Alana desembarca na Sala Capitol este sábado co directo do seu novo disco, UN SABER

Este sábado, 18 de abril, ás 21.30 horas, un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presentará en Compostela, por primeira vez en vivo, o seu segundo traballo discográfico, publicado o pasado venres, 10 de abril

As últimas entradas do concerto están dispoñibles en: https://salacapitol.entradas.plus/entradas/es/alana-capitol

Con Un saber, Alana explora os ritmos da nosa tradición oral, coa súa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar

A Sala Capitol bailará esta fin de semana ao son de Alana. Un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presentará en Santiago de Compostela, por primeira vez en vivo, o seu novo disco, Un saber, que viu a luz o pasado venres, en todas as plataformas dixitais. A cita será este sábado, 18 de abril, contra ás 21.30h. 

Neste segundo LP, Alana explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar. E así o poderá confirmar en directo todo o público que acuda ao directo este sábado na Capitol. 

No concerto, cuxa posta en escena –de inspiración floral– correrá a cargo de As dúas e punto, Alana estará arroupada por múltiples colaboracións sorpresas. As últimas entradas están dispoñibles na páxina web da sala: https://salacapitol.entradas.plus/entradas/es/alana-capitol 

Alana son Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, nunha coidada e xa característica produción musical. 

Con este novo traballo discográfico, Un saber, Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel O xeito á Cántigha, a súa festexada ópera prima. 

Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”.  O proxecto do disco contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Tralo seu paso pola Sala Capitol de Compostela, Alana presentará en directo Un saber, tamén, nas seguintes prazas:

22.05.2026. Festival de Cans (O Porriño).

23.05.2026. Hórreo Vivo (Rianxo).

13.06.2026. Negreira.

27.06.2026. O son da aldea (Pantón).

E moitas máis por anunciar

UN SABER, UN DISCO PARA BAILAR, CANTAR, GOZAR E EMOCIONAR    

“Un saber é unha evolución sobre como empezamos a vivir a música nos primeiros tempos de Alana e como o facemos agora… A nivel rítmico, é un disco moi diverso, xa que exploramos a meirande parte dos ritmos da nosa tradición oral. En moitos casos, as cancións están ligadas con momentos ou persoas que foron importantes nas nosas vidas”, apunta a banda. E continúa: “Había unha idea que nos rondaba na cabeza desde hai tempo, e era a pouca importancia que lle daban as propias informantes á música que facían, algo que xa sabíamos, pero que nos segue sorprendendo a día de hoxe”. 

Antía, Eloy e Pablo apuntan, tamén: “O libro publicado por Beatriz Busto Miramontes, Pandereteiras de Mens, fala de como Prudencia, Asunción, Manuela, Adela e Teresa –e, como elas, tantas mulleres no noso país–, non tiñan unha «conciencia directa de que detrás da práctica de tocar a pandeireta, cantar e bailar houbese un saber musical». 

Para elas a música eran esas charangas ou murgas, pensaban que o seu non constituía un ’saber’ en si mesmo, e de aí o nome do disco”. Para Alana, esa música constitúe algo de tan alto valor, de tan amplo coñecemento e de tan grande saber que “queríamos aportar o noso pequeno grao de arena para seguir con ese legado que nos deixaron e nos deixan”.

ALANA: RAÍZ, RITMO E REVOLUCIÓN

Alana é un dos proxectos máis singulares da nova escena tradicional galega. Unha formación musical á que dan vida Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. Unha proposta nova, diversa, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile. 

O marcado estilo persoal da banda levounos a compartir escenario con artistas como Rodrigo Cuevas e a participar nalgunhas das principais citas musicais galegas, como o Atlantic Pride ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; pero, tamén, en programacións noutros lugares da Península Ibérica e de Europa, formando parte de espazos como o Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Genève.

No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, no que tiveron a ocasión de tocar en dous anos consecutivos, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor album en galego nos Premios MIN. O xeito á cántigha é o seu primeiro disco, mentres que Un saber é o seu segundo traballo.

20260416-NP-Alana_Sala-Capitol

As arpistas Sona Jobarteh, Siobhán Armstrong e Maeve Gilchrist, cabezas de cartel da nova edición do Noia Harp Fest

Jobarteh, que colaborou na ‘BSO de Mandela: Long walk to freedom’, é a primeira muller solista de kora, rompendo unha tradición hereditaria de sete séculos

Armstrong, directora da Historical Harp Society of Ireland, é considerada a maior autoridade mundial na interpretación da arpa histórica gaélica

A escocesa Gilchrist salienta por revolucionar a arpa celta mediante a hibridación do folclore tradicional co jazz e a improvisación contemporánea

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia desvela os primeiros nomes que formarán parte da programación da súa 13ª edición, que se celebrará na localidade coruñesa do 29 de xullo ao 1 de agosto. As recoñecidas arpistas Sona Jobarteh, Siobhán Armstrong e Maeve Gilchrist encabezarán o cartel do único festival de arpa de todo o noroeste peninsular.

