Este sábado 11 de abril a asociación cultural Castiñeiro Milenario organiza a proxección da película O médico dos pobres, de Federico Rioboo, a partir das sete da tarde na Casa da Cultura de Begonte.

Este filme documental tenta recuperar a memoria arredor do asasinato na guerra civil española de Manuel Díaz González, médico e alcalde do Incio, a mans de falanxistas. Con testemuñas variadas, un traballo de reconstrución e coralidade capaz de axudar a esclarecer a infamia dun tempo.

O fío condutor do documental parte do libro Sementes e memoria. Morte e evocación dun médico republicano, escrito por José Luis Díaz, sobriño do protagonista.

José Luis iniciou a investigación da vida do seu tío a raíz dunha nota manuscrita a lapis que de xeito casual atopou entre documentos da familia aló polo ano 1978. Esta nota dicía: “O 11 de setembro de 1936 matáronme a Manuel os fascistas”. Esta nota fora escrita polo pai do médico asasinado, e avó de José Luis, quen intuíu que a morte do seu tío estaba aínda rodeada dunha espesa néboa.

Ao remate terá lugar un pequeno coloquio para comentar a película proxectada.