• A galería NÉBOA debuta en ARTESANTANDER cunha proposta de Andrea Davila Rubio e Andrés Rivas Rodís sobre corpo, territorio e memoria
  • Do 11 ao 15 de xullo de 2025 
  • Stand N37 – Palacio de Exposicións e Congresos de Santander  
  • Entrada libre | Horario: de 17:00 a 21:30 h  

A galería NÉBOA, con sede en Lugo, participa por primeira vez en ARTESANTANDER, unha das feiras de arte contemporánea máis recoñecidas do Estado, cunha proposta que reúne o traballo recente de Andrea Dávila Rubio (Boiro, 1995) e Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000). Ambos artistas galegos exploran desde perspectivas complementarias as relacións entre corpo, contorno, materia e memoria a través da escultura expandida e o collage matérico.

NÉBOA é a única galería galega presente nesta edición da feira cunha proposta composta integramente por artistas galegos, consolidando así o seu compromiso coa creación contemporánea do país e coa difusión de proxectos arraigados no territorio, cunha mirada crítica e sensíbel. Esta primeira participación supón un paso firme na súa proxección como axente activo no panorama estatal.

Fundada en 2023, NÉBOA é a única galería da provincia de Lugo integrada en CONTEMPORÁNEAAsociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia. Desde os seus inicios, defende a creación como espazo de pensamento e emoción, apostando por proxectos artísticos que dialogan coa identidade, a natureza e a esencia humana. O seu labor baséase na combinación de liberdade creativa e rigor curatorial, ofrecendo experiencias expositivas que favorezan a conexión emocional e intelectual co público.

Andrea Davila Rubio (Boiro, Pontevedra, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Desenvolveu a súa práctica en institucións internacionais como o Boston College (EE.UU.) e o Institute Art Gender Nature (Basilea), grazas a bolsas como a Fulbright–Xunta de Galicia e a da Fundación María José Jove. Davila Rubio investiga a relación entre o corpo e os elementos naturais, creando pezas escultóricas que activan vínculos sensoriais coa materia, o vexetal e o espazo. A súa práctica propón unha ruptura coas xerarquías entre o humano e o non humano, formulando novas formas de convivencia baseadas no coidado e na transformación mutua.

Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é graduado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2022), máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco en Biscaia (2024), residente en Piramidón (Barcelona, 2025) e actualmente doutorando na Universidade de Vigo. En 2024 recibiu o Premio Gaztea do Concello de Leioa (Biscaia) e en 2022 foi galardoado co Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París) Rivas Rodís traballa co concepto de superficie como espazo de acumulación e diálogo. As súas obras funcionan como palimpsestos nos que se superpoñen capas de memoria, tempo e materia, xerando estruturas abertas e en constante evolución. A través da súa práctica, convida a repensar as dinámicas que conforman o noso contorno físico e simbólico.

A proposta para ARTESANTANDER artéllase arredor dun interese compartido pola materia como superficie viva e transformable. A través da escultura expandida e o collage matérico, ambos artistas exploran a relación entre corpo, contorno e memoria desde perspectivas complementarias, facendo da obra un espazo de tránsito onde o natural e o construído, o humano e o non humano se entrelazan sen xerarquías. As súas prácticas, sensoriais e procesuais, dialogan nun mesmo espazo para convidarnos a repensar o noso vínculo co mundo desde a atención, o coidado e a transformación continua.

Información práctica:


📍 Stand N37 – Palacio de Exposicións e Congresos de Santander. 
📅 Do venres 11 ao martes 15 de xullo de 2025
🕔 Horario: de 17:00 a 21:30 horas
🎟 ENTRADA LIBRE

Máis info: https://artesantander.com/galerias/