

Desde este luns, 7 de xullo, e até o luns 21, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, as creadoras traballan na Igrexa da Madalena, no marco do Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, na proposta Cerrados y dormidos los ojos bailan
Trátase dunha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento
Unha vez finalizada a súa residencia, as artistas ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar o domingo, 20 de xullo, contra ás 20.00h, na mesma MIT, na Igrexa da Madalena, con entrada libre ata completa a capacidade do espazo
Paralelamente, Natalia Fernandes e Marta Azparren participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
As artistas Natalia Fernandes e Marta Azparren iniciaron esta mañá na Igrexa da Madalena, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A MIT acolle, desde hoxe e até o luns, 21 de xullo, a quinta destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta das creadoras Natalia Fernandez e Marta Azparren que ten por título Cerrados y dormidos los ojos bailan.
Cerrados y dormidos los ojos bailan é un é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren, unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que as creadoras buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Natalia Fernandes e Marta Azparren ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da celebración da MIT, o domingo, 20 de xullo, contra ás 21.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Cerrados y dormidos los ojos bailan é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren.
Deste encontro, as dúas creadoras inician unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible (aquela que ocupa o negativo da bailarina), a creación colectiva da súa anatomía tan precisa como imposible e xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.
Nun proceso que pensan sempre aberto, Marta e Natalia teñen o desexo, na súa estancia en Ribadavia, de revisitar o material teórico e escénico explorado deste primeiro encontro para seguir investigando e buscando as estratexias performativas de como traducir este diálogo co público co desexo de transformar e seguir bailando cos nosos ollos.
SOBRE AS ARTISTAS
Natalia Fernandes é unha intérprete e creadora brasileira establecida en España dende 2017. A súa formación en danza desenvólvese entre o contexto universitario (UNICAMP) e a escena contemporánea paulista. Traballou con coreógrafos en Alemaña, Israel, España, India, etc., e como creadora e profesora en países de Europa, Oriente Próximo, África e Estados Unidos. En 2017, iniciou a súa investigación sobre o método Anatomía inventada e comezou unha serie de traballos en España con Jesús Rubio Gamo, Celso Giménez / La Tristura e Poliana Lima, entre outros. A súa creación máis recente, El Carnaval no es alegre – TINY-DESK, estreouse no Festival TNT 2023 e en Conde Duque Madrid. En 2024 é artista residente do Graner, La Poderosa e C.C. Barceloneta, onde investiga a súa metodoloxía práctica Anatomía inventada e dá comezo ao seu novo proxecto escénico Objeto Não Identificado, unha coprodución do Mercat de Les Flors e Conde Duque.
Marta Azparren é unha artista visual non visual. Móvese entre o cine experimental / expandido, as artes vivas e o debuxo. O seu traballo adoita ocuparse da actividade artística atendendo ás conexións entre creadorxs, espectadorxs, obra e maquinaria interna da mediación, a produción e a exhibición. A mirada diríxese, ademais, cara ao non visual no visual, o que tende a desaparecer. É autora do ensaio Cine ciego: detener el flujo de las imágenes, sobre o cine monocromo e as imaxes sen imaxe.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.