOPEN (2) Mellor actriz protagonista: Natalia Pajarito Mellor dirección de movemento: Marta Alonso Tejada
MORRAOCONTO: TROMSØ (2) Mellor espazo escénico: R. Martínez, M. Gendre, L. Pouso e J. Faro “Coti” Mellor iluminación: José Faro “Coti”
GALEATRO E XAROPE TULÚ: BERENGUELA NA GAIOLA (2) Mellor espectáculo infantil Mellor adaptación/tradución: Paula Carballeira
ARAMBOIA: UN TAL ROMEO (1) Mellor actor protagonista: Fran Lareu
TANXARINA: A BIBLIOTECA GALÁCTICA CONTRA A IA FANTÁSTICA (1) Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
ELEFANTE ELEGANTE: ALTA COSTURA (1) Mellor vestiario: Carolina Díguele
ÁRTIKA CÍA: O LIBRO DA SELVA, O MUSICAL (1) Mellor maquillaxe: Ártika Cía
Sobre os XXX Premios de Teatro María Casares Os XXX Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG, contan coa colaboración de institucións e entidades como Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE e Gadisa.
Sobre a AAAG A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é a organización profesional que representa ao sector actoral galego e que organiza anualmente os Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia.
Este sábado 11 de abril a asociación cultural Castiñeiro Milenario organiza a proxección da película O médico dos pobres, de Federico Rioboo, a partir das sete da tarde na Casa da Cultura de Begonte.
Este filme documental tenta recuperar a memoria arredor do asasinato na guerra civil española de Manuel Díaz González, médico e alcalde do Incio, a mans de falanxistas. Con testemuñas variadas, un traballo de reconstrución e coralidade capaz de axudar a esclarecer a infamia dun tempo.
O fío condutor do documental parte do libro Sementes e memoria. Morte e evocación dun médico republicano, escrito por José Luis Díaz, sobriño do protagonista.
José Luis iniciou a investigación da vida do seu tío a raíz dunha nota manuscrita a lapis que de xeito casual atopou entre documentos da familia aló polo ano 1978. Esta nota dicía: “O 11 de setembro de 1936 matáronme a Manuel os fascistas”. Esta nota fora escrita polo pai do médico asasinado, e avó de José Luis, quen intuíu que a morte do seu tío estaba aínda rodeada dunha espesa néboa.
Ao remate terá lugar un pequeno coloquio para comentar a película proxectada.
Un saber, o agardado novo traballo discográfico de Alana, verá a luz este venres, 10 de abril, en todas as plataformas dixitais. Un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presenta, así, o seu segundo LP, no que explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar.
Un saber (título que fai referencia ao saber popular das señoras) conta coas colaboracións de Pan.Sen.Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira, mentres que a posta en escena corre a cargo das escenógrafas e iluminadoras As dúas e punto.
A Sala Capitol de Compostela acollerá o concerto de presentación deste novo disco de Alana o sábado, 18 de abril, ás 21.30h, coas últimas entradas aínda dispoñibles aquí.
Alana son Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, nunha coidada e xa característica produción musical. Con este novo traballo discográfico, Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel O xeito á Cántigha, a súa primeira e festexada ópera prima.
Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”.
O proxecto contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
UN SABER, O NOVO LP DE ALANA, UN DISCO PARA BAILAR, CANTAR, GOZAR E EMOCIONAR
“Un saber é unha evolución sobre como empezamos a vivir a música nos primeiros tempos de Alana e como o facemos agora… A nivel rítmico, é un disco moi diverso, xa que exploramos a meirande parte dos ritmos da nosa tradición oral. En moitos casos, as cancións están ligadas con momentos ou persoas que foron importantes nas nosas vidas”, apunta a banda. E continúa: “Había unha idea que nos rondaba na cabeza desde hai tempo, e era a pouca importancia que lle daban as propias informantes á música que facían, algo que xa sabíamos, pero que nos segue sorprendendo a día de hoxe”.
Antía, Eloy e Pablo apuntan, tamén: “O libro publicado por Beatriz Busto Miramontes, Pandereteiras de Mens, fala de como Prudencia, Asunción, Manuela, Adela e Teresa –e, como elas, tantas mulleres no noso país–, non tiñan unha «conciencia directa de que detrás da práctica de tocar a pandeireta, cantar e bailar houbese un saber musical». Para elas a música eran esas charangas ou murgas, pensaban que o seu non constituía un ’saber’ en si mesmo, e de aí o nome do disco”.
Para Alana, esa música constitúe algo de tan alto valor, de tan amplo coñecemento e de tan grande saber que “queríamos aportar o noso pequeno grao de arena para seguir con ese legado que nos deixaron e nos deixan”.