Con este primeiro anuncio, Noia Harp Fest festival consolida non só a súa aposta pola diversidade estilística, senón que mantén o seu compromiso de programar ás mulleres arpistas máis relevantes do panorama musical a nivel galego, nacional e internacional, á vez que actúa como plataforma de lanzamento para as novas virtuosas. Así, se no último lustro contou con nomes como Alba Barreiro, Ana Crismán, Beatriz Cortesao, Beatriz Martínez, Bleuenn Le Friec, Camille Levecque, Claudia Besné, Francesca Romada Di Nicola, Laoise Kelly, Müsgo, Nadia Birkenstock, Noelia Cotuna, este ano contará cunha programación que dará boa conta do elevadísimo nivel interpretativo que está a vivir o instrumento en distintos lugares do mundo.

O anuncio da participación de Jobarteh, Armstrong e Gilchrist tamén dá pé a coñecer tres das primeiras sedes oficiais desta edición, e que se corresponden á vez con tres dos seus espazos máis emblemáticos: o histórico Teatro Coliseo Noela, a íntima Igrexa de Santa María A Nova e a espectacular Praza do Tapal.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA), a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.

Sona Jobarteh

Sona Jobarteh

Sona Jobarteh é unha recoñecida compositora, cantante e instrumentista de orixe gambiana e británica, nada en 1983. É a primeira muller solista de kora pertencente a unha das cinco familias principais de griots, rompendo cunha tradición hereditaria de sete séculos. Formada en música clásica no Royal College of Music de Londres, destaca pola súa capacidade para fusionar a tradición mandinga co blues e o afropop.

O seu estilo instrumental caracterízase por unha mestura de virtuosismo tradicional e arranxos modernos que expanden os límites da kora. Colaborou en importantes bandas sonoras cinematográficas, entre elas a da película ‘Mandela: Long Walk to Freedom’. O seu álbum ‘Fasiya’ marcou un fito na música africana contemporánea, acadando recoñecemento internacional pola súa calidade técnica e emotividade. En 2023 foi investida doutora honoris causa pola prestixiosa Berklee College of Music, consolidándose como unha das artistas máis influentes do continente africano.

Alén da súa faceta artística, Jobarteh fundou a Academia Gambia en 2015, unha institución dedicada a reformar o sistema educativo en África a través da cultura. Desde Londres, hoxe en día lidera proxectos de activismo social e preservación do patrimonio musical africano.

Siobáhn Armstrong

Siobhán Armstrong 


Desde as illas, concretamente desde Irlanda, chega Siobhán Armstrong, unha das súas arpistas máis importantes, recoñecida internacionalmente como unha figura clave no renacemento da arpa irlandesa antiga con cordas de metal e por ser a maior autoridade, a nivel mundial, na interpretación da arpa histórica gaélica. O seu labor foi esencial para que o instrumento fora recoñecido pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Fundadora e directora da Historical Harp Society of Ireland, dedicou a súa carreira á recuperación da técnica e o repertorio deste instrumento histórico esquecido durante séculos. De feito, Armstrong toca unha réplica única da arpa do Trinity College de Dublín, caracterizada por estar tallada nun só bloque de madeira de salgueiro e encordada con fíos de latón e prata. Utiliza as unllas, tal e como describen as fontes históricas do século XVII, para obter o timbre metálico e sostido propio do instrumento.

A súa discografía inclúe traballos fundamentais como ‘Cláirseach na hÉireann’, onde explora as raíces da música irlandesa dos séculos XVI ao XVIII. Ten colaborado con directores de renome como William Christie ou Jordi Savall, e actualmente é a directora artística do festival Scoil na gCláirseach, o evento anual máis relevante do mundo dedicado á arpa de cordas de metal.

Maeve Gilchrist

Maeve Gilchrist

A tríade de grandes mulleres que lideran este Noia Harp Fest complétase cunha das solistas máis influentes do panorama actual: a intérprete, compositora e cantante escocesa Maeve Gilchrist, recoñecida por revolucionar a arpa de levas (arpa celta) mediante a hibridación do folclore tradicional co jazz e a improvisación contemporánea. 

Nada en Edimburgo e formada no Berklee College of Music, o seu estilo destaca por un uso innovador do instrumento como percusión e o emprego de técnicas cromáticas avanzadas. O seu aclamado álbum ‘The Harpweaver’, descrito por The New York Times como “unha sofisticada mestura de folk e jazz”, foi cualificado pola crítica como “unha obra mestra da música de cámara moderna”, integrando arranxos de corda e voz. 

Actualmente reside en Brooklyn, onde lidera a nova xeración de músicos que buscan elevar a arpa de levas a contextos sinfónicos e experimentais. Ademais, Gilchrist exerce tamén como directora artística do Rockport Celtic Festival, consolidándose como unha figura punteira na xestión cultural internacional.

O IESCHA organiza as presentacións dos libros AGORA NON É ANTES. IDEAS PARA UNHA REVOLUCIÓN TRANQUILA, de Antón Baamonde, e A FABA E NÓS, de Alberto V. Serantes, na Casa da Cultura de Vilalba

VENRES 17-04-2026

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro AGORA NON É ANTES. IDEAS PARA UNHA REVOLUCIÓN TRANQUILA, do filósofo e escritor vilalbés Antón Baamonde, editado por Galaxia.