ALANA: RAÍZ, RITMO E REVOLUCIÓN
Alana é un dos proxectos máis singulares da nova escena tradicional galega. Unha formación musical á que dan vida Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. Unha proposta nova, diversa, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile.
O marcado estilo persoal da banda levounos a compartir escenario con artistas como Rodrigo Cuevas e a participar nalgunhas das principais citas musicais galegas, como o Atlantic Pride ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; pero, tamén, en programacións noutros lugares da Península Ibérica e de Europa, formando parte de espazos como o Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Genève.
No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, no que tiveron a ocasión de tocar en dous anos consecutivos, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor album en galego nos Premios MIN. O xeito á cántigha é o seu primeiro disco, mentres que Un saber é o seu segundo traballo.
O festival Fumega Fest vén de desvelar a distribución por días da súa segunda edición, seguindo coa súa aposta por traer ao Parque do Pasatempo de Betanzos a algún dos mellores nomes a nivel europeo do Stoner Rock e o Doom Metal, nun evento que terá lugar os próximos días 26 e 27 de xuño.
A primeira xornada estará marcada pola presenza da exclusiva banda británica Conan, que xunto a Burst (Suecia), MenEater (Portugal), Luciférnaga (Vigo) e Travo (Portugal) abrirán por todo o alto o venres. Por outra banda, o sábado, derradeira xornada do festival, estará protagonizada pola presenza dos ucraínos Stoned Jesus, que compartirán escenario con bandas como Wet Cactus (Cantabria), Volcanova (Islandia), Moura (A Coruña) e Causa Sui (Dinamarca). Desta maneira, o evento segue afianzando o status como unha das grandes referencias do xénero na Península Ibérica, así como o principal evento do mesmo no estado español.
Os ritmos intensos, as guitarras distorsionadas e as atmosferas sonoras encherán de novo Betanzos tras o bo sabor de boca da súa primeira edición, celebrada o pasado verán. Recuperando o espírito rockeiro e metaleiro do Parque do Pasatempo, o festival busca seguir dando pasos cara asentarse como evento referencia na Península Ibérica para os xéneros saídos do rock e o metal alternativos.
ENTRADAS DE DÍA XA Á VENDA
Co anuncio da distribución por días do cartel, o festival ten xa á venda as entradas de día, cun prezo promocional e limitado de 37€, que se suman aos abonos dispoñibles dende 62€ na páxina web do festival, www.fumegafest.com e Enterticket.es. Tamén está dispoñible o acceso á acampada, que ten un custo de 22€ e acceso os dous días de festival.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, responsables de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Hugo Guezeta, Vimbio ou Sabela. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e a colaboración de Liporca.
COÑECE AOS ARTISTAS DO FUMEGA FEST
VENRES 26
Un dos nomes máis exclusivos desta nova edición do Fumega Fest, Burst, será un dos principais reclamos da primeira xornada do festival. A banda sueca de metal progresivo que, tras anos de evolución e pausas indefinidas, volven para seguir vendo como medra a súa reputación e respecto na industria grazas a discos aclamados e directos poderosos, combinarán atmosferas expansivas, ferocidade metálica e grandes grooves no Parque do Pasatempo.
Xunto a eles, estará Conan, banda británica de doom metal formada en Liverpool, coñecida polo seu son extremo, distorsionado e afinacións profundamente baixas. Convertéronse nun referente absoluto do xénero, chegando a ser descritos como “títáns da escena doom metal”.
Por primeira vez no festival, haberá presencia do país veciño con dúas agrupacións portuguesas na xornada do venres, contando con Men Eater, banda punteira da escena rock/metal xa catalogada como unha das formacións máis impactantes do país. Xunto a eles, actuará Travo, outra das bandas máis potentes da escena rock, caracterizados polos seus sons que combinan psych rock, stoner, garage e enerxía punk.
Pechando esta primeira xornada estará unha das grandes agrupacións galegas, Luciférnaga, banda viguesa que destaca polos seus sons pesados e envolventes, que beben do doom e do stoner metal, explorando a escuridade humana a través de riffs densos e letras introspectivas.
SÁBADO 27
Un dos grandes nomes desta edición, que encabezará a xornada do sábado, é Stoned Jesus, banda ucraína formada en Kyiv en 2009. Cunha traxectoria de case 500 concertos por Europa e Sudamérica, compartiron escenarios con bandas lendarias como Black Sabbath, Deep Purple, Rammstein, Slayer ou Gojira. Sempre en evolución, Stoned Jesus continúa explorando novos camiños sonoros, consolidando un son propio que mestura doom, prog e grunge.
Xunto a eles estará Causa Sui, banda danesa que leva en activo dende o 2005. Tras dous primeiros discos de heavy-psych, evolucionaron cara sons máis experimentais e instrumentais, con influencias que van desde o Miles Davis eléctrico ou o stoner-rock americano. O seu estilo foi definido como unha gran onda que percorre cinco décadas de rock, creando paisaxes sonoras expansivas e hipnóticas que os consolidan como unha referencia esencial da psicodelia contemporánea.