Estará acompañado por Henrique Sanfiz, de Radio Fene, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

O acto terá lugar o venres 17 de abril de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

SÁBADO 18-04-2026

E o sábado 18 de abril o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, tamén organiza o acto de presentación do libro A FABA E NÓS, de Alberto V. Serantes, con ilustracións de Araceli Paz e publicado por Figurando Recordos Edicións.

A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

O acto terá lugar o sábado 18 de abril de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTAS INFORMATIVAS

SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA, un espectáculo de contos con Sole Felloza, este sábado na Casa-Museo Manuel María

SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA, un espectáculo de contos con SOLE FELLOZA, este sábado, ás 17 horas para nenos e nenas de seis anos en adiante

Houbo un tempo en que coñecer os seres máxicos era imprescindíbel para entender o mundo. Saber onde vivía o nubeiro, que monte habitaba un xigante ou en que fonte podía aparecer unha moura axudaba a orientarse no territorio, mais tamén na vida. Estes seres formaban parte dun saber compartido, ligado á terra, aos camiños e á memoria do país.

Este espectáculo de narración oral para nenos e nenas, a partir de seis anos en diante, propón volver poñerlles voz, corpo e historia a esas criaturas. A partir do Mapa dos Seres Máxicos do Reino de Galicia, creado por Manuel Gago e ilustrado por Leandro Lamas, a palabra falada convértese nun mapa vivo: un espazo escénico onde pousar o dedo e abrir unha historia, onde cada lugar garda unha voz.

Trasnos, meigas, xacias, nubeiros, seres desaparecidos e outros vencellados a illas, montes, fontes ou camiños regresan á oralidade para ser contados de novo, reinventados e compartidos, por Sole Felloza.

Será este sábado, 18 de abril, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María. Importante, é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

A.C. Donaire celebra este sábado a XIII edición do seu festival DÁLLE DONAIRE

O emblemático escenario do Teatro Colón acollerá a cita este sábado, 11 de abril, ás 19:00 horas

A Asociación Cultural Donaire regresa un ano máis ao emblemático escenario do Teatro Colón para celebrar a décimo terceira edición do seu xa consolidado festival Dálle Donaire. A cita terá lugar este sábado, 11 de abril, ás 19:00 horas, prometendo unha xornada onde a tradición, o movemento e a identidade galega serán os grandes protagonistas.

UNHA VIAXE POLA ESENCIA DA NOSA TERRA

Nesta XIII edición, o Festival Dálle Donaire non é só unha actuación, senón unha homenaxe ao traballo incansable de preservación da nosa cultura. O público poderá gozar dunha selección coidada das mellores pezas do repertorio da Asociación, así como da participación activa dos diferentes grupos que integran a escola da asociación.

A gala está deseñada como un percorrido polas danzas e músicas que definen o noso folclore, executadas con ese “donaire” característico que mestura o respecto absoluto pola raíz coa enerxía dunha posta en escena contemporánea e profesional. “O Festival Dálle Donaire é o momento no que a escola e o grupo profesional conflúen para compartir coa cidade meses de esforzo e paixón pola nosa cultura. Tras trece edicións, o compromiso de Donaire coa Coruña e co noso patrimonio segue máis vivo que nunca”, sinalan desde a Asociación.

IDENTIDADE VISUAL CON FIRMA DE AUTORA: MOLU ARES

A imaxe desta edición vén da man da recoñecida ilustradora e deseñadora Molu Ares, que é ademais alumna de Donaire. Cun estilo que destaca pola súa capacidade para capturar a forza do movemento e a expresividade humana, Ares creou un cartel que encapsula a alma do festival. A súa colaboración aporta unha dimensión artística adicional ao evento, vinculando a tradición escénica coa vangarda da ilustración galega actual.

XIII EDICIÓN DÁLLE DONAIRE

Teatro Colón, A Coruña
Sábado, 11 de abril — 19:00 horas

Entradas en Ataquilla.com

Sobre Asociación Cultural Donaire

A Asociación Cultural Donaire créase na cidade da Coruña no ano 2000, co obxectivo de recuperar, promover e difundir unha importante parcela da nosa cultura tradicional como é o folclore galego. Conta cunha escola na que se imparten clases de canto e baile, así como de instrumentos que tradicionalmente foron utilizados no seu acompañamento como a gaita, pandeireta, tamboril, bombos, pandeiras e outros instrumentos de percusión menores. Tamén conta cun grupo composto por mozas e mozos que tras anos na escola amosan nas actuacións o donaire, riqueza e variedade da nosa música e a nosa danza popular, conservando e difundindo o legado cultural que lles foi transmitido polos seus maiores. Tódalas pezas presentadas foron seleccionadas logo dunha intensa labor de recolleita etnográfica de campo pola xeografía galega, mantendo fielmente as características de como eran interpretadas.