O festival tamén contará nesta segunda xornada con algúns dos grandes nomes da escena estatal e galega como é WetCactus, banda cántabra que se move entre o stoner máis clásico e o grunge dos noventa, formada no verán de 2013, así como Moura, banda coruñesa que aposta pola fusión de rock progresivo, psicodelia e folclore tradicional, creando unha experiencia sonora case ritual.
A nota máis exótica, para pechar a derradeira xornada de festival, apórtana Volcanova, que chegarán dende Islandia co seu stoner rock cheo de fuzz, grooves poderosos e harmonías vocais a tres voces.
A ARTISTA OBTÉN ESTA NOMINACIÓN POLA SÚA CANCIÓN NON CHO PODO DAR XUNTO A MARÍA ESCARMIENTO NA CATEGORÍA DE MELLOR CANCIÓN EN GALEGO/ASTURIANU
A cantante galega Sabela volve a obter un novo recoñecemento a nivel estatal co anuncio de finalista a Mejor Canción en Galego/Asturianu por Non cho podo dar, o seu tema xunto a María Escarmiento, nos Premios de la Academia de la Música de España. Esta mañá déronse a coñecer os finalistas destes galardóns outorgados pola Academia, formada por artistas, autores, produtores, editores, xestores, promotores e outros profesionais do sector co fin de estimular e proclamar a excelencia, a solidariedade, o talento, o traballo e o esforzo entre a comunidade musical do estado.
Este recoñecemento é o segundo consecutivo nestes premios, tras ser recoñecida con Hi, My Love o pasado ano na mesma categoría. Nesta ocasión, a de Ourol comparte candidatura xunto coas seguintes artistas e cadansúas cancións:
Tanxugueiras – As que nunca cantaron
Fillas de Cassandra – Hibernarse
Sen Senra – Padiante
Tanxugueiras & Caamaño&Ameixeiras – Ghatiña Mansa
Sabela & María Escarmiento – Non cho podo dar
O período de votación estará aberto dende o 10 de abril ata o 30 do mesmo mes, para que os membros da Academia con dereito a voto poidan seleccionar aos proxecto gañadores das 43 categorías.
Desde a súa primeira edición, celebrada en 2024, os Premios de la Academia de la Música de España teñen como fin celebrar e destacar o talento, o esforzo e a paixón dos profesionais da música. Os galardóns recoñecen un amplo espectro do sector, desde a música en vivo, ata disciplinas técnicas, como o deseño de álbums, a produción ou a enxeñería de son, converténdose así nos galardóns máis completos e representativos do panorama musical estatal. A gala de premiación desta terceira edición terá lugar o 26 de maio nunha cerimonia emprazada no Palacio de Congresos de IFEMA de Madrid.
Non cho podo dar foi a canción destacada de Bríllanche os olliños,último EP publicado por Sabela. Un tema que viu a luz en colaboración con María Escarmiento. Esta unión entre dúas amigas deu como resultado un tema de pop con sons máis ambientais e retrousos instrumentais, pero cun ton moito máis directo. Nel, Sabela e María xogan coa idea de amar fóra do socialmente establecido, reivindicando que sentir nunca é un erro, por moito que desafíe as normas impostas. O tema nace desa capacidade inmensa de amar máis alá do permitido, de amar sen culpa; desa honestidade que leva a cuestionarse se o problema está en quen sente ou en quen impón os límites. Ao longo do tema extráense referencias aos mitos das sereas: mulleres libres, temidas e xulgadas por ser diferentes.
Este novo nomeamento non fai máis que redondear un proxecto que está obter recoñecemento en numerosos premios. Baixo o EP de Bríllanche os olliños, a cantante obtivo o Premio Martín Códax da Música 2025 na categoría Pop/Indie, así como foi finalista nos Premios de la Academia de la Música 2025 na categoría de Mejor Canción en galego/asturianu/bable ou nos Premios Mestre Mateo en 2025 e 2026 por Hi, My Love e Non cho podo dar respectivamente. Acumulando xa máis de medio millón de escoitas en plataformas, Sabela está presentar este novo traballo en directo cos primeiros concertos do seu Brillante Tour, que xa pasou por Bruxelas (Bélxica) no marco do recoñecido Festival EmigraSon e que xa ten as seguintes datas anunciadas:
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra,SonRías Baixas,Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, Sabela presenta o seu novo EP, Bríllanche os olliños, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e Camponarai, Cerca de ti, A quen ignora e Non cho podo dar, en colaboración con María Escarmiento, son os temas que o compoñen.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Bríllanche os olliños, último traballo discográfico de Sabela, vén de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.